Listado de la etiqueta: violencia_contra_as_mulleres

As trampas da pornografía

Coincidindo co 25-N dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao libro Las Trampas de la pornografía de Amada Traba, Priscila Retomozo e Chis Oliveira (Catarata 2025):

Coincidindo coa xornada do 25N de eliminación da violencia contra as mulleres está dispoñible nas librarías Las trampas de la pornografía. La sexualidad que deseamos (Catarata 2025) de Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira, voces feministas con ampla traxectoria na investigación e docencia en ciencias sociais e coeducación. Obra sólida e exhaustiva na documentación, rigorosa nas análises, moi fluída no discurso sobre a pornografía e comprometida na aposta pola educación afectiva sexual. Para Ana de Miguel, profesora da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid, autora do prólogo, «este libro é unha poderosa ferramenta de consulta, pensamento e debate dirixido tanto a mulleres coma homes» sobre un imaxinario sexual pornográfico dominante que deshumaniza ás mulleres e invisibiliza a subxectividade sexual feminina tanto no público como no privado. Obra valente, irritante para o machismo, con vontade de intervención na que se abordan temas como o auxe da machosfera, a normalización do abuso sobre as mulleres, a hipersexualización das menores e o que se ven chamando “pornificación”, un modelo de sexualidade no que o poder, a dominación e a humillación masculinas substitúen ao coidado e ao respecto ao desexo das mulleres.

Xaora, a pornografía é unha industria poderosa, que move no ecosistema dixital máis de 100.000 millóns de dólares cada ano, e contribúe á normalización da violencia sexual e a cousificación das mulleres baixo a aparencia dunha actividade recreativa orientada a persoas adultas. A pornografía reforza a idea de que o pracer masculino debe prevalecer sobre o consentimento, lexitimando prácticas de subordinación e explotación, destinadas a ser consumidas por públicos diversos, entre eles o dos menores, que dende os 11 anos, e de forma case xeral, acceden a contidos deste tipo que atopan de forma doada en internet. Porno nativos que consolidan un imaxinario sexual baseado nunha narrativa patriarcal que constrúe as mulleres como obxectos pasivos cuxa función principal é satisfacer o desexo masculino. O que constitúe un desastre, xa que a violencia se amosa como parte do desexo masculino, o sometemento como algo erótico e a falta de consentimento como elemento excitante. A pornografía hexemónica presenta ás mulleres non só como obxectos sexuais, senón que no súmmum da cousificación as reduce a corpos, aos orificios dispoñibles para o pracer masculino.

Un informe do goberno francés confirma que o 90 % da pornografía mainstream contén actos violentos non simulados, incluíndo a tortura, a humillación e escenas de violación, reducindo ás mulleres a simples obxectos de uso sexual. En definitiva, a pornografía normaliza esta violencia sexual contra as mulleres, ensinando a erotizar o pracer do dominio, que non se trata só de pracer físico, senón de gozar da humillación e sometemento das mulleres. Estudos diversos apuntan que a exposición á pornografía violenta aumentan aínda máis a probabilidade de condutas agresivas. Máis aínda, a evidencia apunta a que a repetición da visión deste tipo de escenas pornográficas desensibiliza, normaliza a agresión sexual e configura esquemas de desexo onde a violencia se presenta como fonte de excitación. Citando a feminista Andrea Dworkin, as autoras lembran que non hai acontecemento violento da historia, incluídos os campos de concentración nazis ou a guerra de Ucraína e o xenocidio de Gaza, que non fose incluído xa como escenario de humillacións e violencias por parte da industria do porno. Unha oferta pornográfica que segmenta e monetariza os corpos femininos, transformando ás mulleres en produtos consumibles segundo criterios raciais, corporais, de idade e mesmo de extrema vulnerabilidade.

Trampas da pornografía, recollidas en título afortunado, tanto as explícitas como as virtuais, que corren polas redes dixitais, como a supersexualización infantil e xuvenil ou cos negocios do sexo dixital (OnlyFans) creados no capitalismo neoliberal que poñen a sexualidade ao servizo do consumo. Como alternativa, as autoras propoñen situar no centro do debate o pracer, a comunicación e o afecto, eixos dunha sexualidade concibida como unha forma de coñecemento emocional. O que precisa dunha coeducación afectivo sexual integral baseada na evidencia científica e na ollada feminista, que incorpore o desexo, o consentimento, a diversidade e a liberdade como os seus piares. Se esta educación afectiva se consolida nos mozos e mozas, non só mellorará a súa saúde sexual, tamén reducirá violencia contra as mulleres. Moitos parabéns as autoras e á viguesa Carme Pérez, editora de Libros de la Catarata, editorial independente, responsable dunha oportunísima edición. Recomendo Las trampas de la pornografía moi vivamente.

