Artigos

Hipertextos 007/2019: Cousas que levan as mulleres na cabeza

Celia Torres publicaba onte no seu perfil de Twitter unha foto preciosa de Pacheco do «Mercado de roscóns» da Praza da Constitución do ano 1925. Unha fotografía que máis alá de ilustrar con elegancia a efeméride de Reis cun valioso cartaz da memoria recupera o protagonismo das mulleres que levan cousas na cabeza, un dos retratos máis veraces das mulleres humildes galegas: leiteiras, pescantinas, lavandeiras, mariscadoras, labregas, criadas, carteiras… Mulleres retratadas por Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes a Galicia nos anos vinte; mulleres ás que Isaac Díaz Pardo dedicou pezas inesquecibles como as dúas «rapazas que levan na cabeza o mundo de cousas que poden precisar na vida»; retrato de mulleres actualizado en 2005 por Manuel Vilariño, que a revista Luzes utilizou en 2013 no seu número cero. Mulleres con enormes lotes de esperanza pousados na coroa, mulleres que levan o mundo na cabeza ás que homenaxeou Manuel Rivas n’ As voces baixas.

Roscas de primavera

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a actualizar o que fixera hai quince anos sobre a tradición familiar das roscas de primavera:

Cando devala a tarde paso por diante do Barrio do Cura, ao comezo da rúa Pi e Margall onde nacín, a carón da Panificadora. Abandonado o asilo e a maior parte das vivendas da súa contorna, hoxe o noso barrio é un dos espazos urbanos máis degradados da cidade, unha vergonzosa ruína á que non son alleas nin a picada da burbulla inmobiliaria dos Karpin e compañía nin o fracaso do planeamento das dúas últimas décadas. Cando camiño por alí é imposible esquecer a actividade da ferraxaría de Sanmartín nin as quinielas que botei no Bar Madrid nin o arrecendo dos callos e da tortilla da taberna de Armando na callela das Angustias nin tampouco o algareo do forno de leña do noso veciño o señor Domingos, onde cociamos as roscas de Pascua ao xeito da familia Beleiro.

Unha experiencia a das roscas de primavera que comezaba a noite do xoves cando a madriña e a avoa viñan amasar á casa nosa. Traían as tinas cheas de fariña triga, manteiga cocida de vaca, cartuchos de azucre, daqueles de papel de estraza, e ducias de ovos da aldea que mercaban na praza. Conservo o arrecendo da esencia de anís e das reladuras de limón que mesturaban con presiñas de sal e cos outros ingredientes, e o cheiro forte do fermento de panadeiro, que desfacían axudándose dun chorriño de leite. Traballaban a masa a conciencia, remexían até conseguir que se despegase das mans. A masa quería traballo, había que bregala ata que quedase ben sobada. Cando remataban, facíanlle a cama, deixábana durmir ata o día seguinte, tapándoa cunhas mantas, para así ben abrigala, impedindo que o frío estragase o traballado. A mañá do venres, ben cediño, íamos ao forno onde xa solicitaramos quenda para facer as trinta espléndidas roscas, de quilo ou quilo e medio. Unha vez confeccionadas, o señor Domingos apartábaas a durmir outra media hora, para logo, lucilas con ovo batido, azucre humedecido, froitas escarchadas e, nalgúns casos, mesmo con ovos, tantos como anos tiña o afillado que a recibiría. Só había que agardar a fornealas e ter a sorte de que medrasen: as máis altas e esponxosas eran as máis valoradas por todos. Aquela fornada de Pascua no meu Barrio do Cura era unha das ledicias da miña nenez. Unha tradición que sei se repetía nos fornos vigueses todos, nun afán colectivo no que cada familia posuía o segredo das proporcións da súa receita, herdada de vello, convertida nun tesouro prezado transmitido de xeración a xeración.

Mariano García e Fina Casalderrey trazaron a xeografía da rosca, roscón, bólas dóces, o pan durmido galego, no seu libro “Repostería en Galicia”. Descubriron, entre outros, os segredos das receitas da rosca de cama, da rosca de Navia, que se baña con merengue, do roscón trenzado de Muros, da peculiar forma do roscón de Caldas, o roscón de xema dos pasteleiros da Guarda, da rosca de noces, da bola de auga fría con fariña centea de Navia de Suarna ou da poufeira de Ponteareas, unha bola de boliñas, cun sabor entre a rosca e as rosquillas.

p04No entanto, as miñas preferencias na área viguesa decántanse hoxe pola lei que manteño á rosca Niza da confeitaría Ramos, unha delicia, e nas roscas de Camos, quizais pola súa mestura de fariñas, un segredo moi ben gardado por dona Josefa Copena e a súa familia de panadeiros do Val Miñor. Un bocado da rosca camoesa –coa súa característica textura case carnosa, como as mazas da mesma orixe, hoxe desaparecidas, como tantas outras variedades autóctonas– permite aprezar o verdadeiro sabor do ovo inchado no padal.

Xaora, non pensemos que este pan durmido existe só en Galicia. Os brioches, esas coroas francesas (variantes de follado das famosas “galettes des rois”) ou as especialidades árabes tamén deixan durmir a masa, primeiro nun lugar frío e logo quente. O pão de lò de Ovar, na ría de Aveiro, prepárase con dezaoito xemas e catro claras de ovos; os “dormidos” de Bragança son boliños que agardan toda a noite pola calor do forno, como o Folar de Pascua de Tras os Montes, expresións portuguesas dunha mesma tradición da repostería europea e árabe.

O roscón e as súas múltiples variantes, este “gulódice” de Pascua –como o chamaba Filgueira Valverde nun dos seus adrais, publicados no Faro–, posúe a forma de coroa circular como signo de eternidade, como expresión de eterno retorno, como invocación ao poderoso Pan, sustento do mundo. Esta deliciosa larpeirada, cuxo miaor consumo coincide co paso do inverno á primavera, quizais o doce popular máis antigo dos que se fan en Galicia, na que os ovos e o fermento son os grandes protagonistas, é símbolo da procura da fecundidade e da vida. As roscas son o mellor pan das festas. Esta marabillosa mestura de auga, fariña e tempo, sometida a múltiples formas e procedementos en todo o mundo, é un alimento con poderes tan nutritivos como antidepresivos. Proben un bocado para iniciar con azos renovados o tempo de primavera!