Artigos

Onte 1323: O XXI, século da lectura

reimprimete_12-05-2015

O escritor César Antonio Molina, director da Casa del Lector, pronunciou a conferencia da terceira edición do Reimprímete, o foro que o Clúster do Produto Gráfico e a Asociación Galega de Editores organizan cada ano para facer un seguimento do proceso de hibridación do libro e do produto gráfico. As fermosas e documentadas palabras do que foi ministro de Cultura do primeiro goberno Zapatero destilaron un aroma de melancolía, que non impediu que Molina fixese un chamamento enérxico á mobilización dos axentes da cultura para transformar «o século XXI no da lectura e no dos lectores», «para o que cómpre rematar coa dicotomía excluínte entre o analóxico e o dixital, na procura da formación dun lector multisoporte e plurilingüe.»

César Antonio confesou que «sempre acreditara no feito que a loita pola democracia traería o hábito da lectura xeralizada e a cultura como ben esencial…» «Nos anos 70 e 80 estivemos a punto de conseguilo, mais agora entramos nun período de certa involución. Hoxe temos un problema severo de lectores, sen eles todo o demais sobra. Na educación básica non soubemos facer difusión da lectura, crear ese hábito. As humanidades foron relegadas no sistema educativo, como proba que a Filosofía fose relegada pola programación de ordenadores. A marcha atrás é xigantesca. O feito de non ter sementado lectores leva a que agora chegan á madurez as primeiras xeracións de non lectores. Comprendemos agora que a lectura é un elemento democrático esencial.»

Para Molina «o futuro da cultura está nos arquivos dixitais. O 72 % dos usuarios das bibliotecas americanas buscan información nos soportes dixitais, que se fose necesario profundizan despois no soporte papel. Hoxe o aire que respiramos componse de osíxeno, nitróxeno e información.» Insistiu o coruñés na importancia da lectura: «Ler é unha condición inseparable do ser humano. A lectura é unha forma de relación coa vida, un nutriente da especie humana. Somos homo videns que aprendemos ao longo de toda unha vida que depende da variedade e potencia da nosa lectura. Ler permite interpretar o mundo que nos rodea e os espazos interiores que nos constrúen como persoas.» «Sigo crendo na validez da afirmación “amosarme as vosas bibliotecas e direivos como sodes”», concluíu no seu alegato a prol da lectura como forma de humanización.

Despois de definir o proceso de hibridación da lectura, como «a convivencia do sólido e do líquido», César Antonio afirmou que «estamos no abrente dun novo descubrimento lector, no albor dun novo paradigma, dunha nova oportunidade para abrir un novo ciclo cultural.» Un novo modelo de lectura no que identificou diversos perigos: «a dificultade de centrar a atención e realizar unha lectura silenciosa; e a pulsión excesiva pola velocidade, contraditoria coa lentitude que require o proceso lector.» «Ler con concentración, atención e silencio non depende do soporte.»

Dedicou a última parte da súa intervención a comentar algúns contidos de Smart, o ensaio recente de Frederic Martel sobre a cultura e o fenómeno de internet e as redes sociais. «Para Martel o novo modelo económico da cultura virá polas suscricións ilimitadas.» «Desenvolverase unha nova cultura onde a crítica será reemprazada polas recomendacións dos usuarios e polas conversas nas redes sociais. A conexión permanente entre os usuarios marcará os gustos e as tendencias dos contidos dixitais distribuídos polas multinacionais. Os dereitos de autor desaparecerán. A cultura será un sector sen ánimo de lucro, ond eo mecenado terá maior importancia que a cultura pública. A cultura mudará o produtor polo servizo.» Para César Antonio Molina o preocupante panorama presentado por Martel levará «á desintermediación educativa e cultural, realizada por profesionais como editores, xornalistas, profesores e bibliotecarios, para ser substituída polas recomendacións elaboradas por algoritmos descoñecidos en mans de Amazon, Google ou Apple, empresas que controlan os nosos movementos, as nosas consultas, intereses, a través dunha espionaxe a todas luces ilegal.»

 

Reimprímete

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o proceso de hibridación do sector do libro, ao fío da celebración do foro Reimprímete.

