Artigos

Onte 998: Predicións

San_SimonEstivemos pendentes das diversas predicións meteorolóxicas para o serán deste sábado no que daremos a coñecer na illa de San Simón o ditame dos Premios Xerais 2014. Hai moitas probabilidades que chova, coma xa sucedeu nos dous últimos anos; aínda que tamén algunhas da existencia de clariños intermitentes. En definitiva, tempo variable e incerto, como lle acae a esta primavera do país de noso. Con todo, non teño dúbida que celebraremos o magnífico discurso de Xavier Senín de gabanza da lectura e dos membros da Xeración Lamote, gozaremos da música de Puntada sen fío, o grupo musical no que participa Xiana Lastra, gabaremos a Jules Verne na súa semana viguesa, leremos anacos d’ A illa misteriosa na tradución galega de Ánxela Gracián, coñeceremos tres novos textos, chufaremos ás súas autorías e, sobre todo, compartiremos co polbo e cos petiscos que prepara Fita anceios e angueiras de amigos e amigas chegados de todo o país. Eis a importancia do serán de convivio de San Simón. Quen dixo choiva!!!

Onte 883: Ler é a arte de anticipar

As diversas presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están constituíndo formidables leccións arredor da formación do lector literario. Onte en Compostela, tras a excelente intervención de Xavier Senín, que definiu o libro como «fermoso e emocionante», Xabier DoCampo volveu sobre a cuestión da lectura literaria lembrando unha afirmación de Harold Bloom: «ler literariamente é ser coma un deus». DoCampo confesou que escribira A illa de todas as illas «só pensando nos adolescentes, é o que eu considero literatura xuvenil; quixen falarlles da marabilla de ler, do engado das palabras, xa que como teño dito noutras ocasións ler é saber o que din os libros de cada un de nós». Continuou o seu discurso afirmando que «ler é tamén a arte de anticipar o que vai suceder na obra; esa é unha das cousas que teñen que aprender os lectores en formación. E onde mellor pode desenvolverse esa capacidade de anticipación é na novela de aventuras, onde o mar é o gran escenario». «Ler é un camiño de formación. Ler literatura infantil e xuvenil na escola é formarse como lector. Esa é a razón pola que son moi esixente coa calidade da literatura infantil e xuvenil. Con mala literatura non se fai un lector literario, debemos ir máis aló da comprensión lectora, entender até onde se pode». Para DoCampo «A literatura ven definida polo lector, calquera libro que un rapaz le con curiosidade convértese nun libro de literatura infantil ou juvenil». Tras citar e recomendar os sete libros de aventuras presentes nas páxinas d’ A illa de todas as illas, rematou Xabier dicindo que «o máis marabilloso de contar unha historia e volverá contar outra vez, e otra, compartida até crear unha rede».

Onte 668: A experiencia dos nacionais da Xeración Lamote

Máis dun cento de participantes no curso de formación continua de LIJMI moito celebraron cos seus aplausos cada unha das intervencións de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín e Xabier DoCampo na mesa redonda sobre a súa experiencia como «premios nacionais» galegos de literatura infantil e xuvenil. En cadanseu parladoiro, os membros da Xeración Lamote (Xavier Senín estaba entre o público) expresaron con moita ironía o chimpo de xigante que supuxo para a nosa incipiente LIX a concesión de tan importantes recoñecementos que a cada un deles, sen excepción, pillou por sorpresa (e traballando na escola). En tardes tan divertidas (e emocionantes) como as de onte, comprobamos a xenerosidade e grandeza destas catro persoas amigas capaces de forxar un éxito colectivo (para a nosa lingua e cultura literaria) e continuar sentíndose partícipes e corresponsables dunha tarefa inacabada nas súas angueiras vitais como educadores, escritores e militantes do idioma. Unha marabilla, a dos mestres da Xeración Lamote!

Beizón, á parte, merece a profesora Blanca Roig e o seu equipo de LIJMI capaces de consolidar (e mesmo ampliar agora ao ámbito iberoamericano) este espazo formativo e a publicación anual que recolle os seus contidos (xa son nove os volumes editados). É de xustiza salientar que grazas ao esforzo deste equipo de investigadoras, Galicia é, tamén, unha referencia no eido da investigación e mediación sobre as literaturas infantís e xuvenís.

Onte 508: #DoutorAgustin

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.