Artigos

Onte 1133: Observatorio Internacional do Libro

Jonathan_WolstenholmeSouben onte da creación do Observatorio Internacional do Libro da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Un organismo académico independente, ideado por Sergio Vila-Sanjuan, xornalista cultural de La Vanguardia, e Javier Aparicio, creador do máster de Edición da UPF-IDEC, coa intención de analizar os principais retos do sector editorial nun momento decisivo de tránsito do modelo de comunicación cultural. Un dos seus primeiros labores será o da recompilación dos datos sobre a situación do sector, até agora dispersos, incompletos e pouco fiables.

Lonxe de posicións catastrofistas sobre o futuro do proceso de hibridación editorial ou  acríticas de tecnofilia, agradécense estas iniciativas de relfexión e formación capaces de axudar a orientarse no novo camiño. Seguiremos con atención o traballo deste think tank da edición, no que participan editores e todo tipo de axentes (vellos e novos) do sector do libro. Non estaría de máis que nas universidades galegas se seguise con interese este modelo.

Onte 1102: Código best seller

A publicación por Alianza da edición de peto de Código best seller de Sergio Vila-Sanjuan reabre o debate sobre os supervendas da industria editorial. Un concepto o de best seller moi xenérico que conviría precisar mellor para non confundir allos con bugallos, xa que se refire a aqueles libros que se venden ben, mais tamén dunha forma rápida. Un matiz que axudaría a diferencialos doutros libros tamén populares, os long seller, aqueles títulos que se venden ben ao longo de moito tempo e dun xeito máis ou menos regular. Máis alá desta consideración baseada nas vendas, é moi interesante a análise de José Antonio Marina, prologuista do libro, que caracteriza o best seller pola súa capacidade para satisfacer tres necesidades básicas do lector: primeira, a da busca do pracer, sexa o de coñecer historias ou de emocionarse con elas; segunda, a da procura da sociabilidade, xa que permiten estar á moda e facilitan a admiración da popularidade do produto; e terceira, para a busca da ampliación de posibilidades xa que adoitan ser optimistas e permiten vivir aventuras de forma vicaria. Anotei.