Con motivo do Día do Libro, o pasado 23 de abril vinte organizacións empresariais e profesionais relacionadas co sector do libro e do produto gráfico celebraron en Compostela o foro Reimprímete. Editores, libreiros, impresores, escritores, xornalistas, ilustradores, tradutores, deseñadores, críticos literarios, publicitarios, marquetinianos, papeleiros, bibliotecarios pertencentes a 500 empresas ou representando a 1.300 profesionais independentes reclamaron con espírito mancomunado a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro e do produto gráfico en Galicia, tal como aparece recollido na vixente Lei do libro e da lectura de Galicia de 27 de decembro de 2006. Como salientou a escritora Rosa Aneiros, autora do manifesto “Se non hai vento, vogar”, un chamamento apoiado por todos os participantes no foro, “no actual proceso de hibridación da comunicación as pantallas convertéronse nun recurso importante, porén o libro impreso continúa sendo garante do acceso á educación e á cultura, ademais dun elemento fundamental da economía da nosa cultura”.

En diversas intervencións no foro púxose de manifesto que a esta altura da hibridación a cultura dixital nin pode nin debe substituír á impresa. Os produtos impresos e dixitais deben convivir no mercado de distribución cultural, asumindo que este é un proceso de mudanza, polo tanto caracterizado pola incerteza e a fraxilidade, onde vai ser tan necesaria a intensa visibilización social do libro e dos produtos impresos coma unha ampla alfabetización informacional cidadá dirixida a todos os sectores xeracionais. En ambos os dous casos será esencial o papel das políticas públicas de lectura sexan as desenvolvidos no sistema educativo e na rede bibliotecaria pública coma as dirixidas ao sector empresarial do libro, garantindo así a equidade, pluralidade e permanencia no acceso de toda a cidadanía aos produtos culturais impresos e dixitais. Evitaríanse así ás situacións de exclusión dixital e a desaparición en Galicia do sector empresarial do libro e do produto gráfico que, a pesar dunha perda brutal do 40 % do emprego nos últimos cinco anos, mantén milleiros de postos de traballos cualificados.

Xaora, unha das maiores preocupacións nas intervencións dos participantes do foro foi a relativa a como afectará o proceso de hibridación no eido do libro de texto, unha actividade que en Galicia supón case a metade dos exemplares fabricados e da facturación do sector. É un feito indiscutible, madia leva!, que ningún dos profesionais do sector do libro educativo puxo en cuestión a necesidade de utilización nas aulas de recursos (encerados dixitais, computadoras, taboíñas ou e-readers) e contidos de aprendizaxe dixitais nin da existencia de entornos virtuais de aprendizaxe nin da importancia do desenvolvemento da competencia dixital con carácter transversal en todas as etapas e áreas educativas. Os editores son conscientes da súa utilidade e da axuda que achegan ao profesorado e alumnado no traballo de aula.

Outra cousa ben diferente é a pretensión do actual Goberno Galego de experimentar un plan de educación dixital completa, no que se prescinde dos libros impresos, anunciado para o vindeiro curso escolar con alardes preelectorais polo presidente da Xunta de Galicia. Un modelo didáctico sen libros impresos, que obrigará ao alumnado de quinto de primaria a utilizar durante toda a xornada escolar un ultraportátil cunha pantalla de 10´1 pulgadas e ao profesorado un contido dixital redistribuído e aloxado nos servidores do seu centro. Un modelo sen precedentes en sistema educativo ningún do noso entorno, baseado na falacia de identificar a innovación e calidade educativas coa utilización exclusiva das tecnoloxías dixitais (e do inglés como lingua vehicular).

