Listado de la etiqueta: teis

Merdeiros da Ribeira

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás figuras de escabicheiros e merdeiros da Ribeira doBerbés:

Un dos cadros que máis chamou a atención dos públicos diversos da exposición «Vigo no tempo» foi un óleo do asturiano Juan Martínez Abades que representa a recollida de algas na Ribeira do Berbés en 1892. Cedida polo Museo Carmen Thyssen de Málaga, a peza de 76 cm de largo e 40 de alto está protagonizada polas mulleres que, en primeiro plano, con cadanseu anciño recollen o argazo, posto a secar despois nas rochas para que a chuvia lle quitase o salitre, e por outras mozas e algún home idoso que detrás recollen o refugallo do peixe, patexos ou cunchas de bivalvos. Traballos de escabiche que, aproveitando as mareas de setembro (mes no que debeu pintarse o cadro), proporcionaban galdrucho abondo (cabezas, tripas e aletas dos peixes) que, xunto ao escamallo e o argazo, era recollido de madrugada (para evitar os fedores pestilentes) polos escabicheiros na procura de esterco natural para as súas leiras de Sárdoma, Freixeiro, Lavadores ou doutras parroquias da contorna, que se ocupaban ademais de limpar os pozos negros da cidade.

Unha estampa do Berbés, como as representadas polo pintor madrileño Francisco Pradilla en 1871 e 1873 e o vigués Serafín Avendaño en 1893, que amosa a importancia do traballo das pescantinas e do oficio do labrego escabicheiro, exercido nalgúns casos tamén por mulleres, que conectaba as almas do Vigo do porto e da terra, do salitre da Ribeira (de Bouzas ou de Teis) e do arrecendo aldeán do Fragoso. Un encontro de mariñeiros e campesiños que baixaban a traballar na Ribeira non exento dos conflitos e das tensións daqueles que se necesitan mais non sempre se entenden. Conflito do que no Entroido xurde a figura perturbadora do Merdeiro, a máscara tradicional creada polos mariñeiros do Berbés como escarnio e mofa da vida dos labregos escabicheiros. Merdeiros da Ribeira vestidos dos pés á cabeza co traxe  clásico do campo galego, aínda que deformado de xeito burlesco, dende a camisa, calzóns e zapatillas brancas até o chaleco vermello, a faixa da que pendura un farol e un gorro semiesférico na cabeza. Tras o bando do alcalde (1924) no que «se prohiben os disfraces sucios ou contrarios á decencia», a figura popular do Merdeiro chega a Guerra Civil moi criticada e atacada, sendo substituída polas festas, bailes e desfiles das sociedades carnavalescas privadas (como o Gimnasio de Vigo ou La Oliva) coas que viña convivindo xa dende 1876. Xaora, O Merdeiro deixou un pouso semiclandestino na memoria dalgunhas familias, que comezou a ser explícito coa recuperación do Entroido popular a partir dos anos setenta e o protagonismo en Vigo dun emerxente movemento veciñal, creador das primeiras comparsas, como os Tarteiras.

Máscara da Ribeira descrita e debuxada con detalle nun artigo de Xaquín Lorenzo «Xocas» (1982) e comentado despois por Vicente Risco (1994). Estudada dende os anos noventa por Xerardo Santomé, dende a publicación do libriño O Merdeiro: un personaxe do entroido vigués. Apuntamentos para a súa recuperación (2006), ano tamén da primeira saída polo Vigo vello e do primeiro obradoiro desta máscara, viviu dende entón un proceso de recuperación e anovación no que participaron o Centro Social «A Revolta» e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello, consolidado felizmente dende 2012 tras a constitución da Asociación Etnográfica «A Merdeira». Unha recuperación de éxito que utilizou como referente o vestiario detallado por Lorenzo e Risco, documentado no retrato de José Costas Abalde de 1910, e unha carauta con nariz de cocho, deseñada polo escultor Pancho Lapeña, cosida a unha cofia de algodón á que se lle incorpora la de ovella. E o que foi máis importante, dándolle unha personalidade caracterizada polo seu bo humor, espontaneidade e capacidade de improvisación.

