Listado de la etiqueta: saudade

Florencio no Faro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Florencio Delgado Gurriarán e a súa presenza en Faro de Vigo en 1968:

O 12 de xuño de 1939 levantou o áncora do porto de Pauillac-Burdeos o Ipanema, un dos tres barcos da liberdade fretados polo goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, no que viaxaban 998 refuxiados sobreviventes da guerra contra a República española. Un daqueles mozos, náufragos da historia, que cando pasaron á altura de Fisterra crese que cantaron o himno galego e leron un agarimoso saúdo antifascista de esperanza escrito na lingua nosa, foi o avogado e poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen hoxe se dedica o Día das Letras Galegas. Unha homenaxe a este poeta monolingüe, errático e circunstancial, comprometido e dionisíaco, militante do Partido Galeguista, co que tamén se recoñece a outros activistas galegos que reconstruíron a vida persoal e colectiva en México sen renunciar á defensa tanto da cultura e lingua propia como aqueloutra da patria que os abrazou.

Aquel mesmo Florencio regresará no verán de 1968 para despedirse dos seus maiores e explorar as posibilidades dun retorno definitivo que nunca se produciría. Florencio que visitará Vigo nuns días de agosto para atoparse con Paco del Riego, o seu referente no grupo Galaxia, e chorará emocionado identificando algo novo nunha daquelas misas en galego do padre Seixas. Aquel mesmo poeta que aparecerá até en dúas ocasións nas páxinas de Faro de Vigo dirixido por Álvaro Cunqueiro. A primeira o domingo 25 de agosto, cando foi entrevistado por Bene na sección «Gallegos por el mundo». Baixo o título, «Un poeta visita la tierra natal», Florencio salienta o nivel cultural elevado do México onde vive, dá noticias da publicación dos seus libros Bebedeira (1934) e Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, en colaboración con Plácido Castro, editada en Buenos Aires pola Federación de Sociedades Galegas, para rematar gabando o patriotismo do editor galego Alejandro Finisterre, un dos fundadores do Ateneo Galego de México, que dende editorial Menhir fai o que considera un labor marabilloso publicando a obra Compostela, anuario da emigración galega.

Días despois, o xoves 5 de setembro de 1968, a sinatura de Florencio Delgado Gurriarán aparece en Faro de Vigo na páxina 13, na sección de Galicia, nun texto en galego, o que constituía entón unha rara avis, titulado «Labor dos galegos na Nova España». Un texto literario que comeza coas súas primeiras impresións no regreso a súa terra, tras aquela fuxida abrupta cara Porto e Burdeos de 1936 para trasladarse á Barcelona leal e máis tarde en 1939 para viaxar no Ipanema, até o porto de Veracruz, iniciando o seu exilio de case cinco décadas, interrompido apenas por tres viaxes a Galicia. Escribe Florencio: «Vou paseniño, de vagar, cara ao Porto do Río, e van os meus ollos bébedos coa paisaxe da bocarribeira corgomesa, paisaxe chea de gracia […] que entra en min por todos os sensos, pois é panorama, sinfonía, recendo e alamio…». Un artigo que tras o devezo liminar Florencio transforma en crónica comprometida do labor do exilio galego en México, citando a publicación en 1942 da revista Saudade. Verba galega das Américas, na que participou xunto a Carlos Velo, «hoxe sonado director de cine», Illa Couto e Cabanillas fillo, entre outros.  Como a seguir dá conta da segunda etapa da mesma revista, á que lle deu pulo Roxelio Rodríguez de Bretaña.

Continúa Florencio no seu histórico artigo de Faro de Vigo lembrando a importancia da creación en 1950 do Padroado da Cultura Galega en México, da publicación do libro Presencia de Galicia en México, que recolle os textos das conferencias radiadas polo Padroado no seu programa dominical Hora de Galicia. Non esquece salientar o valor da publicación en 1958 de Vieiros, revista que cualifica como «espléndida mostra en forma e contido da galeguidade», da que foi codirector dos dous primeiros números, xunto a Carlos Velo e Luís Soto. Remata a súa substanciosa crónica, volvendo citar a Alexandre Finisterre, «home de rexo pulo e de forte sentimento galego» así como aos membros da Irmandade da Fala en Mexico, entre os que cita a Elixio Rodríguez, o aviador galeguista de Bande, autor do libro de memorias Matádeo mañá (Xerais 1994), activista en case todas as iniciativas deste comprometido exilio galeguista mexicano que Florencio Delgado Gurriarán recupera en pleno 68 para os lectores de Faro de Vigo.

Unha primeira viaxe de regreso que, tras a visita aos galeguistas de Santiago e da Coruña e a gravación dun programa en Radio Nacional, rematará coa publicación o 15 de setembro de 1968 nas páxinas de La Región dos  «Poemas da terra asolagada», escritos no seu berce de Córgomo, nos que renova a mensaxe de esperanza que guindara ao mar dende a cuberta do Ipanema: «Galicia é unha dínamo, a espallar forza por vieiros de aramio; Galicia é unha matriz, a inzar o mundo de nobres proletarios».

