Listado de la etiqueta: tolkien

Porrúa editor

O editor Paco Porrúa recibirá na Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego unha homenaxe cando se fan dez anos do seu pasamento en Barcelona, onde vivía dende 1977. Tributo que faltaba para un xigante da edición literaria do século XX, fundador hai setenta anos de Minotauro, editorial referente da ciencia ficción en castelán, e asesor, despois, director literario da editorial Sudamericana durante case dúas décadas, nas que apostou por obras hoxe esenciais na literatura contemporáena, como Rayuela (1963) de Julio Cortazar ou Cien años de soledad (aparecida o 30 de maio de 1967) de Gabriel García Márquez. Afortunado e intuitivo nas súas escollas e nas obras que traduciu, entre elas Crónicas marcianas (1955) de Ray Bradbury, que asinou como Francisco Abelenda e O Señor dos Aneis (1977) de J.R.R. Tolkien, firmada por Luis Domenech, ensinou que no exercicio do seu oficio, o editor debe ser anónimo e discreto, consciente de que non é outra cousa que o seu catálogo e que cando morra non quedarán máis que os seus libros. Sabía que a primeira función do editor era a de lector, para escoller os mellores textos, logo editalos ben e conversar e acompañar sempre aos autores. Prácticas que lle permitiron legar un catálogo extraordinario, encabezado polos autores citados, aos que engadiu tantos outros nomes, como os de Alejandra Pizarnik, Onetti e Sarduy, entre os sudamericanos, e Italo Calvino, Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin ou Angela Carter, entre os traducidos. Nacido en Corcubión (1922), educado na Patagonia, onde emigrou con dous anos, nunca perdeu a súa relación con Galicia, a que regresou durante dous anos da súa adolescencia, o que non lle impedía confesar «ser un galego sen saudade». Retratado o 7 de xaneiro de 1973 na serie «Figuraciós» de La Voz de Galicia, Luís Seoane recoñecía no seu amigo Paco Porrúa «a paixón polos grandes escritores aparentemente sen lectores». Rescatalo do esquecemento e reintegralo á memoria da nosa edición histórica merece todas as beizóns.

Publicado en Nós diario: 08/05/2024

Onte 1139: «O Gran Reino» en Librouro

O_Gran_Reino_Librouro_07-11-14

XG00188801No marco do programa «Venres nas librarías», presentamos onte en Librouro O Gran Reino, a novela de Eduardo Santiago gañadora do premio Jules Verne de literatura xuvenil. Pechabamos así o proceso de recuperación deste premio co que Xerais pretende fomentar un xénero decisivo para a formación do lectorado literario.

Nas palabras limiares sinalei a importancia da narrativa de Eduardo Santiago, autor até agora de dúas novelas de ficción científica, 2044 e A teoría do tempo imaxinario, escritas ambas as dúas dende unha perspectiva feminista, nas que destaca o papel fundamental da muller como motor do cambio político e social. Compromiso e perspectiva feminista que profundiza n’ O Gran Reino, novela na que abandona o xénero da ficción científica para ofrecer unha narración de corte realista sobre o problema tan complexo como son os trastornos da conduta alimentaria e na que o mestura un mundo paralelo de fantasía, o Gran Reino de Margonia.

Sinalei como grandes acertos desta novela cativadora e de lectura engaiolante o deseño dunha gran protagonista, Galadriel, unha homenaxe a J.J. Tolkien, que ocupa toda a novela, desenvolvendo as súas altas capacidades, o seu coñecemento como lectora compulsiva, a súa creatividade desbordada e a súa capacidade para liderar ás súas compañeiras (mesmo ás que lle dobran a idade) da unidade somática onde foi internada. Gala, ademais, será a creadora de Margonia e dos seus catro reinos (Lesiu, Nerun, Lar e Maltar), de cada un dos seus espazos e dos seus moi diversos habitantes. Unha fantasía, concibida sempre como unha creación humana, capaz de argallar un enigma matemático complexo que a súa terapeuta, a doutora Regueiro (e de paso todas as persoas que len a novela), se verá obrigada a intentar resolver.

Na súa intervención Eduardo Santiago expresou o seu compromiso de escribir a novela dende unha perspectiva feminista. Confesou que estaba baseada nun feito real moi duro e que Margonia era unha creación da súa filla Raquel, ela foi a creadora de todos os seus mundos e personaxes, mesmo dos debuxos que aparecen agora publicados. «A novela acabeina hai sete anos, mais daquela había algo que non me convencía de todo. Retomeina o pasado ano e grazas a un traballo escolar da miña filla máis nova ideei a estrutura fractal dos mundos de Margonia.» «Creei un enigma matemático complexo, que quedou sen resolver na novela, coa intención de que os lectores e lectoras poidan resolvelo a partir das pistas que se proporcionan. A verdade que estou pensando en escribir unha segunda parte na que desencriptarei o enigma.» «Gala ten todo na vida, mais fáltalle un pequeno detalle: a felicidade. Mergúllase nunha lectura compulsiva e remata por crear un mundo fantástico, que para ela é tan real como o que vivimos nós.»

