Listado de la etiqueta: sector_leiteiro

Onte 2146: «Os soños de Miguel» de Manuel Iglesias Turnes

Nunha tarde de sábado lin dunha sentada Os soños de Miguel (Xerais 2022), a terceira entrega coa que Manuel Iglesias Turnes completa a súa crónica de transformación do mundo rural, iniciada n’ As rapazas de Xan (Xerais, 2012), retrato do desaparecido na década de 1950 e estremecedor relato da emigración e continuada en Que non te aten (Xerais 2016), retrato dos gandeiros do século XXI. N’ Os soños de Miguel o autor de Cabanas homenaxea os gandeiros da súa xeración, os que a finais dos sesenta e ao longo dos setenta protagonizaron a modernización do sector coa incorporación da maquinaria (tractor, segadora, muxidora…), a reordenación dos cultivos, a mudanza no goberno das explotacións, dos criterios económicos utilizados e a súa monetarización, cambios profundos nos costumes e nas familias, en boa medida asociados as transformacións do tardofranquismo e da loita polas liberdades.

Unha novela ditada pola memoria familar e modulada pola profunda experiencia  e coñecemento do sector,  na que Turnes continúa emocionando na construción dunha trama de ficción orixinal e polo deseño dos personaxes, algúns memorables, como esa tía Carme tan xenerosa ou co inflexible e orgulloso padriño Manuel, concibidos ao servizo do retrato dese tempo decisivo no que se montaron boa parte das explotacións actuais por parte dos avós e dos pais dos gandeiros de hoxe. Un relato no que, coma nas novelas anteriores, destaca a graza na recollida dos diversos rexistros da fala popular e a facilidade coa que o autor ofrece os diálogos de interiores que permiten que narración avance sempre de forma engaiolante e conmovedora. A de Manuel Iglesias Turnes é unha novelística convencional na forma mais moi transgresora, necesaria e singular no fondo, pola súa capacidade para ofrecer un universo propio e un relato alternativo do retrato da aldea, actualizando así a imaxe do mundo rural galego, tanto do desaparecido como do actual.

Recomendo moi vivamente Os soños de Miguel. Aventuro que volverá a entusiasmar ao lectorado (sei que moi amplo) das novelas anteriores. Como aventuro que incitará aos que se achegan por vez primeira aos textos de Turnes a completar tan singular triloxía literaria. Parabéns, meu Manuel.

Onte 1690: Deleite Galego

deleite_galego (2)Entre as últimas boas novas que se produciron no país, unha moi destacada foi o regreso aos supermercados da marca Deleite Galego da man da sociedade Leite Noso formada por trinta gandeiros das provincias da Coruña e Lugo. O feito de que sexan os propios produtores os que asumen a comercialización e, no futuro próximo, a transformación nunha gamma de produtos de valor engadido, constitúe un reto ilusionante para o sector lácteo, ao que non debe ser alleo o comportamento corresponsable dos consumidores galegos. A sociedade Leite Noso, ademais, garante o que reclaman o resto dos produtores: contratos de longa duración, recollida da totalidade do leite e prezos razoables para cubrir custes de produción. Xaora, a calidade do produto está asegurada, a lingua galega é utilizada como vehicular e publicitaria, e a empresa expresa a súa dispoñibilidade para colaborar co sector da cultura. Argumentos para abeizoar e consumir este Deleite.

Onte 1609: Con Turnes

12801693_10204075946897476_463204526099373535_nAcompañamos onte a Manuel Iglesias Turnes na presentación de Que non te aten na Capela da Madanela de Arzúa. Continuamos así un periplo literario orixinal que, despois de Negreira e Compostela, nos levará o vindeiro venres a Mazaricos (onde actuará o monologuista ocasional e fotógrafo José Luís Míguez) e xa no domingo de Pascua á primeira Feira do disco e do libro galego de Monterroso. Presentacións todas moi singulares, sexa por que adoitan comezar pasadas as 21:00 horas, cando rematan as faenas nas granxas, sexan por que asiste moita xente, a maior parte vinculada ao sector leiteiro, que non adoita facelo nestes seráns literarios. Presentacións moi vivas, onde o autor asina moitos exemplares, o público comparte a súa experiencia da lectura das súas novelas e expresa con emoción a súa gratitude e orgullo por formar parte dun sector que o narrador barcalés dende hai catro anos ven poñendo en valor.

Así sucedeu onte en Arzúa, onde o Che Turnes, o presidente da Asociación Galega Terra e Leite, o imprescindible compañeiro de viaxe desta xeira, xunto co tamén barcalés Pablo Vaamonde, expuxo tanto o valor literario da novela como a situación de risco e (tamén oportunidade) dun sector como o leiteiro que achega hoxe o 1,5 % do PIB galego, máis cuxas sinerxias sobre outros sectores económicos o converten en estratéxico para Galicia, Como tamén o fixo Manolo Iglesias Turnes que confesou escribira As rapazas de Xan e Que non te aten para «a xente que non tiña quen lle escribira, para poñer en valor o rural, xa que é onde queda a esencia do país e da propia lingua».