A saída dos Merdeiros deste 2024 coincide por ventura coa aparición do libro O Merdeiro. Personaxe da Ribeira (A Merdeira 2023) de Hadrián Román Carreiro e Adriana del Rio Miranda, froito de dez anos de investigación, compilación e actualización de materiais sobre a máscara do Entroido vigués. Prologado polo antropólogo Rafael Quintiá, que considera o Entroido como a festa ritual máis significativa da nosa cultura e ao Merdeiro como arquetipo de ser liminal, o libro ten vontade de constituírse en obra de referencia tanto pola sólida fundamentación etnográfica e coidadosa reconstrución histórica do Vigo do derradeiro terzo do século XIX como pola ampla e novidosa documentación gráfica, froito da súa intención divulgativa e afán didáctico. Un libro que moito recomendo e aventuro será de grande utilidade nos centros educativos vigueses, mais aínda cando o desenvolvemento da quinta xornada da «Merdeirada Cativa», concibida como canteira da festa, colle máis pulo este curso. Feliz Entroido cos Merdeiros da Ribeira.

U-lo problema da biblioteca de Navia?

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo para reiterar a reclamación dunha biblioteca para Navia:

Lin no xornal dixital do concello de Vigo (xornal.vigo.org) que o alcalde avanzou que «a nova biblioteca de Navia abrirá as súas portas con 200 postos de lectura, que dispoñen de conexión wifi, ampliables se existise demanda». Unha noticia chocante xa que este novo equipamento socio-comunitario para unha cidade recente de máis de dez mil habitantes de poboación moi nova non pode ser considerado como «biblioteca», xa que carece de acceso a contidos bibliotecarios, sexan libros impresos e dixitais, nin conta tampouco con ordenadores de uso público nin cunha programación estable de fomento da lectura. Esta confortable sala de lectura sen libros e sen persoal bibliotecario non satisfai as necesidades lectoras reclamadas pola veciñanza de Navia.

Como sucedera coa procura dun terreo municipal onde construír a Biblioteca do Estado, asunto que despois dunha década de ires e falares parece resolto na zona do Chouzo, o fracaso de Navia é outro capítulo desa estraña relación que Vigo mantén coa noción de biblioteca pública, concibida universalmente como a institución cultural primeira de cada comunidade local e cerna de todas as políticas interxeracionais de lectura. Ademais de expresar a decepción que provoca a perda da oportunidade de contar por fin cunha segunda biblioteca municipal, de características semellantes á Xosé Neira Vilas do Calvario (a terceira sería a prevista en Teis), é inevitable preguntarse se os responsables do concello pretenden con esta sala de estudo atenuar o déficit bibliotecario endémico, que sitúa a Vigo na cola das estatísticas nesta materia.

Como tamén cómpre salientar, a pesar de que coñecemos o actual proceso de mudanza do concepto de biblioteca provocada pola hibridación dixital dos soportes da lectura, que non existen precedentes de bibliotecas públicas sen libros impresos e dixitais, sen revistas, sen xornais, sen computadoras e, sobre todo, sen servizos e sen persoal bibliotecario técnico que facilite á cidadanía de todas as idades e de todas as condicións o acceso en igualdade á información e á creación literaria. Velaí a cerna desta inacabable polémica sobre cal debe ser o futuro das bibliotecas públicas en Vigo.

