Foi ben xeitosa a cerimonia na que onte, coincidindo co Día escolar pola paz e a non violencia, se entregaron os «Recoñecementos Suso Jares de programas e experiencias de convivencia escolar», promovidos por FOANPAS e Nova Escola Galega. Premios que nesta edición foron outorgados, na categoría 1, dedicada a programas de convivencia pacífica, igualitaria e inclusiva nos centros escolar e a proxectos innovadores en prol da cultura de paz promovidos por centros educativos (Infantil 0-3 e 3-6 anos, Primaria e Secundaria), ao proxecto «Salvemos os bosques» promovido conxuntamente pola Escola Infantil Municipal Santa Cristina e a Escola Infantil Municipal Mestres Goldar, ambos os dous centros de 0-3 anos. Menstres que na categoría 2, dedicada a políticas e programas públicos e iniciativas ou traballos promovidos por administracións, entidades sen ánimo de lucro e persoas físicas, recaíu na Asesoría de Bibliotecas Escolares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Recoñecementos que no Día escolar pola paz e a non violencia, que comezamos a celebrar en Vigo o grupo de Educadores pola Paz hai agora trinte e cinco curso, serviron para lembrar e poñer en valor a figura educativa do noso admirado Suso Jares, cando transcorriron dez anos do seu pasamento, así como para reclamar a recuperación do proxecto municipal «Aprender a convivir», que hai case dúas décadas, coordinado por Jares, puxeran en marcha do concellos de Vigo e de Lugo. Recoñecementos moi singulares, tamén, por seren outorgados pola Federación de Asociacións de Pais e Nais de Centros Públicos de Vigo e bisbarra e polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, entidades defensoras da escola pública galega que intensifican así a súa colaboración.
Recollo o texto que preparamos dos proxectos recoñecidos:
Categoría 1: «Salvemos os bosques» da EIM Santa Cristina e EIM Mestres Goldar
As EIM Santa Cristina e EIM Mestres Goldar decidiron colaborar coa Mancomunidade de Montes de Vigo e Comarca, implicando as súas comunidades educativas nunha actividade medio ambiental que tiña por obxectivo conciencialas sobre o coidado da natureza e sobre a necesidade de participar na preparación e repoboación dos montes queimados en Vigo, en outubro 2017.
Formuláronse así os obxectivos do proxecto «Salvemos os bosques», entre os que estaba, valorar a importancia de coidar a natureza, plantar un piñeiro, participar no gusto pola música en directo e sentir a ledicia de estar colaborando a manter vivos os nosos montes e compartilo con toda a comunidade.
No desenvolvemento do proxecto, no mes de febreiro de 2018, realizáronse diversas actividades: celebración do Entroido baixo o lema «Salvemos os bosques»; visita das crianzas de 3º de EI (2-3 anos) a «Viveros Flores» de Lavadores; confección de disfraces do alumnado e na ambientación das aulas; desfile de comparsas polo Calvario e celebración no Centro Cultural e Recreativo de Cabral; chocolatada e transplantación de 73 piñeiros en macetas nos centros e traslado ao invernadoiro da Mancomunidade de Montes de Saiáns; concerto de Servando Barreiro, «Superheroe da Natureza»; confección de pulseiras de tea… Actividades todas elas realizadas coa implicación das familias por medio das ANPAS, onde a música funciona como fio condutor e motivador.
O xurado salienta deste proxecto tanto a implicación no seu desenvolvementodo conxunto da comunidade educativa, así como a súa dimensión sociocomunitaria que supón a colaboración coa Mancomunidade de Montes. Como merece ser recoñecido que un feito tan terrible como os incendios na coroa vexetal viguesa fose o inicio dun programa de convivencia e de colaboración na recuperación da natureza con alumnado do primeiro ciclo de educación Infantil.
Categoría 2: Asesoría de Bibliotecas Escolares
Creada en 2003, a Asesoría de Bibliotecas Escolares impulsa dende 2005 o Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), unha acción específica destinada á renovación das bibliotecas escolares dos centros públicos non universitarios cuxos obxectivos iniciais foron dotar ao alumnado das competencias claves relacionadas coas alfabetizacións múltiples e constituír a Rede de bibliotecas escolares de Galicia, de reforzar a súa presenza e acción nos centros e chegar a outorgarlle estabilidade. Na actualidade, no curso 2018/2019, 655 centros públicos e 22 centros concertados dos niveis de Educación Infantil Primaria, Secundaria, Conservatorios, EOI e Centros de Educación de Persoas Adultas participan no PLAMBE renovando cada curso o seu proxecto educativo centrado na organización e dinamización da biblioteca escolar concibida como centro de recursos e espazo de contacto coa información dentro das escolas.
A Asesoría de Bibliotecas Escolares promove nestes centros programas de fomento da lectura como «Hora de ler», «Ler en mancomún», «Libros a eito», «Maletas viaxeiras», «Clubs de Lectura», «Radio na Biblio», «Clubs de Lectura», «Biblioteca Creativa (antes «Proxecto Escornabots na biblioteca escolar»)»; programas de innovación como o «Concurso de Traballos por Proxectos coordinados ou co apoio da bilioteca escolar», «Voluntariado da lectura», «Programa de Bibliotecas escolares solidarias», «Bibliotecas escolares inclusivas» e actividades de formación do profesorado como as «Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia», os «Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares» e os «Encontros dos Clubes de lectura», nos que participan cada edición varios milleiros de profesores e profesoras.
A Asesoría de Bibliotecas Escolares desenvolve dende hai quince anos un programa cada curso máis diverso de innovación didáctica, tinguido cos valores do ensino cooperativo e da educación para a paz, que os promotores dos «Recoñecementos Suso Jares» consideramos deben ser abeizoados e visibilizados por toda a comunidade educativa.