Listado de la etiqueta: partido_popular

Onte 717: Borrados

O dos discos duros do PP éche coma un conto. Comezou cun exercicio encomiable de transparencia: non se sabe quen destruíu os discos duros de ambos os dous ordenadores do tesoureiro un mes despois de que a Policía visitase a sede do partido de Rajoy. Proseguiu cun esquecemento sen importancia: a señora María Dolores de Cospedal omitiu este detalliño rotineiro na súa declaración como testemuña do caso Bárcenas diante do xuíz. Continuou cun exceso de seguridade informática (aparentemente) irreparable: a preceptiva copia de seguridade diaria dos arquivos de Luis Bárcenas gravábase cada noite en diferido nos servidores de Génova baixo un sistema tan sofisticado de almacenamento seguro que agora non hai hacker que sexa capaz de recuperar a información. Sen dúbida, un disgusto para os responsables do partido, que non puideron atender coa debida dilixencia a solicitude de Ruz, realizada con tanta cautela e antelación. E como o que naceu torto pode rematar aínda máis revirado, o avarento Bárcenas coidouse ben de gravar pola súa conta e risco, fóra do sistema, arquivos no seu pendrive, agochando, quizais, algunhas sorpresas para Mariano e María Dolores. «O PP actuou cos ordenadores como con todo o material» confesou Floriano para xustificar que os discos propiedade do partido fosen borrados, no marco da estratexia de reutilización de material de oficina na que está comprometida a dirección popular, que supoñerá aforros sen cuantificar e outro exemplo máis de austeridade e xestión eficiente. Non lle falta razón  ao segundo de Cospedal, nunca foi doado colaborar coa xustiza e ao tempo cumprir coa Lei de Protección de Datos. Non vos riades, que o conto é triste.

Onte 712: O paseíño de Ribadumia

Rajoy concedeulle ao Partido Popular de Galicia o protagonismo do paseíño de Ribadumia. Apenas oitocentos metros para ser acompañado no seu esforzo atlético por vinte dos mandos galegos máis escollidos, acompañados polo agarimo das cámaras e moi lonxe da incomodidade dos micrófonos. Un paseíño saudable, un xesto deportivo previo a un cumprido xantar galego (seguro que baixo unha carpa) de polbo e carne ao caldeiro cun cento de dirixentes coidadosamente convidados por Rueda e Louzán. Un limiar, tamen, da mobilización do vindeiro sábado en Soutomaior na que, por fin, o presidente anunciará a saída da crise económica.

Para os responsables do gabinete de comunicación de Rajoy a intención do paseíño de Ribadumia é expresar o acougo do presidente no seu retiro galaico, alleo ás mentiras de Bárcenas e de Pedro Jota e aos ruxerruxes e intrigas madrileñas do partido. Para os responsables do PPG, o paseíño é outra demostración  do peso e da influencia sobre o presidente da organización galega, capaz de arroupar a Mariano nos transos máis difíciles. Mágoa que estas intencionalidades mediáticas se fagan a costa da dignidade dos medios chamados para fotografar o paripé e a percorrer en diferido as pegadas dos zapatos (as zapatillas son para os paseos de seis quilómetros) de Rajoy. Con todo, ao paseíño de Ribadumia pode tirárselle máis miga do que parece.

Teño para min que tras o estraño empeño da presidencia do Goberno por parte de Rajoy vai ser moi difícil para o Partido Popular de Galicia volver upar a un dos seus dirixentes an Madrid. Nas fotos do paseíño percíbese que o fulgor de Feijóo decaeu un chisco. O noso presidente semella triste. Tan activo hai un par de anos nos medios madrileños, nesta lexislatura diminuíu notablemente a súa aura e xa non se presenta con aquelas ínfulas de renovación que acredita a condición de sucesor. Un decaemento ao que non foron alleos nin os efectos das fotos co narcotraficante Marcial Dorado nin a aparición das informacións sobre unha posible conexión galega do caso Bárcenas e de presunto financiamento ilegal do PPG, probablemente filtradas dende as proximidades de Genova.

Como tamén é significativo que na comitiva deportiva non apareza en posicións destacadas (mesmo non sabemos se participou no xantar) o responsable do partido (e da deputación) en Ourense. Un «detalle» que expresa xerarquía, mais que con certeza non se repetirá en Soutomaior. Como tamén é salientable a presenza protagonista de Carlos Negreira (un home que non perde o sorriso), responsable do PP na Coruña, íntimo de Feijóo, como do conselleiro Hernández, asumindo ambos os dous cada día un maior protagonismo nos medios. Dos dirixentes populares vigueses, amortizada Corina Porro, xa só queda Chema Figueroa e Enrique López Veiga, confirmados así como aspirantes a baterse en duelo co alcadismo de Abel Caballero. Así  é de sufridiña a política popular.