Sabendo que hoxe Vigo, unha cidade de 300.000 habitantes, conta cunha biblioteca central (de xestión autonómica) e outra de proximidade (de xestión municipal), abonda consultar as pautas de INTAMEL (Asociación Internacional de Bibliotecas de cidades metropolitanas) ou da IFLA (Asociación Internacional de Bibliotecarios) para reclamar a creación en Vigo doutras cinco bibliotecas municipais. Criterio presente tamén na Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia que no seu artigo 15 establece que os concellos de mais de 20.000 habitantes deberán prestar o servizo bibliotecario de lectura pública de forma descentralizada por medio de bibliotecas de proximidade. Modelo que desenvolveu con grande éxito o concello da Coruña (244.850 habitantes) que conta cunha rede de dez bibliotecas municipais, creada polo alcaldía de Francisco Vázquez, cun orzamento anual arredor dos 2,5 millóns de euros, ademais da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés de xestión autonómica. Modelo desenvolto tamén polos concellos de Xixón (271.843 habitantes), que conta cunha central e 11 bibliotecas de proximidade, L’ Hospitalet (261.068 habitantes), cunha central e 7 de proximidade ou Vitoria-Gasteiz (249.176 habitantes), cunha central e 12 bibliotecas de barrio.

O atraso de Vigo para desenvolver un modelo bibliotecario equiparable en extensión e calidade o destas catro cidades de poboación inferior á viguesa non ten que ver nin cunha capacidade financeira superior dos seus concellos (con orzamentos inferiores ao de Vigo) nin tampouco que puidesen recibir maiores axudas por parte das súas respectivas CC.AA. O fracaso de Vigo obedece nin máis nin menos ao escaso valor que as diversas corporacións outorgaron ás bibliotecas e ás políticas públicas de fomento da lectura.

O custe do funcionamento anual dunha biblioteca pública como a Xosé Neira Vilas, modélica nas súas actividades de fomento da lectura e no servizo aos seus máis de 16.000 socios e socias, excluídos os gastos de limpeza, seguridade e mantemento, supón 256.499,56 € do orzamento do concello. Se a nova sala de lectura de Navia ten previsto un custe anual de funcionamento de 80.000 €, é factible que entre os 257 millóns de euros dos seus ingresos o concello de Vigo destinase apenas 200.000 € para que en Navia funcionase de marabilla unha biblioteca con libros impresos e dixitais, con persoal técnico bibliotecario e servizos dinámicos de fomento da lectura e de acceso á información. Boten contas, apenas o 0,07% do orzamento anual do concello. U-lo problema da biblioteca de Navia?

Unha biblioteca para Teis

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a apoiar a reclamación veciñal dunha biblioteca pública para o barrio de teis:

No Vigo actual pareceume unha noticia salientable que todas as ANPAS dos centros educativos de Primaria e Secundaria de Teis, tanto públicos como concertados (os Colexios Públicos Santa Tegra, Paraixal, San Salvador de Teis e Frián; os concertados Possumus, Xesuítas e Calasancias, así como os IES de Teis e da Guía) reclamen a creación dunha biblioteca pública nas instalacións do ambulatorio vello; un edificio baleiro dende hai unha década, situado na rúa Enrique Lorenzo, que conta cunha superficie de arredor de mil metros, subastado sen éxito en catro ocasións polo seu propietario, a Tesourería da Seguridade Social. Unha iniciativa en marcha dende hai tres anos que agora volve reactivarse contando co apoio das asociacións de comerciantes e veciñais do barrio, así como dos membros do Plan Comunitario que todos coa mesma voz reclaman para Teis unha biblioteca pública de proximidade,  de características semellantes á Xosé Neira Vilas, que con tanto éxito funciona no Calvario e Lavadores dende hai seis anos.

