Artigos

Un día para a lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día do libro:

Celebramos este 23 de abril, día mundial do libro e do dereito de autor, nas datas máis decisivas da campaña das eleccións xerais. Unha oportunidade excelente, máis alá das imaxes publicitarias das candidaturas cos libros e coas rosas, para reflexionar sobre as políticas públicas sobre o libro e a lectura. Como tamén o é para reparar nas mudanzas profundas do concepto de lectura, que no seu sentido máis amplo constitúe o procedemento mediante o que interpretamos todo o que nos rodea.

No entorno da comunicación contemporánea, onde se presentan xuntos os textos e os hipertextos, enriquecidos cos enlaces da web e das utilidades multimodais (audios e vídeos), como os usuarios mesturan o emprego dos soportes impresos (libros, xornais e revistas) co acceso ás pantallas dixitais dos máis diversos formatos (teléfonos, tablets, computadoras até os propios televisores), a lectura é a ferramenta coa que descodificar todo este mundo híbrido, a chave imprescindible para poder alí entender e participar. A lectura, un dos hábitos máis diferenciais da nosa condición humana, resulta máis necesaria ca nunca. A lectura non pode ser considerada como unha afección dunha minoría da poboación, á que lle gusta gozar da arte literaria en tempo de lecer. No novo paradigma da comunicación dixital, a lectura é unha competencia imprescindible da cidadanía, sendo a alfabetización dixital e a educocomunicación interxeracional unha responsabilidade ineludible dos poderes públicos. Un enfoque novidoso que comeza a agromar nalgúns programas do 28-A, mais que non apareceu, a pesar da súa importancia, entre as medidas que centran os debates electorais.

Joaquín Rodríguez, unha das voces máis autorizadas en España sobre os futuros do libro, escribía estes días que se algo poden facer as administracións públicas no terreo do libro é crear condicións para que medre e se consolide o número de lectores e lectoras competentes. E para conseguilo deben activar os recursos principais dos que dispoñen, o sistema educativo e os medios de comunicación públicos. Os poderes públicos deben colocar a lectura e a escritura, tanto impresa como dixital, na cerna do currículo tanto de educación primaria como de secundaria, así como deben introducir o fomento da lectura na axenda pública, sobre todo a utilizado polos medios de comunicación, á altura doutras expresións da vida saudable como o fomento do deporte, como se ven facendo no Reino Unido e o seu programa de clubes de lectura que mobiliza a milleiros de lectoras.

Experiencias de éxito de colocar a lectura no centro da actividade educativa obrigatoria existen no noso entorno, como a estratexia nacional de lectura de Finlandia, que atende de forma especial ás contornas familiares desfavorecidas con escaso contacto coa lectura e cos libros. Como tamén podería emularse o modelo de «Ler. Plano Nacional de Leitura» desenvolto en Portugal, que asume a lectura como unha prioridade política dos poderes públicos para toda unha década (2017-2027). Un plano de lectura transversal e coordinado, no que participan varios ministerios, xunto ás cámaras municipais e entidades privadas, cuxos obxectivos primeiros son favorecer a integración social por medio da lectura, a inclusión de persoas con necesidades específicas e o desenvolvemento articulado dunha cultura científica, literaria e artística. Un plano de lectura modélico que pon no centro o papel das bibliotecas públicas, das bibliotecas escolares e dos centros de ciencia viva, recoñecido como a chave da tan admirada e recente revolución educativa portuguesa.

Xaora neste día do libro en plena campaña electoral non se pode esquecer o compromiso da administración do estado co mundo da libraría, que vive os seus momentos máis difíciles, tras a diminución significativa da compra de libros, que non remonta dende a crise de 2009, e as mudanzas de hábitos do propio lectorado no novo entorno da lectura hibridada e da incorporación da edición ás industrias do lecer. As nosas librarías precisan dun plan de intervención urxente, como o que Macron artellou en Francia dotando de 15 millóns de euros para investir en mellora da infraestrutura libreira. Como é imprescindible a recuperación do programa de «Librarías con Selo de Calidade», que debería implicar, como sucede en Francia e Alemaña, contraprestacións fiscais e axudas directas para aquelas librarías que ofrecen en mellores condicións o libro ao seu lectorado.

Este 23 de abril, que volve encher as ramblas de libros e rosas (que envexa desoutro éxito da sociedade civil catalá e a súa mobilización lectora anual), é unha oportunidade magnífica para que os partidos presenten as súas propostas arredor da lectura, que non pode continuar fóra da nosa axenda pública.