Artigos

Onte 2124: «Cobiza», a novela de ciencia ficción de Reimóndez

Dende a súa primeira novela, O caderno de bitácora (Positivas, 2004), María Reimóndez non volvera utilizar os recursos narrativos ofrecidos polo xénero da ciencia ficción para deitar unha ollada de grande angular sobre o presente. Faino agora na novela Cobiza (Xerais, 2021), Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual de xénero 2020, coa intención de abordar o proceso de construción do sexo e do xénero, as identidades e orientacións sexuais no marco das pandemias provocadas polo colapso ambiental do planeta e o seu quecemento global. Temas abordados nunha complexa e logradísima trama de ciencia ficción feminista e ecoloxista que se desenvolve tras a Gran Desconexión (GD), catástrofe planetaria debida a un fallo técnico provocado pola sobrecarga  eléctrica que as persoas pobres provocaron na rede de conexión dixital disposta para o avance tecnolóxico; en definitiva, bens e servizos da tecnoloxía dixital, da ciencia e da intelixencia concibidos só para aquelas persoas que puidesen pagalos.

Cobiza relata a peripecia da travesía oceánica de Dandara, Tassi e Seh-Dong, seres doutra caste, creados dende a materia vexetal das resinas, concibidos para vivir centos de anos sen dor nin doenzas ningunhas, cuxa existencia ficara oculta para o mundo, como concibira Luz a súa creadora, coa intención de que a humanidade volvese a súa esencia máis  primixenia. Escrita no período de pandemia, aborda algunha das cuestións esenciais do tempo presente como o valor da ciencia e a tecnoloxía, a escravitude sexual, a explotación dos ventres de alugueiro, a natalidade obrigada nos países empobrecidos… Un formidable negocio para unha corporación internacional, a poderosa Life Corps, capaz de proporcionar a solución (a vacina) para cada pandemia, mais que non ten outra orientación que a proporcionada pola cobiza, un monstro de rostro cambiante orientado a obter o máximo beneficio. Unha reflexión que na novela amplíase sobre o carácter da reprodución, a incomunicación e as posibilidades de colaboración, adquirindo unha dimensión moral xa que a cooperación e o coidado son dous requisitos básicos para a vida dos seres humanos.

Cuestión central na trama da novela, como é adoito neste xénero da ficción científica, é a descrición da organización dunha sociedade dividida entre os Recunchos e as Capitais (onde se fala a lingua única e só se preservou a onomástica das linguas propias), na que todo esta baixo o control do Sistema de Vixiancia Mundial (SVM) e onde cada persoa, seres humanos, seres híbridos e seres metálicos (os androides que traballan como «técnicos») están controladas e non poden saír dos límites permitidos para cada unha delas. Como tamén son fulcrais a abordaxe das cuestións ambientais, nun planeta onde os oceános foron ocupados polos plásticos, os animais salvaxes practicamente desapareceron e a alimentación é homoxénea e compacta, presentada por pastillas.

Con todo, a cerna de Cobiza está na esculca de María Reimóndez sobre o propio concepto do humano, sen divisións binarias e clasificacións establecidas pola anatomía. Que valor ten ter pene ou vaxina?  Que significa ser muller? Podemos ser o que desexemos? É posible desenvolver seres completos sen os vicios dos humanos? Onde queda o papel dos afectos?  Que alcance vai ter a Intelixencia Artificial (AI)? Reflexións sobre identidade e orientación sexuais, como sobre o futuro do planeta doente, na que autora despois de douascentas páxinas sen tregua, propón sementar a esperanza dun mundo novo.

Novela de ciencia ficción importantísima para a literatura galega, polo seu diálogo con clásicos contemporáneos, como O conto da criada de Margaret Atwood (2019 Irmás Cartoné), mais tamén decisiva no catálogo cada vez máis diversificado e amplo dunha autora esencial da literatura galega actual. Outra proeza literaria de Reimóndez que aventuro como un dos libros de excelencia deste novo ano. Recomendo non perdelo.

Onte 477: The World Needs More Canada

Saquei esta foto na libraría !ndigo do centro comercial Eaton, no corazón de Toronto. Unha relación de escritores e escritoras, dende Margaret Atwood, Saul Bellow a Michael Ondaatje, músicos (Neil Young ou Celine Dion) e outros artistas constitúen o reclamo para expresar a creatividade e produtividade da industria cultural canadiana. Unha iniciativa concibida, tamén, para desenvolver a autoestima colectiva arredor dos produtos culturais propios, ao tempo que un reclamo para a súa maior presenza no mundo. Unha estratexia, escasamente novidosa, mais que sei compartimos os que traballamos nas industriais culturais galegas. Ben estaría que nas escaleiras dalgúns dos centros comerciais galegos (fose As Cancelas, Marineda ou A Laxe) aparecese o rótulo «O mundo necesita máis a Galicia» impreso en negriña sobre unha relación de creadores e creadoras de noso. Éche ben doado de emular.

Onte 476: #IdleNoMore

Margaret Atwood, a nosa admirada narradora canadiana, veciña de Toronto, apoia dende o seu moi activo perfil de Twitter a difusión do hashtag #IdleNoMore a prol da defensa das comunidades indíxenas das primeiras nacións canadianas. O pasado 10 de decembro, milleiros de persoas mobilizáronse nas rúas das principais cidades canadianas baixo o lema «Idle No More» para protestar polos efectos das políticas actuais sobre os pobos índíxenas. Estas manifestacións, que tiveron ampla difusión nas redes sociais e moi escasa nos medios de comunicación, foron as máis importantes das celebradas en Canadá dos últimos anos, até ser consideradas como «native winter», á semellanza das das chamadas «primaveras árabes». O episodio máis impactante das mobilizacións está sendo protagonizado pola xefa Attawapiskat Theresa Spence que comezou unha folga de fame que pretende alongar até que o primeiro ministro Harper e a raína Sabela II acepten reunirse cos líderes das «primeiras nacións». A xefa Attawapiskat confesou «estar disposta a morrer até conseguir maior respecto para os membros do seu pobo». O movemento Idle No More xurdíu a raíz dos acontecementos do 4 de decembro, cando se impedíu acceder aos representantes das primeiras nacións ao parlamento de Ottawa onde se debatía a Lei C45, que eles entenden debilita protección da terra e das augas, ademais de violar tratados xa existentes. #IdleNoMore configúrase como un movemento cidadán de empoderamento, promovido dende a rede, que achega novos puntos de vista no eido político, ao tempo que é capaz de mobilizar a sectores mozos e outros até agora pouco representados. Pode seguirse a evolución deste interesante movemento cidadán dende o seu blog e espazo en Fb.

Na foto a xefa Theresa Spence.