O carballo de Padroso: memoria e amizade
Árbore sagrada das culturas celtas atlánticas, tamén o é de Inglaterra, Alemaña, o carballo atlántico, Quercus robur, é a insignia verde de país de noso. Dende época romana, tamén o foi do País Vasco, onde o carballo, en éuscaro haritza, forma parte do escudo da Euskaltzaindia, Academia da Lingua Vasca, ademais do carácter político do carballo de Gernika-Lumo, símbolo das liberdades do territorio de Bizcaia e por extensión de toda a sociedade vasca.
Árbore que pola súa presenza monumental e resistencia centenaria á intemperie e ao paso do tempo é considerada en Galicia depósito de vida e, polo tanto, tamén de memoria. Xosé Luís Méndez Ferrín considérao o símbolo da liberdade colectiva e total dos galegos e galegas por acoller a presenza humana e a salvaxe de vacalouras ou escornabois, ambas as dúas convidando comunidades.
Carballo con presenza milenaria no territorio galego, como testemuña o Carballo grande de Cartelos, no municipio de Carballedo, Lugo, monumento natural de Galicia, na que se contaron dous mil aneis de crecemento anual, cuxo porte foi reducido en 2018 por un temporal. Velaí o grande Carballo de Cerracín, na parroquia de Vilalvite, en Friol, tamén en Lugo, do que se di ten mil anos e un perímetro de dez metros.
Como temos o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo que fascinou a Rosalía de Castro, con 250 anos de antigüidade, que formou parte dun cofre botánico excepcional dun bosque que chegou a contar con mil carballos dos que se conservan apenas corenta. Carballo de Conxo, onde a nosa primeira escritora localizou a súa última novela El primer loco (1881), arredor dos que se xuntaron o 2 de marzo de 1856 estudantes, artesáns e obreiros, converténdose así no símbolo dos valores democráticos e republicanos galegos.
Símbolo político, coma a da árbore de Gernika, á que recorreu Ramón Otero Pedrayo para reclamar o seu son coral como expresión de solidariedade coas vítimas do franquismo na persoa do mártir Alexandre Bóveda.
Carballo que en Padroso, territorio onde se confunde a Limia co val do Ambía, ao pé da grande chaira da Limia, devalando polas terras da parroquia de Abeleda, onde outrora se localizaba a lagoa de Antela, adquire unha formidable presenza nun exemplar de 250 anos de idade. Próximo á aldea de Padroso, a carón do camiño da fonte e ao pé do Camiño Mozárabe, ten un perímetro de 4,35 metros e 17 metros de altura, este carballo, chamado “da fonte” xunta cada ano, no segundo sábado de xullo, ás amizades do editor Bieito Ledo Cabido, cuxa memoria do porvir quedará impresa na cerna desta árbore senlleira por centos de anos.
Carballo de Padroso que deita sombra e agarimo, como a que noutrora precisaban os druídas para os seus rituais, a todas aquelas persoas que en asemblea poética aberta procuran o seu acubillo, tamén os efectos de serenidade e acougo que ampara. Amizades de Bieito que compartimos a crenza fundamentada de que abrazar o carballo de Padroso constitúe unha necesaria tarefa colectiva que proporciona o agasallo de impregnarse coa enerxía centenaria acumulada na súa cerna, o que provoca un entusiasmo contaxioso perdurable, entre outros beneficios espirituais e corporais.
Foi Bieito Ledo creador de grandes proxectos culturais enraizados na lingua galega polos que forma parte das páxinas máis brillantes da edición galega de entre séculos. Non esquezo a libraría Ir indo das galerías de Príncipe, onde merquei boa parte dos meus primeiros libros en galego, nin a creación dos Premios da Crítica de Galicia, dos que termou case cincuenta anos. Como conservo os cincuenta volumes da primeira Biblioteca da Cultura Galega, publicada cando foi xerente (e modernizador) da editorial Galaxia, e a Enciclopedia Galega Universal (EGU), hoxe de acceso público na rede, entre outras grandes obras publicadas pola editorial Ir indo, o seu proxecto editorial e empresarial.
É Bieito Ledo pasados os oitenta, varudo e orgulloso avó, que non perdeu un ápice do seu entusiasmo de mocidade e da súa teimosa vontade de madurez, capaz de crear arredor do carballo de Padroso, a súa aldea natal do concello ourensán de Xunqueira de Ambía, un xuntoiro laico de espírito druídico, que non renuncia ao dionisíaco, no que se exaltan os valores da amizade, da natureza e a paisaxe, da lingua como patrimonio da humanidade ao noso cargo e da fidelidade inquebrantable coa conservación da memoria, a cerna do país noso.
Antón Pulido, compañeiro inseparable de Bieito Ledo dende hai case sete décadas, bautizou o de Padroso como “carballo das apertas” e a reunión ao seu arredor como “xuntoiro das apertas”, como símbolo da amizade fonda e lealdade amigable. Afortunadas definicións do pintor maior de Amoeiro, á que nos unimos as participantes nestas páxinas impresas coa tinta imborrábel dos afectos e das complicidades emocionais.
É este outro libro das amizades do editor Bieito Ledo que recende a pan recén enfornado. Beizón, Bieito, por esoutra nova argallada!
Texto lido en Padroso, 12 de xullo de 2025