Artigos

Onte 2017: Gala do libro galego 2019

Onte na Gala do Libro Galego recibín por estas Bretemas o premio ao Proxecto literario na rede. Recoñecíase así a traxectoria de escritura do blog nacido o 3 de xaneiro de 2005 coa intención de ensaiar a escritura hipertextual e facer crónica do meu traballo de edición. Un premio que agradecín o mellor que souben ao xurado e ás tres entidades do sector do libro convocantes (AEL, AGE e FLG) polo aliciente que esta altura supón apostar polos blogs como portos seguros e continuar así co ritmo desta escritura hipertextual, cando se impuxo a banalidade e  cotilleo nalgunhas redes sociais como Facebook. Un premio que confeso recollín tamén con moito pudor, sobre todo pola decepción que podía supoñer paras as outras candidaturas finalistas (Biosbardia, Galicia Encantada, Kalandraka TV e ogalego.eu), ás que admiro e considero merecedoras tamén do recoñecemento, como polo feito de que sei que todos os éxitos son sempre froito dun esforzo colectivo e os fracasos, as perdas ou os erros responsabilidade de quen os comete.

Esa é a razón pola que quixen lembrar nas miñas palabras de gratitude ás iniciativas pioneiras dos blogs en Galicia, aquelas nacidas entre os anos 2003 e 2004, anteriores ao fenómeno bautizado como blogomillo. Co risco de esquecer algunha, polo que expreso desculpas, citei, en primeiro lugar, a Pedro Silva Goretoxo, creador De mares, portos e portas, o primeiro blog da plataforma Blogaliza que desenvolveu con tanta xenerosidade, para despois facelo co Capítulo 0 de Manuel Gago, Dias estranhos de Martín Pawley (Óscar Sánchez), Todo Nada de María Yáñez, Cabrafanada de Fran Alonso, e rematar con As túas balas, o blog de Cesare (Xabier Cid), que coñecín no transcurso dunhas xornadas de literatura galega na Universidade de Cáceres en novembro de 2004, que me levaron a ensaiar pouco despois a escritura blog.

Rematei a miña intervención lembrando a afouteza do mestre Xabier P. DoCampo que na pasada edición da Gala do Libro Galego, na que foi a súa derradeira intervención, tras recoller o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán, reclamou con todo a enerxía que xa lle faltaba a dignidade que merece o sector editorial en lingua galega. Unha petición que fixen miña 365 días despois para expresar logo o meu desexo de poder anunciar algún día en Brétemas que por fin Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, recibira no seu despacho ás presidencias das entidades convocantes desta gala, como unha mostra de afecto e recoñecemento do sector do libro, o que non fixo ao longa da década do seu goberno, a pesar das solicitudes dos sectores profesionais do libro e da tradición trazada por todas as presidencias anteriores.

A gala conducida co bo tino pola nosa admirada Iria Pinheiro e acompañada musicalmente polo ritmo feminista de Habelas Hainas, amosou a situación de certo conformismo do sector ao tempo que a maior diversidade dos axentes editoriais. Polo que a min me tocou máis de preto aledáronme os dous premios recibidos por obras publicadas por Xerais, Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte de Emilio Xosé Insua e Xurxo Martínez na categoría de Ensaio e Investigación e O puño e a letra de Yolanda Castaño no de Libro de banda deseñada. Como tamén moito celebrei o que recibiu a revista Luzes pola súa traxectoria de Xornalismo cultural. As intervencións de dúas responsables do proxecto Luzes, Valeria Pereira e Ana Luisa Bouzas, reclamando o cumprimento do estatuto de da CRTVG e apoiando ao colectivo Defende a Galega foron os mellores minutos da velada. Como tamén me emocionaron as palabras do meu mestre Antón Costa Rico, o director da Biblioteca de Pedagoxía de Kalandraka editora, premiada como a mellor Iniciativa bibliográfica, con quen regresamos a Vigo satisfeitos e compartindo as experiencias dun tempo renovado de escola.

Xaora, pareceume unha oportunidade perdida para a xenerosidade a intervención de José Manuel Pinal Rodríguez, director xeral de centros e recursos humanos da Consellaría de Educación que recolleu en solitario o premio á traxectoria de Iniciativa cultural e fomento da lectura outorgado con todo merecemento á Asesoría de Bibliotecas Escolares. Botamos en falta no seu discurso algunha referencia ás profesionais, que veñen traballando na asesoría dende 2003, como tamén aos milleiros de profesoras, mestras, alumnos e alumnas protagonistas desta experiencia excepcional de innovación que se desenvolve xa en máis de 655 centros públicos e 22 concertados do ensino universitario do país.

Rematada  cerimonia, gustei do rebumbio que o ditame suscitou en Twitter, a rede na que máis participo, sobre todo pola magnífica e aguda crónica que foi facendo Jaureguizar, a quen lembrei que comezou o seu Facendo amigos o mesmo día que o facía Brétemas, como polos chíos de amizades moi entusiastas. En todo caso, beizón para todas aquelas persoas que nestas horas me fixeron chegar os seus parabéns e afectos polas diversas canles do caso. Brétemas intentará continuar con azos renovados despois de tan excelente e agarimoso serán.

Onte 1184: «Do voltar», nadaliña cinematográfica

«Do voltar» é o título desta magnífica nadaliña cinematográfica que Víctor Hugo Seoane preparou para o blog «Acto de primavera». Lembremos que o pasado ano a nadaliña foi esta peza de Carla Andrade, en 2012  a de Eloy Domínguez Serén e no 2011 a de Xurxo Chirro. Parabéns a Martín Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande, responsables do blog, por poñer en valor a creación audiovisual neste eido, algo aínda pouco frecuente na cultura galega.

Onte 669: Proxecto «Nimbos»

A iniciativa de Martín Pawley de promover o proxecto Nimbos de creacións fílmicas arredor do libro de Díaz Castro adianta o que pode ser unha celebración ventureira do vindeiro 17 de maio. Polo que conta Pawley a resposta dos cineastas galegos está sendo moi ampla e xenerosa, aventurando a posibilidade de que algún destes novos nimbos de luz chegue de fóra de Galicia. Poesía e cinema concibidas como expresións artísticas xeradas pola luz dun poeta a reler. Agardaremos polas primeiras pezas que, polo que sabemos, axiña poderemos coñecer.

Desván de los Monjes, non era unha lenda urbana

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/TAxDHlS0Ef4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A pesar do desmentido de Roberto Varela o pasado 24 de febreiro en El Correo Gallego, no segundo 18 do vídeo podemos comprobar que o de «Desván de los monjes» non era unha lenda urbana.

O vídeo completo («Magia y ocio en el Camino: paquetes turísticos de Terras de Ulla e Tambre) está publicado en «Galicia, ven y siéntala», a páxina de Galicia en Fitur.

As nosas beizóns a Martin Pawley por poñer as cousas no seu sitio.