O longo periplo con Turnes, que continuará en abril, agranda o perímetro do campo literario galego cara un público até agora inxustamente esquecido.

Onte 1601: «Que non te aten», novela de intención revolucionaria

que_non_te_aten_03-03-16

A presentación de Que non te aten de Manuel Iglesias Turnes en Couceiro foi outro éxito rotundo. Como sucedera hai uns días en Negreira, os presentadores, Suso de Toro e Pablo Vaamonde, puxeron en relación esta segunda novela do narrador barcalés con As rapazas de Xan, a obra coa que debutara hai catro anos, salientando o certeiro do retrato do mundo campesiño que fai en ambas as dúas.

Suso de Toro cualificou Que non te aten como «novela de intención revolucionaria, nacida coa intención de explicar o que é o campo hoxe, un libro de obrigada lectura para saber o que somos». Para Suso de Toro a novela de Turnes constitúe «un retrato moi veraz do que son as familias, como é a cotidianidade do mundo campesiño actual, un retrato imprescindible para axustarnos a idea do que é hoxe o campo que todos os políticos galegos deberan ler».

Pablo Vaamonde comezou sinalado que «se non existisen As memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, As rapazas de Xan ocuparía un lugar de privilexio na literatura galega». «Nas súas dúas novelas Turnes ofrece dous grandes frescos sobre o mundo rural, As rapazas de Xan do desaparecido, Que non te aten do actual, onde xa non hai convivencia interxeracional baixo o mesmo teito, onde cada unha ten a súa casa, un mundo moderno de rapaces e rapazas con estudos e inquedanzas políticas. Un mundo rural totalmente modernizado, con granxas cuxas muxidoiras teñen a limpeza dos quirófanos». «Unha ollada que pode ser sorprendente nun tempo de feísmo, de reforestación de eucaliptos, de chaletismo rurubano, de proliferación de festas gastronómicas, de apeiros de labranza utilizados como decoración de tabernas. Moita xente das cidades descoñece este mundo.» Rematou Vaamonde cualificando Que non te aten como «unha novela extraordinaria», que posúe un valor engadido, «non é o libro dun estudoso que conta a vida rural dende fóra, Turnes faino dende dentro da súa tribo».

Pola súa banda, Manuel Iglesias Turnes comezou confensado que «eu podería ser Balbino, xa que a min nada se me pesaba por alto, sempre fun crítico con todo o que pasaba o meu arredor». Definiu, despois, Que non te aten como «o retrato dunha xente libre, das relacións sans, pero tamén conflitivas, entre uns mozos e mozas que viven no rural». «Quixen mostrar o rural tal como é, que non se parece nada ao que preteden os medios de comunicación, como o dese Manolo de Xaniño que se vai de putas e caíu no pilón nin coa xente que aplaude a María del Monte e Camela no Luar. Hai moitos Manolos de Xaniño nas cidades e non saen nos telexornais. En Holanda os gandeiros son a xente máis considerada, como aquí os notarios. Aquí isto non sucede, a pesar de que as mellores granxas europeas están en Galicia, cinco das mellores de España. As técnicas reprodutivas que utilizan son as mesmas que as do hospital clínico.Galicia produce o 40 % do leite de España, mais isto non está presente nos supermercados, xa que non se transforma aquí. Esquecédevos de Manolo de Xaniño, no rural galego queda a esencia do país, a lingua».

Referiuse Turnes as súas novelas como corais, poboadas de moitos personaxes, «ambas as dúas non teñen un cerre definitivo, a vida non é unha foto fixa, prefiro que as novelas queden abertas». Rematou a súa intervención, como fixera en Negreira, lembrando uns versos de Manuel María: «Galicia somos nós, a xente mais a fala».

Onte 1431: Pulmón cívico de Galicia

sanidade_publica_03-09-2015

Será difícil esquecer o tsunami de dignidade cidadá viguesa en defensa da sanidade pública que vivimos no serán de onte. En moi poucas ocasións, coa excepción da manifestación da Autonomía daquel 4 de nadal de 1977 e quizais nalgunha das mobilizacións do sector naval, sentimos unha resposta cidadá tan contundente e nítida. A trapallada da posta en marcha do hospital de Beade, como a política privatizadora da sanidade pública promovida por Alberto Núñez Feijoo, quedaron noqueadas nas rúas viguesas. Outra vez máis emerxeu ese Vigo revolcado do que falaba Xela Arias, transformado en pulmon cívico de Galicia e motor contra o conformismo paralizante. Como sucedeu onte en Lugo coa tractorada que envolveu a muralla, a unidade cidadá, apoiada pola responsabilidade dos partidos e organizacións sociais, expresa que, a pesar de vivirmos unha situación de emerxencia, en Galicia aínda existe pobo, un suxeito político que non renuncia ao seu protagonismo. Un día para a esperanza.