Onte 1547: Feminicidio

feminicidio_en_galicia

O magnífico Portal das Palabras elixiu “refuxiado” como a palabra do ano 2015. Mil setecentas persoas escollérona entre a media ducia de finalistas, –onde estaban “feminicidio”, “rechouchío”, “indignación”, “xihadismo” e “plebiscitario”–, probablemente para expresar a súa solidariedade cos millóns de persoas obrigadas a fuxiren dos seus países de orixe cara Europa. Xaora, e co maior respecto para esta escolla, para min é “feminicidio”, palabra aínda non incorporada aos dicionarios galegos, a triste protagonista deste ano. Este asasinato imparable de mulleres por razóns de xénero, que onte en Galicia acadou a sétima vítima, a quinta na área metropolitana viguesa e a número 55 en todo o estado, non pode ser abordado de forma rotineira nin como un fenómeno social inevitable. Este feminicidio debe pasara a formar parte central da axenda pública (a utilizada polos medios e institucións públicas), das preocupacións das organizacións políticas (non só durante os debates de campaña) como das iniciativas e organizacións sociais e cívicas  (non só dos grupos feministas). Razóns polas que cómpre chamar as cousas polo seu nome: “feminicidio”, “violencia machista”, “asasinato”, “lacra”, “noxo”, “nunca máis”… Verbalizar esta traxedia coas palabras axeitadas, fuxindo de eufemismos e termos ambiguos, é o primeiro requisito para poder intentar erradicala.

Onte 1526: «Paulina»

PaulinaPaulina (La patota), o thiller de Santiago Mitre, é unha desas raras películas que se rosman á saída do cine. A violación dunha xove profesora por parte dunha panda («la patota») de mozos, entre os que hai algún dos seus alumnos, abre unha complexa reflexión sobre a violencia contra as mulleres, nacida da ideoloxía machista da posesión, e sobre a violencia sobre os pobres exercida polo estado. A historia íntima desta rebelde acomodada, filla dun xuíz, permite a Mitre abrir o debate sobre as vítimas da violencia, os límites da vinganza, a procura da verdade e o papel da xustiza nas sociedades desiguais. A interpretación xenial de Dolores Fonzi mantén en vilo ao espectador, a pesar de que guión explora por momentos o territorio do inverosímil. Eis a razón deses dous longos planos secuencia cos que comeza e remata unha obra, onde os cambios de punto de vista dunha mesma escena, as constantes elipses e os longos planos en silencio sobre o rostro de Paulina salientan o seu carácter de película aberta a un debate antidogmático e desprexuizado.

Onte 1483: Horror machista

pontesampaioCando escribo esta anotación, coa intención de expresar a miña indignacion polo asasinato machista de Pontesampaio, coñezo a noticia doutra vítima en Manresa. Un feminicidio que non cesa, a pesar dos chamamentos desesperados das organizacións feministas. Cinco vítimas en Galicia no que vai de ano, case medio cento en toda España, catro na última semana son cifras que ilustran este horror que non se convertiu, aínda, nun problema de estado nin aparece entre os temas da axenda electoral de decembro. Só a resposta cidadá e educativa abren cadansúa xanela para a esperanza de poder erradicar a longo prazo o virus machista, xerme deste feminicidio. Con todo, é imprescindible activar máis medidas e máis eficaces de protección das vítimas e das denuncias, como exixir aos partidos que asuman parar este feminicidio como unha prioridade política, unha posición orixinal compartida, coma se fixo no seu día co terrorismo de ETA. Non abonda con lamentar os asasinatos de mulleres, cómpre activar na sociedade unha resistencia contra eles.

Onte 1403: O machismo mata

11828570_876303502456785_7856449151084755380_nCatro vítimas do terrorismo machista na xornada de onte. Terrible. Un home matou a unha muller en Palma. Outro a marteladas a súa nai en Madrid. Outro as súas fillas de 4 e 9 anos en Moraña, como vinganza cara a súa compañeira da que estaba divorciado, para despois semellante milhomes pretender suicidarse. Renuncio a entender «razóns» e detalles destas atrocidades, expresión dun machismo que mata, dun virus mortal tan difícil de erradicar.

Máis alá da expresión da indignación e desacougo diante destes asasinatos, cómpre exixir medidas máis eficaces cas existentes para facerlle fronte a unha traxedia que non cesa. A lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero non abonda, mais aínda cando na actualidade non conta cos medios e coa afouteza das administracións para facela efectiva.

Sei da importancia da educación para acabar a longo prazo co machismo como forma de instalación social do patriarcado. Mais tamén, que cómpre reaxir decontado para evitar novos asasinatos. Non hai tempo, cando o lobo está á espreita coas gadoupas afiadas. Sei que as administracións poden axudar a esclarecer os casos e proporcionar seguridade ás vítimas, como tamén que escoitar os argumentos das asociacións feministas e das profesionais que traballan nas casas de acollida e noutros servizos de axuda ás mulleres axudaría a que a sociedade no seu conxunto, tanto homes coma mulleres, considerase a desaparición desta lacra como prioridade social e, polo tanto, política.