Onte 721: Carta de Tolkien ao editor Waldman

Agustín Fernández Paz chiounos onte os corenta anos do pasamento de J.R.R.Tolkien. Un xeito de salientar a vixencia dun autor xenial e duha obra fulcral na literatura do século XX, capaz de superar as fronteiras do xénero da fantasía na que inicialmente foi adscrita. Entre as referencias que lin na rede con motivo deste aniversario, gustei da publicada por L’Express que recolle un fragmento da carta que Tolkien escribiu en 1951 ao editor Milton Waldman, tres anos antes de iniciar a publicación d’ O señor dos aneis. Unha carta esencial na que o autor presenta ao editor un resume do mundo que desenvolverá na triloxía, ao que con ironía se refire como «quizais todo o que necesita ou para o cal ten tempo ou dispoñibilidade» (ben sabía Tolkien o apretados que andamos os editores nas cuestións de lectura). Un texto, ademais, no que presenta a súa poética, sobre todo no que atinxe ás relacións entre o conto, mito e a lenda heroica. Como tampouco esquece relatar ao editor o proceso de xestación do conxunto do texto. Nesta carta é onde aparece a famosa referencia ao Hobbit (1937): «ten en si mesmo moito máis vida esencial, foi concibido de forma independente; non sabía cando empecei, que pertencía ao conxunto fundamental». Só por ler esta carta ao editor, ben paga a pena este aniversario.

Onte 540: Paco Porrúa, editor emigrante

Cando esta semana viaxei a Ferrol, Nicolás Vidal agasalloume un exemplar de Ferroláns de seu. 43 entrevistas en Diario de Ferrol, un libro publicado por Edicións Embora, que preparou co seu compañeiro José Gómez Fandiño. Aproveitando algúns ocos duns días moi intensos e atafegados, comecei o libro pola lectura das entrevistas co intelectual galeguista Fernando Pérez Barreiro-Nolla e co editor Francisco Porrúa. Unha marabilla! Estas dúas pezas magníficas demostran que é posible facer xornalismo cultural de calidade en xornais locais, para o que cómpre contar cunha ollada inequivocamente glocal e unha paixón e paciencia abondas para seguir os fíos máis longos das historias.

A entrevista de Vidal e Fandiño co editor arxentino nacido en Corcubión en 1922 e formado en Ferrol durante o inicio da súa adolescencia constitúe unha auténtica lección do que se entendía por edición cultural no século XX. Nunha ducia de páxinas o grande Paco Porrúa sintetiza as ideas fulcrais da nosa profesión: «O editor xenuíno é un home que ten por unha banda como paixón os libros, e pola outra ten moi en conta os cartos, e esas cousas son contraditorias». Asumindo esta dobre dimensión, o sabio Porrúa defende o seu compromiso inequívoco coa edición literaria, concibida como «unha indagación do mundo e da linguaxe», «un xeito de poñer un pouco de orde no caos». Tamén aposta Porrúa pola lectura literaria como «un desciframento do mundo e un enriquecimento do pensamento». «Un lector sabe que pode pensar en termos doutro, doutro autor, doutro home. Na entrevista non deixei de anotar esta frase memorable sobre a función ética da literatura e da edición literaria: «Entendo a literatura coma unha sorte de entusiasmo case pedagóxico, de dar felicidade aos lectores no sentido de darlles unha comprensión do mundo, unha maior sutileza, un maior axuste das palabras nun mundo no que a linguaxe está completamente terxiversada, onde as palabras se empregan en sentido contrario: dise paz cando hai guerra e diose violencia cando hai afecto, todo ao revés».

A figura deste editor galego emigrante merece ser reivindicada en Galicia, coma el fixo coa contribución doutros editores galegos emigrantes da xeración anterior a súa, Seoane, Dieste e Lorenzo Varela, os que promoveron proxectos como os de Ediciones Botella al mar. Non esquezamos que Paco Porrúa foi o editor na editorial Sudamericana do Rayuela de Julio Cortázar e o que apostou pola publicación de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez. Fundador da editorial Minotauro, foi o primeiro editor en castelán de Tolkien e de Bradbury, de quen traduciu Crónicas marcianas, baixo o pseudónimo de Francisco Abelenda (F.A.), o seu apelido materno, libro que editaría cun prólogo de José Luis Borges. Hoxe vive xubilado en Barcelona, despois de vender en 2002 Minotauro ao Grupo Planeta. Beizóns, mestre!