A foto da Gran Vía é de Xoan Carlos Gil. Grazas.

Leite galego

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á situación do sector leiteiro.

prezos_xustos_para_o_leite

A crise do sector leiteiro constitúe unha ameaza para o mundo rural galego e para o futuro do sector agrogandeiro. Tras a liberalización da produción aprobada pola Unión Europea, que supuxo a desaparición das cotas lácteas, os prezos do leite derrubáronse, colocando aos nosos gandeiros nunha situación económica límite. A baixa dos prezos do leite en orixe en toda a Unión Europea, que no pasado mes de xuño era de 30,40 céntimos por quilo, acentuouse en Galicia onde segundo denuncian as organizacións agrarias hai case tres mil explotacións que xa o venden por menos de 0,26 e algunhas mesmo por menos de 0,20 céntimos por quilo (moi lonxe dos 0,35 céntimos, prezo medio do ano 2014). Prezos xa moi por debaixo dos custes de produción, insostibles para os produtores, que desequilibran toda a cadea de valor do sector e ameazan con deslocalizar a produción cara outros países da Unión Europea.

Nesta situación crítica, os responsables das case 9.500 explotacións leiteiras galegas, máis da metade das existentes en España, e as súas organización sindicais, promotoras da Plataforma pola Defensa do Séctor Lácteo Galego, denuncian as ameazas dalgunhas industrias de non recoller este produto perecedeiro e reclaman garantías duns “prezos dignos” (apenas un eufemismo para expresar que non sexan a perda) e a intervención enérxica e urxente das administracións públicas, o Ministerio de Agricultura e a Consellaría do Medio Rural, sobre a cuantificación e xestión dos excedentes lácteos, o seu almacenamento privado e a entrega a terceiros países, entre outras medidas dun plan de choque para o sector.

Unha baixada de prezos á que non son alleas circunstancias xeopolíticas, como o embargo da Unión Europea a Rusia, primeiro importador de produtos lácteos da UE, como o descenso das exportancións a China de leite en po. Unha baixada que no caso español tamén se explica polas dificultades de xestión, almacenamento e transformación dos excedentes como a tendencia á baixada do consumo do leite e derivados lácteos. Xaora, tamén semella que no caso especificamente galego é determinante o escaso compromiso co sector das administracións públicas, singularmente da Xunta de Galicia, na mediación dos produtores tanto coas industrias leiteiras, que neste contexto crítico impoñen os prezos, como coas empresas de gran distribución alimentaria, que banalizando o valor do leite utilizan o seu prezo como reclamo para os seus establecementos. Se isto non abondase, o fracaso do proxecto dun grupo lácteo galego, como a ausencia dun plan lácteo do Goberno Galego, integrado nun programa de política agrogandeira a longo prazo, agravan a situación dun sector estratéxico para Galicia, tanto polo seu niveis de emprego directo e inducido como pola súa capacidade para artellar o tecido social e comercial de moitas comarcas rurais e fixar nelas poboación nova.

A abordaxe diferente da crise dos prezos do leite é moi significativa para entender a defensa dos sectores económicos propios no marco da Unión Europea. Mentres o Goberno Galego relativiza a importancia do problema leiteiro e aínda non foi capaz de sentar nunha mesma mesa a todos os tres sectores implicados (produtores, industrias e distribuidores), en Francia, tras a tractorada que bloqueou o acceso ás industrias e tras a mediación do ministro de Agricultura, todos os compoñentes do sector acordaron revalorizar o prezo do leite francés até finais deste ano. Un entedemento cuxo obxectivo está en garantir un prezo para os produtores no entorno dos 0,34, un incremento de catro céntimos por quilo que nunha parte será asumido polas industrias e distribuidores e por outra trasladado aos consumidores, aos que se lles solicita “un esforzo para superar esta crise”. Outrosí sucede coas empresas de gran distribución que asumen o compromiso de aprovisionarse só con leite francés para as marcas brancas que venden nos seus hipermercados.

O caso da crise do leite explica ás claras como un sector estratéxico para Galicia, en termos económicos, territoriais e sociais, pode ser porén prescindible dentro da lóxica económica e política manexada pola Unión Europea ou polo Gobierno de España. Como tamén expresa a importancia que teñen as políticas de consumo responsable, asumidas por amplos sectores da cidadanía, na reorientación da actividade dos sectores económicos. No caso galego, a defensa da viabilidade do sector do leite, como tamén o da carne ou o do viño, por poñer outros exemplos do sector agroalimentario, deberían ser considerada estratéxica e preferente polos poderes públicos, mais tamén asumida polos consumidores e consumidoras que de forma corresponsable apoian o produto propio, como garante de calidade e desenvolvemento sostible. Apoio o leite galego.