Mais por moito que o Goberno Galego pretenda intervir no eido dos materiais curriculares, cuxa elección é unha competencia do profesorado ao abeiro da súa liberdade de cátedra, os recursos didácticos dixitais nin son máis económicos ca os impresos nin da noite para a mañán van contar con idéntica calidade, diversidade e axeitamento ao currículum propio nin o seu emprego vai supoñer a redución das taxas de fracaso e abandono. A este teor –preguntábase Rosa Aneiros no seu chamamento– se sería posible amar a lectura, se os libros impresos fican ausentes da nosa aprendizaxe escolar? Seremos os galegos os que atopemos a chave das noces da educación híbrida actual sendo os primeiros en expulsar os libros impresos das nosas aulas e escolas, cando sistemas educativos moito máis eficientes e inclusivos ca o noso, como é o caso do de Finlandia, manteñen na hibridación a preeminencia dos recursos didácticos impresos? Non merecería isto un trasacordo?

Onte 954: Se non hai vento, vogar

Constitucion Foro Reimprimete

Excelente resultou a iniciativa do Fóro Reimprímete, coa que onte vinte organizacións empresariais e profesionais relacionados co sector do libro e a cultura gráfica celebramos en Compostela o Día do Libro. Con espírito mancomunado e corresponsable reclamamos no actual proceso de hibridación da comunicación cultural e educativa a recuperación efectiva do carácter estratéxico do sector do libro e do produto gráfico en Galicia. Foi o magnifico manifesto «Se non hai vento, vogar», escrito pola escritora Rosa Aneiros, o texto que acrisola o espírito proactivo dunha plataforma con vontade de consolidarse que representa a 500 empresas e a 1.300 profesionais independentes. A pesar das dificultades inevitables do proceso de mudanza e de poderosos obstáculos, o sector do libro e do produto gráfico en Galicia ten futuro.

Onte 737: Reimprímete

Recupero a escrita no blog, tras tres días tolos de traballo en Madrid e na xornada Reimprímete, un foro de debate organizado polo Clúster do Produto Gráfico coa colaboración da Asociación Galega de Editores.

Deste primeiro «Reimprímete» entusiasmoume a conferencia pronunciada por Juan Cruz, tanto polo seu espectacular fulgor narrativo relatando os seus inicios na escritura coma pola reflexión arredor da tinta, metáfora para el da lentitude e «patrón invisible« da escritura. Un texto que pagará a pena ler devagariño cando o publique. Brillante e entusiasta foi Juan Cruz tamén participando nos debates moi vivos suscitados polas ponencias de Teodoro Sancristán, presentando éxito da última Feira do Libro de Madrid  (con 3.600 actos de firma e 60 casetas de librarías con fondo especializado), de Alberto Pérez Abreu, que expuso o exitoso modelo de silo único de distribucións Arnoia, e de Ana Prado, a responsable de contidos de Netex, que presentou o modelo de dixitalización educativa desta empresa de Oleiros, hoxe referente internacional nas cuestións de edición educativa dixital. Debates que, ben é certo, acougaron na sesión da tarde, nas presentacións de Xosé Ballesteros do proxecto de edición especializada de Kalandraka e de Ángeles Montecelo do proxecto de servizos gráficos de Tórculo.

A primeira conclusión deste «Reimprímete» foi que o sector das Artes Gráficas e da Edición asume o proceso actual de hibridación da súa actividade, na que coexisten os soportes e os formatos textuais e hipertextuais. Hai espazo para impresión en papel, mais é imprescindible para editores e empresas de artes gráficas participar no proceso de dixitalización. Sen dúbida que é hoxe o libro impreso o que mantén a actual cadea de valor do sector do libro e da propia edición dixital, como tamén o é que esta carece en Europa dun modelo de negocio sostible, fóra da distribución que destes contidos dixitais realizan as tres multinacionais estadounidenses (Amazon, Apple e Google). No «Reimprímete» diagnosticouse o carácter sistémico dunha crise que, dende 2008, coincidindo coa «crise económica», fixo diminuír as vendas da edición impresa entre un 20 e un 30 por cento. Tampouco se esqueceu a cuestión dos dereitos e da retribución dos autores, como das posibilidades ca Impresión Baixa Demanda pode achegar para manter un catálogo cultural de referencia. Con todo, o compromiso de manter un foro de interlocución aberto e permanente entre todos os diferentes compoñentes do sector do libro e do produto gráfico (Edición, Impresión, Libraría, Creación e Mediación) foi o resultado máis esperanzador desta longa xornada de traballo, que agardamos teña continuidade o vindeiro ano.