Onte 1398: Andrés Do Barro e a saudade

ANDRES DO BARRO SAUDADEO relato biográfico é un dos xéneros que como lector máis me interesan. Hai días presentabamos a biografía de Faustino Rey Romero na que Ricardo Losada indagaba no franciscanismo para entender unha figura desconcertante do galeguismo antifranquista. Idéntico espírito esclarecedor atopei nas páxinas da excelente biografía que Fernando Fernández Rego acaba de publicar sobre Andrés Do Barro, unha das figuras da cultura galega das últimas catro décadas que non foi aínda recoñecida tanto como mereceu a súa proeza. Seguindo o fío da saudade (un sentimento que o autor non identifica coa morriña ou coa melancolía), mais concibida como «canle das emocións e da inspiración creadora», Rego reconstrúe o relato vital do músico que utilizando a nosa lingua mellor soubo chegar ao gran público con pezas como «O tren» ou «Corpiño xeitoso». Unha biografía máis interpretativa ca haxiográfica, centrada máis sobre a análise da importante obra musical ca sobre os detalles da vida privada do ferrolán.

Entre as moitas curiosidades que se se poden descubrir na biografía foron de singular interese para min os dedicados aos manuscritos inéditos, tanto os textos de media ducia de cancións inéditas como a dun conto infantil de 27 páxinas, Demonito, que en 1988 dedicou a súa filla Andrea. Coma tamén o tiveron os capítulos finais dedicados á posta en valor da súa obra, a partir do proxecto «Manifesto Dobarrista» (2007). Recoméndoa.

Onte 1200: «Galicia canta»

Galicia_canta

Comentei onte con Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, o éxito da reedición de Galicia canta, considerado o primeiro long-play da música galega. Unha valiosa peza de coleccionista, recuperada no pasado mes de decembro pola Fundación CEF nunha edición non venal moi reducida.

Un disco na que o poeta de Celanova tivo moito que ver tanto na creación dalgunhas pezas como no seu proceso de edición e mesmo de distribución. Celso Emilio acuñou en Caracas en 1970 a idea de facer para a Galicia emigrante unha antoloxía dos intérpretes dalgúns dos integrantes da «canción galega moderna», a maior parte deles de Voces Ceibes, que comezaban a editar os seus singles e EPs en Edigsa e Xistral. Xustifícao nun textiño de presentación do disco, asinado como Arístides Silveira (un dos seus heterónimos), no que se diferencian os seis temas do lado A, no que se recuperaron as gravacións de Xavier (del Valle), Benedicto, (Xerardo) Moscoso, Guillermo (Rojo), Miro (Casabella) e Xoán Rubia, daqueloutra media ducia do lado B, gravada en Caracas por Xulio Formoso. O propio Celso Emilio tocou o pandeiro na «Pandeirada ao Che» de Xulio Formoso, ademais de ser autor de tres dos poemas do disco, «Romance incompleto» de Xavier e «Pola longa lonxanía» e «O dedo na chaga» de Formoso. Como tamén sabemos que Celso Emilio se ocupou de argallar a carátula do vinilo, recuperando ilustracións de Luís Seoane, e a súa distribución baixo o selo Pobovox (do que Galicia canta foi o seu único título). Contoume onte Luís Ferreiro que o disco fora distribuído entre as comunidades emigrantes de Caracas, Buenos Aires e Montevideo, e que algúns exemplares foran enviados a Galicia.

Sei que particular interese musical teñen hoxe os seis temas de Xulio Formoso, daquela universitario galego residente en Caracas, que musicou poemas do propio Ferreiro e dos poetas emigrantes irmáns Farruco e Ignacio Sesto Novás. Como sei que non se debe esquecer que dúas das súas cancións foron versionadas por intérpretes actuais, «Cholo peruán», incluído en 1978 por Pilocha no seu primeiro disco, e a xa citada «Pandeirada ao Che» por Luar na Lubre en 2005 no seu disco Saudade.

A recuperación deste long play alboral, realizada con grande fidelidade e respecto ao orixinal por Luís Ferreiro e o equipo de Ouvirmos de Xosé Aldea, constitúe un fito para a memoria da música galega das últimas cinco décadas, tanto pola singularidade desta antoloxía como polo feito da destacada participación do poeta Celso Emilio Ferreiro naqueles difíciles anos da emigración venezolana. Escribiu Arístides Silveira na presentación do disco que «esta é unha canción [referíndose á galega] que está á altura deste momento histórico, e a súa presenza deixará, sen dúbida, unha profunda pegada na cultura de Galicia.» Non se equivocou unha miga Celso Emilio, non. Galicia canta é unha pequena alfaia que conservaremos coma ouro en pano na nosa discoteca galega. Parabéns á Fundación CEF pola recuperación, especialmente a Luís Ferreiro e Xosé Aldea que a fixeron realidade.