Vitoria do partido conformista

Na edición dixital de Sermos Galiza publico a miña valoración dos resultados electorais:

Recoñezámolo. As cifras sonche ben teimudas e amosan que desta volta a vitoria de Feijoo e do Partido Popular foi inapelable. A diferenza da anterior convocatoria, a súa maioría absoluta alicérzase tamén nunha maioría de votos (654.000 fronte aos 639.000 das tres candidaturas alternativas). Vitoria, en todo caso, que non pode agochar que os conservadores galegos perderon un 17 % dos seus votos, máis de cen mil con respecto á anterior convocatoria. Outrosí sucedeulle ao PSdeG-PSOE que polo camiño perdeu o 44%, máis de douscentos mil votos, e ao BNG que obtivo cento vinte e cinco mil menos, o 46 % menos ca en 2009. Todos os tres partidos parlamentarios sufriron, pois, desercións considerables nos seus apoios, se ben foron moito maiores porcentualmente nas formacións opositoras, derrotadas sen paliativos.

 Os resultados amosan que a irrupción fulgurante da AGE (200.101 votos) fíxose en boa medida a costa da importante bolsa de votos que abandonaron o PSOE e o BNG (máis de 300.000). Desercións que, sen dúbida, se acubillaron tamén no número de votos nulos e en branco, que supuxeron un elevadísimo 5,24 %, e na abstención, xa que a pesar de que ao longo da noite electoral non se citara, a participación do voto en urna baixou un considerable 6,65 %, até quedar no 63,80 %. Datos que poñen en evidencia as dificultades da oposición parlamentaria de socialistas e nacionalistas para mobilizar ao que foi o seu electorado nesta convocatoria adiantada.

 Os resultados amosan que a fragmentación nacionalista non foi decisiva para o desenlace electoral, a pesar de que no escenario dunha hipotética participación de BNG, AGE e CxG nunha única candidatura o seu resultado superaría en máis de 66.000 votos ao PSdeG-PSOE e provocaría un cambio na distribución dos escanos, mais que non poñería en cuestión a maioría conservadora (PP 40, AGE/BNG/CxG 18, PSdeG-PSOE 17). No entanto, semella verosímil que a hipótese dunha Frente ampla nacionalista e da esquerda plural, como propuxo Xosé Manuel Beiras, puidese obter un resultado aínda máis reforzado. Como o estudo da relación de actas obtidas polas candidaturas nacionalistas evidencia unha lixeira diminución dos seus apoios (7 actas para o BNG e 4 para Anova), apenas unha menos que na pasada lexislatura.

 Datos que presentadados pola face ou polo envés non poden ocultar a rotunda vitoria en Galicia do partido conformista, presente non só nas filas do PP, como no fracaso da que foi até agora oposición parlamentaria incapaz de ofrecer unha opción atractiva que enlazase coa pulsión de cambio presente nos sectores sociais urbanos máis críticos coas políticas de recortes e de austeridade selectiva de Feijoo. Quizais aí radique a cerna do éxito da AGE capaz de situarse como primeira forza da oposición en Santiago e A Coruña, como tamén a resistencia amosada no resto das cidades, singularmente en Vigo, polo conxunto das forzas nacionalistas e progresistas que, a pesar do seu frouxo resultado, continúan sendo as maioritarias. Como é incuestionable que influíu no éxito da AGE as súa comunicación política coidadosamente “inxenua” como a participación activísima de Xosé Manuel Beiras, unha figura moral capaz de suscitar respecto e admiración nos seus adversarios e de contaxiar entusiasmo máis alá dos límites estreitos fixados pola cohesión do patriotismo de partido.

É innegable que o PSdeG-PSOE e BNG deberán facer fronte á crise interna que provoca un fracaso desta envergadura. Como tamén os membros da AGE deberán decidir se  queren continuar profundizando nos vimbios da súa alianza política de novo cuño ou se se conforman co éxito coxuntural acadado pola súa coalición. Ningún deles ten doado escoller o seu futuro. Procesos reconstituíntes que compartirán co traballo nunha lexislatura clave tanto para a defensa das conquistas da sociedade do benestar como do noso autogoberno.