Listado de la etiqueta: real_academia_galega_de_belas_artes

César Portela, artesán da arquitectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á obra viguesa do arquitecto César Portela con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes:

O acontecemento cultural galego destes días foi o ingreso de César Portela Fernández-Jardón na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), un ano despois de que o fixera na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como numerario da sección de Ciencias Técnicas. Senllos actos académicos brillantes de ingreso nos que o arquitecto pontevedrés defendeu a súa concepción da arquitectura como disciplina ao servizo da sociedade que aborda a construción do espazo, dacabalo entre a arte e a ciencia. Activo aos seus oitenta e cinco anos, lembrando o que o arquitecto estadounidense Louis Khan fixou, «a arquitectura é aquilo que a natureza non pode facer», Portela aposta por unha arquitectura que respecta, sublima e enriquece a natureza, ofrecendo seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos. Para el «a boa arquitectura é capaz de conseguir que non se impoña ou substitúa a razón e que a arte non se supedite á ciencia». En definitiva, unha arquitectura que é ao tempo arte e técnica, capaz de crear espazos confortables e seguros, integrados na paisaxe natural, escoitando o que di cada lugar, pola súa topografía, luz e temperatura, como ao longo da historia fixeron os vellos construtores artesáns.

Profesor que foi da materia de Proxectos da Escola de Arquitectura da Coruña, a obra de César Portela dende os seus inicios alicerzouse en toda Galicia, proxectándose dende aquí a Andalucía, Xapón, Cuba e Venezuela, propoñendo unha síntese entre a relectura do autóctono e unha apaixonada defensa do Movemento Moderno, aspirando sempre a conmover coa súa beleza a quen percorre ou ocupa cada obra. Considerada como unha das mellores da arquitectura galega de todos os tempos, a obra de Portela exprésase de forma rotunda na súa integración co mar, protagonista dalgunha das súas obras máis icónicas, como o Faro de Punta Nariga (1995), construída con canterías curvas de granito, o Cemiterio do de Fisterra (2000), onde a área de sepultura se funde coa propia terra, ou o Museo do Mar de Alcabre (2002), esa belísima serea pétrea con fiestras sobre a ría, un espazo de memoria que deseñou co seu admirado Aldo Rossi en 1992 no castro de Punta de Muíño, onde se atoparon vestixios do comercio a longa distancia que hai mil douscentos anos mantiñan os poboadores da ría con fenicios e gregos. Espazos, nos que pretendeu reconstruír o verdadeiro rostro de Galicia, unha paisaxe de Atlántico puro, serena e estimulante.

Ademais da marabilla do Museo de Alcabre, parte significativa da obra de César Portela está noutros espazos de Vigo e na súa Área Metropolitana, onde se poden atopar algunhas das súas obras máis logradas. Velaí a Sede do buque cableiro (1986), situada no extremo sur do antigo Peirao de Transatlánticos do porto de Vigo, un robusto prisma de pedra, que no bordo portuario desafía os temporais. Velaí a Casa da Cultura (1989) de Cangas; o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (2002) no Polígono A Granxa, Porriño; o Centro Residencial para Maiores Asistidos (2002), en Barreiro; a rehabilitación integral dos edificios das illas de San Simón e San Antonio (2003). Velaí a Casa das Palabras, Verbum (2003), unha caixa sagrada de espírito silencioso diante das illas Cíes no areal de Samil; a Escola de Enxeñaría de Minas e ampliación da de Telecomunicacións (2003) da Universidade de Vigo nas Lagoas Marcosende; a rehabilitación integral do Antigo Teatro Cine Fraga, proxecto comezado en 2003 e aínda non finalizado, do que se leva executado o oitenta por cento, tras a venda das caixas de aforros; ou a ampliación da Terminal do Aeroporto de Peinador (2014).

Relación de edificios de César Portela en Vigo na que merece mención á parte o Auditorio e Pazo de Congresos de Beiramar, construído sobre os terreos de Casa Mar, proxectado en 2002 e inaugurado como Auditorio Mar de Vigo en 2011. Integrado admirablemente na paisaxe urbana, como antes fixera co formidable Edificio Multiusos de Vilalba (1997), nesta peza monumental viguesa conflúen o bordo urbano e o bordo litoral nunha dobre fachada, unha de vidro que enche de luz o edificio e a súa impoñente galería, outra de chapa metálica que o envolve e o amosa ao seu través dende a propia ría. Unha afortunada solución arquitectónica de integración da paisaxe urbana coa propia ría, infelizmente deturpada coa recente ampliación do recheo da Lonxa do Berbés.

Itinerario que obriga a incorporar a este rigoroso artesán da arquitectura, a este arquitecto humanista amante da poesía, á relación de grandes arquitectos que teceron a trama urbana viguesa. César Portela merece ser recoñecido, tamén, como un dos máis importantes artistas galegos contemporáneos, que transitando todos os camiños da arquitectura, construíu espazos para a vida no tempo presente e futuro. Moitos parabéns, admirado Pitín!

Onte 1279: Día das Artes Galegas

CARTAZ DÍA DAS ARTES GALEGAS

Pareceume un acerto a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes, que preside o pintor Manuel Quintana Martelo, de instituír dende este ano o «Día das Artes Galegas» coa intención de exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia. Como tamén o foi o de escoller para esta efeméride a data do primeiro de abril, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, coa que se certifica nas limeiras do Pórtico da Gloria aquel como obra do Mestre Mateo. Comézase así unha nova institución da nosa cultura exaltando ao Mestre Mateo, o xenio renovador da arquitectura e escultura románicas, retratado para a ocasión con todo o xenio de Miguelanxo Prado.

Sobre a figura de Mateo, o mestre de obras da Catedral de Compostela dende 1168, non se ten investigado abondo na nosa cultura. Coa intención de saber máis sobre a súa figura recorrín onte á erudición de Xosé Filgueira Valverde no seu traballo, «Datos y Conjeturas sobre la biografía del Maestro Mateo«, publicado no seu libro Historias de Compostela (Bibliofilos Gallegos, 1970; Xerais, 1982), onde aos datos achegados pola historiografía romántica, o polígrafo pontevedrés apenas engade a posibilidade de que o pai de Mateo fose o arquitecto da ponte de Salime, sobre o río Navia. Moito queda aínda por afondar, coñecer e poñer en valor de quen foi un dos piares da cultura de noso.

Xaora, este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera a viguesa asociación A Nave das Ideas, homenaxeando ao pintor Urbano Lugrís, á actriz María Casres e ao músico Xesús Bal y Gay, supón unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario. Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos.