Listado de la etiqueta: salvador_quintana

Miss Vigo e a editorial Atlántica

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á editorial Atlántica e a «Sección La Novela Viguesa»:

Remexendo nos fondos da almoneda de Joaquín Yáñez atopei un exemplar de Miss Vigo, noveliña de Salvador Quintero, ilustrada por Luis Gil Vicario, ambos os dous profesores do Instituto de Segunda Ensinanza aberto na finca A Areosa en 1927, prologada polo xornalista Ramón Fernández Mato e publicada por unha misteriosa editorial Atlántica. Enigma que pouco durou cando lin o artigo do historiador José Luis Mateo en Glaucopis nº 22 sobre o autor da obra. Unha referencia que nos leva a un texto publicado o 13 de marzo de 1929 en El Pueblo Gallego, no que un grupo de intelectuais vigueses anuncia que pretenden publicar nunha nova editora a «Sección La Novela Viguesa», obras cortas de 64 páxinas, coleccionables, de ambiente local, escritas polos autores vigueses e figuras máis prestixiosas do momento e ilustradas polos mellores artistas da cidade.

Adiantan que están xa comprometidos os seguintes títulos: La tragedia del delantero centro de Ramón Fernández Mato, Miss Vigo de Salvador Quintero, Príncipe Street de Luis Gil de Vicario, Las ondinas del Club Náutico de José Posada Curros, Sol-Colón-Urzaiz de José Signo, El hijo del mar de José Bethencourt, María Rosa (novela corta de ambiente colombiano) de Alfredo Gómez Jaime, En la Casa de Socorro (novela freudiana) de Federico de Angulo Vázquez e La novia repórter de Laureano Cao Cordido. Ademais, informan que continúan as negociacións con autores recoñecidos no ámbito vigués como Jaime Solá, Manuel Lustres Rivas, Herminia Fariña, Margarita Losada, Eugenio Arbones, Ramiro Fernández Valle, Avelino Rodríguez Elías, Valentín Paz Andrade, Gerardo Álvarez Gallego, Luis Peña Novo, Joaquín Pesqueira e Jerónimo Toledano. E que como debuxantes contarán con Sobrino, Requejo, Maside, «Cheché», Santaella, Torres, Padín, Oliveira e Federico Ribas, os mellores artistas daquela.

De aparición semanal, as novelas terían un formato de peto (10,5 x 15 centímetros), serían impresas pola Tipografía dos Sindicatos Católicos, da rúa Oliva nº 10, vendéndose a 30 céntimos cada título. Cumprindo estes requisitos aparecen o 16 e o 23 de marzo de 1929 as dúas primeiras entregas, a de Ramón Fernández Mato, creador do proxecto, e a do profesor canario, crítico de teatro de El Pueblo Gallego. Os editores presentaron Miss Vigo, como unha obra que «describe en trazos sobrios e sorprendentes o panorama da actual sociedade viguesa, detalla cos seus vicios e virtudes a vida das frívolas nenas ben, da mocidade feliz e confiada». O que resulta veraz xa que a noveliña de Quintero relata unha relación amorosa entre un mozo chegado a Vigo, Isidoro Rodas, e unha moza, Toni Rodríguez, que chegará a ser Miss Vigo. Cos temores por comprometerse nunha relación seria, Isidoro abraza a melancolía cando Toni gaña o concurso de beleza que lle permitirá viaxar a América para emprender unha carreira. O que hoxe máis pode interesar desta primeira novela viguesa do canario son as localizacións precisas naquel Vigo de 1929: o Castro, a Ribeira, a rúa Príncipe, o restaurante Las Colonias, o Hotel Moderno, o Hotel Continental, a cafetaría Brasil e o cine Royalti. Nesa liña Vicario debuxou unha serie de escenas de corte art decó, onde a figura feminina aparece tocada polo gusto da época no xeito de vestir e co novo estilo de vida da muller.

E a partir de aí, descoñecemos se continuou a colección «Sección La novela viguesa», da que non atopamos outras edicións. José Luis Mateo descoñece se editorial Atlántica chegou publicar algún título dos que tiña anunciados, mais sospeita que un dos proxectos acabaría publicándose fóra da colección. A novela escrita polo médico, diplomático e poeta Alfredo Gómez Jaime (1878-1946), cónsul de Colombia en Vigo, un dos animadores culturais da cidade desde a súa chegada en abril de 1927. Na noveliña, Bajo la máscara (novela corta de ambiente vigués), publicada en 1929 en Vigo, por La Nueva Prensa, onde o ano anterior aparecera Armonía y emoción, contou tamén coa colaboración de Gil de Vicario para a ilustración e a de Salvador Quintero para o prólogo.

Como sabemos do activismo de Ramón Fernández Mato, autor do texto «Vigo, proa dun continente», que pecha o álbum de PPKO Vigo en 1927. Artigo memorable a rescatar no que o xornalista de El Pueblo Gallego salienta que «o pobo de Vigo entre ciceis artesáns e brados das sereas navais pon no mapa de Galicia a máis resolta pincelada europea, o máis alto expoñente da civilización». Para rematar Mato, vigués de inequívoco carácter galeguista, que «o poema de Vigo está por escribir», «Vigo ascenderá á xerarquía exacta» e a «pérola dos mares engarzarase na cima do diadema de Galicia». Idéntica angueira coa que Mato pretendeu crear un formato editorial de novela viguesa, que se vai materializando na última década como «Vigo literario».