Reloxos vigueses
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos reloxos públicos vigueses:
A Academia Galega define a palabra reloxo como «un instrumento de diversas formas e sistemas de funcionamento, que mide o paso do tempo e indica a hora que é». Utilizado dende a civilización exipcia para medir os movementos do sol e sinalar as partes do día, a historia do reloxo foi mudando ao fío dos avances da tecnoloxía mecánica, instalándose en igrexas e edificios públicos como referentes da vida de cada unha das cidades, vilas e comunidades. Este foi o caso de Vigo que, ademais de contar co horizonte do seu reloxo natural da ría, no que ao longo do día vai avanzando o sol até agocharse en Cabo Home, conta con moitos outros reloxos públicos moi populares, algúns desaparecidos como xa temos sinalado neste espazo de Campo de Granada. Foi o caso do instalado no balcón de Radio Vigo (1950), en Príncipe 53 primeiro, ou daqueloutro do Cable Inglés, instalado a comezos do século XX, na fachada da Casa Bárcena de Velázquez Moreno, un reloxo electromecánico que cada 60 minutos recibía por cable a hora exacta do meridiano de Greenwich, tendo unha exactitude que non tiña ningún outro na cidade, servindo de referencia para o resto dos reloxos públicos, sendo substituído en 1914 por outro de maior tamaño; facéndose popular entón en Vigo a frase «levo a hora do Cable». Como tamén desapareceron os catro reloxos do farol de Urzaiz de Jenaro de la Fuente, cando foi trasladado a Bouzas.
A pesar destas perdas, aínda paga a pena pasear devagariño pola cidade identificando ou fotografando nas alturas os reloxos públicos vigueses. Un itinerario que debe comezar localizando os tres reloxos de sol do Vigo vello. O primeiro, o que se pode contemplar na casa Pereira de Castro (século XVIII), alí onde a praza da Constitución fai esquina coa rúa Triunfo. O segundo, o cuadrante solar declinante da Colexiata, gravado en 1837 no lateral da igrexa da rúa da Palma, polo reloxeiro Juan Agustín Domínguez, peza que Xosé María Álvarez Blázquez elixiu para ilustrar a cuberta do seu libro A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo (Monterrei 1960, Xerais 2008) e converteu nunha das iconas da propia cidade. Reloxo de sol moi complexo que José Espinosa Rodríguez na súa Tierra de Fragoso (Faro de Vigo, 1949) di lembra o que eran de uso obrigado durante a idade media en igrexas e castelos e que observados polos vixías servían para que estes anunciasen as horas con cornos ou campás. E o terceiro, apenas un gnomon, unha peza de ferro duns escasos vinte centímetros, chantado á altura do balcón do primeiro andar da casa dos Pazos Figueroa (século XVI), na praza de Almeida, reloxo rescatado polo escritor Pedro Feijoo en Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade (Xerais 2018) e do que o mestre Pedro Díaz Álvarez xa daba pistas no seu libro A caracola de pedra. Percorrido polo barrio histórico de Vigo (1982, 1998). Reloxos de sol aos que cómpre engadir o da igrexa de Bouzas e o recuperado na estación marítima.
Paseo que continúa na vista da torre da Colexiata, onde en 1860 se instalou un reloxo mecánico, substituído en 1973 por outro eléctrico. Itinerario onde non pode faltar o reloxo do edificio central da Caixa de Aforros, dunha esfera de dous metros, instalado con mecánica suíza o 6 de decembro de 1958 baixo a escultura de seis metros do anxo do aforro de José Planes. Peza para a que o reloxeiro vigués Botana preparou un carillón que dende entón interpreta un programa musical coñecido pola veciñanza toda: a «Alborada» de Pascual Veiga ao amencer (ás oito), o «Ave María» de Schubert ao mediodía e «Negra sombra» ao solpor (ás dez), substituídos en Nadal pola panxoliña «Noite de paz». Outrosí é icona viguesa, o reloxo da torre do Instituto Santa Irene na praza de América (1946), o único mecánico que queda en Vigo, parado durante décadas, rehabilitado non hai dous anos e utilizado para dar as doce badaladas do aninovo. Como tamén recuperou a hora (2006) o reloxo do Marco da man da viguesa reloxaría Pagán (1921) de María Berdiales, especializada na instalación e conservación deste tipo de pezas, como as dos edificios de Correos na Alameda, do Santander e Bankinter na praza do farol de Urzaiz ou o reloxo da fachada da Estación Marítima, entre outros.
Constitúen un tipo especial de reloxos públicos vigueses, as sirenas das factorías de Beiramar, que xunto as guindastres forman parte da paisaxe industrial, tamén da memoria, sonora e visual da cidade nosa. Sirenas que marcaban as entradas ou cambios de quenda dos obreiros de estaleiros como Barreras, Freire e Vulcano ou de Casa Mar e outras conserveiras da ría. Como forma parte deste legado o grande reloxo da Lonxa do Berbés, inaugurada en 1949, hoxe no Museo do Mar de Galicia, ou os reloxos de fichar de Alfageme ou Albo, testemuñas de como o control do sistema de produción afectou os horarios e condicións de traballo.