Unha reivindicación, nacida en 2014 nas “Olimpiadas de Teis”, promovida por algunhas ANPAS dos centros escolares, que foi asumida en 2015 polo alcalde, mais que dende entón non chegou a concretarse. Xaora, o feito de que sexa unha comunidade veciñal, en toda a súa diversidade, a que se mobilice para reclamar unha biblioteca pública constitúe un feito inédito, mais tamén emocionante, nunha cidade como Vigo que, a pesar de ser a capital do libro en Galicia, padece unha carencia endémica de dotación bibliotecaria, como vimos denunciando dende hai case dúas décadas. E argumentos non lles faltan as entidades cidadáns dun barrio que carece deste equipamento sociocomunitario, a pesar de que conta con 30.000 habitantes (o dez por cento da poboación do concello de Vigo), sendo sete mil destas persoas estudantes de centros non universitarios. Unha poboación semellante a do limítrofe concello de Redondela que, porén, conta con dúas bibliotecas públicas, as do centro multiusos da Xunqueira e a de Chapela, de funcionamento modélico.

O que pide a veciñanza de Teis non é luxo nin antollo ningún, apenas un centro de actividade socio-comunitaria e dinamización lectora nun entorno urbano aínda degradado que precisa dunha urxente humanización. Unha biblioteca pública concibida como un espazo que permita a toda a cidadanía (dende as persoas máis novas ás maiores) o acceso gratuíto á información multisoporte (analóxica e dixital, textual e audiovosual, polo tanto con libros, xornais, revistas, películas, discos, xoguetes, vídeoxogos e accesos a internet). Unha biblioteca concibida, ademais, como centro de fomento e animación da lectura, tamén da lectura literaria, onde un equipo de profesionais bibliotecarios organiza actividades específicas dirixidas ás crianzas, á mocidade como ás persoas adultas. En definitiva unha biblioteca pública convertida en lugar de encontro e referente da actividade cultural do barrio, un espazo necesario como o do mercado, as farmacias, os centros educativos ou as instalacións deportivas.

Unha biblioteca pública capaz de coordinadar as súas actividades coas promovidas polas bibliotecas escolares do propio barrio, o que en Teis sería doado, xa que conta con experiencias modélicas de fomento da lectura en boa parte das bibliotecas dos seus centros educativos, como Teis-Frián e o IES da Guía, varias veces recoñecidas. Unha biblioteca que desenvolve iniciativas con outros recursos socioculturais existentes no barrio como as librarías (resistentes), o auditorio municipal de Teis, os locais veciñais e mesmo algún establecemento hosteleiro como o dinámico Café Badía. Sen esquecer, tampouco, que esta nova biblioteca debería formar parte da rede municipal de lectura, un modelo desenvolto con éxito rotundo na Coruña durante as dúas últimas décadas, mais que en Vigo está por constituír de forma efectiva, a pesar das carencias existentes noutros barrios como Bouzas (onde está previsto abrir unha na recuperada Casa do Patín), Navia, Coia, Travesas, Travesía de Vigo ou no propio Vigo Oeste.

A nova biblioteca debería constituír unha peza máis na humanización efectiva de Teis que pasa, sen dúbida, pola transformación en treito urbano da AP-9 dende as Torres de Padín en Chapela e o nó da avenida Buenos Aires até o centro de Vigo, o que obrigaría a liberar tamén a peaxe e permitiría desconxestionar boa parte do tráfico da rúa Sanjurjo Badía. Como tamén o sería o comezo da actuación prevista para o Campus do Mar da Universidade de Vigo nas instalacións da ETEA, chamada a darlle unha nova fasquía ao Teis da vindeira década. Ben sería que esta reivindicación dunha biblioteca pública contribuíse á humanización efectiva dun dos barrios máis emblemáticos da cidade.

O Vindel a Vigo

Volvo sobre a exposición do Pergamiño Vindel no artigo da seman en Faro de Vigo:

vindelO Pergamiño Vindel será exposto en Vigo. Grazas a un acordo entre a Universidade de Vigo (UDV) e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia péchase, felizmente, a xestión iniciada pola viguesa Asociación Cultural Pertenza que solicitou á Pierpont Morgan Library Museum de Nova York a cesión temporal para a súa exposición en Vigo da que é unha das primeiras pezas do patrimonio galego e a icona literaria da cidade e da ría do poeta Martín Codax. Supérase así a paralización dun proxecto expositivo a celebrar no museo Marco, “Os tesouros da cidade”, anunciado hai uns meses pola universidade e o concello, que agora pasa a chamarse “Berce da nosa cultura” e que comisionado polo historiador Francisco Singul se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, propiedade da Xunta de Galicia.

Os vigueses e viguesas por fin poderemos gozar da experiencia de coñecer ao vivo unha das nosas alfaias máis valiosas, o orixinal do pergamiño do século XIII, que contén as sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañadas dos pentagramas musicais de seis delas. Un fito histórico para Vigo que se convertirá entre outubro de 2017 e marzo de 2018 en capital da cultura literaria lusófona, ademais de importante atracción do turismo cultural, especialmente, portugués. Un regreso do pergamiño ao seu berce que contribuirá a esculcar sobre a orixe da propia lingua e literatura galegas, no congreso que se celebrará con motivo dunha exposición que, ademais, ollará sobre a orixe  dunha cidade que Cunqueiro dicía fora creada por un poeta, Martín Codax, a quen o cronista Álvarez Blázquez consideraba o vigués máis universal de todos os tempos. En definitiva, a chegada do Vindel constituirá un gran acontecemento, quizais, o máis importante da historia cultural viguesa do que vai de século.

Porén, chama a atención que o concello de Vigo renunciase a participar nunha iniciativa tan salientable para a historia da cidade metropolitana e cuxa importancia foi recoñecida no seu día pola alcaldía. Unha ausencia que dificilmente pode ser xustificada polas dificultades do concello para achegar 400.000 euros, cantidade na que se valoraba o custe da exposición do Vindel no Marco, xa que podería reducirse utilizando outras instalacións públicas, como a Casa das Artes, recabando a axuda do mecenado privado e, sobre todo, o apoio doutras institucións como a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia ou o propio Ministerio de Cultura. O regreso do Vindel a Vigo ben merecía un gran acordo de colaboración interinstitucional.

Pola contra, intúo que a incomodidade municipal coa exposición do Vindel é explicable polas desavinzas existentes entre o concello e a universidade viguesa sobre o futuro do Campus do Mar nos terreos da ETEA en Teis. Un proxecto estratéxico liderado pola UDV e promovido polas tres universidades galegas, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), chamado a transformar o que foron unha parte das instalacións da Armada en Teis nun espazo científico e de emprendemento tecnolóxico internacional. Un proxecto bloqueado hoxe polos desacordos políticos entre a alcaldía e a delegada do estado da Zona Franca, actual propietaria dos terreos, que podería obrigar á UDV, despois de agardar case unha década, a buscar unha sede alternativa fóra de Vigo. Outro conflito interinstitucional (sen aparente solución) entre o concello de Vigo, a Xunta de Galicia e a Zona Franca que, como sucede coa lea metropolitana, máis alá das razóns de cada unha das partes (que non corresponde aquí dirimir), prexudica á cidadanía, sexa paralizando a recuperación do barrio de Teis ou poñendo en perigo un proxecto universitario, imprescindible para que Vigo conserve o seu liderado no eido da investigación mariña.

Xaora, o trasacordo sobre o Vindel é outro síntoma da crise da política cultural municipal, tanto no que atinxe aos criterios da programación de eventos e festivais como ao futuro das súas instalacións museísticas. É indubidable que non axudou a que o concello participase no regreso do Vindel a incerteza sobre o futuro do Marco, tras o remate do período do actual director, nin tampouco a indefinición dos contidos expositivos da Casa das Palabras de Samil.

En todo caso, diante da importancia da chegada do Vindel, sabendo que o trasacordo é unha figura da nosa tradición cultural, agardo que se amplíe a tea dos acordos interinstitucionais de xeito que o concello de Vigo se incorpore tamén a ela, canto menos participando na difusión e no aproveitamento didáctico dun evento que debe constituír un punto de encontro e de orgullo de todos os vigueses e viguesas.