Listado de la etiqueta: luís_alvarez_pousa

4 de nadal: 40 anos de autonomía conformista

Dedico o primeiro artigo en Luzes.gal ao corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal a prol da Autonomía para Galicia:

Coa excepción dunha excelente reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza, o corenta aniversario das manifestacións do 4 de nadal, unha data histórica na que se mobilizaron en Galicia máis de 400 mil persoas, pasou sen pena nin gloria na axenda pública galega, a utilizada polas administracións, partidos e medios impresos do país. Un feito que non resulta estraño no proceso autonómico galego que dende o seu inicio foi dirixido dunha ou doutra maneira por persoas e forzas políticas que non acreditaban no autogoberno galego.

Explícao de marabilla o propio Marcos Pérez Pena no seu libro A prensa en Galicia na Transición (2016), unha desas obras maiores de Xerais Crónica, agochada tamén para a maior parte dos medios, a pesar de obter o Premio da Crítica de Galicia 2017 na modalidade de Investigación, cando relata os ires e vires do inicio da autonomía, impulsada de forma decisiva polas manifestacións daquel domingo de decembro de 1977 de Vigo e da Coruña (das maiores da nosa historia, xunto ás do Prestige), mais tamén pola tractorada que o mesmo día organizaron as Comisións Labregas, apoiada polo BN-PG, ambas as dúas silenciadas pola prensa de Madrid.

Como tamén relata no seu documentadísimo libro o xornalista de Praza as peripecias de Adolfo Suárez e Manuel Clavero Arévalo, o seu ministro adjunto para las regiones, para poñer en marcha a preautonomía Galega o 10 de marzo de 1978, de forma simultánea ás do País Valenciano, Aragón e Canarias, o que Xosé Antón Gaciño, o director de El Ideal Gallego, cualificou de “preautonomía desgastada”, e Luís Álvarez Pousa, xornalista de La Voz de Galicia, de “preautonomía retrasada, filtrada e desalentada”. Abríase así o que sería unha deriva da autonomía galega nestas catro décadas de “café para todos” (termo do ministro Clavero): estar sempre un paso (ou varios) atrás de Cataluña e o País Vasco, ao tempo que sinalar para o Gobierno de España, fose socialista ou popular, o teito das aspiracións do resto das comunidades.

Outrosí sucedeu co proceso que levou a Suárez a nomear finalmente a Antonio Rosón como presidente da Xunta preautonómica, outro capítulo formidable do libro de Pérez Pena, desbotando a outros membros da UCD, como o ministro franquista Pío Cabanillas, tamén un dos fundadores de Alianza Popular, daquela xa apoiado polo “grupo de Ourense”, ou o vigués Víctor Moro, que recibiría un ano despois como premio de consolación a candidatura á alcaldía de Vigo. Unha escolla a do polémico Rosón, que dende o inicio se definiu como “galeguista” e utilizou decote o idioma galega, á que non debeu ser allea a intervención do seu amigo Ramón Piñeiro, desbotando así a encrucillada dun Tarradellas galego, que Suárez chegou a contemplar na figura de Bibiano Fernández Osorio-Tafall, o científico e diplomático que fora alcalde de Pontevedra durante a segunda República e chegara a subsecretario xeral da ONU.

Desencanto sobre o proceso autonómico que continuou co de elaboración e aprobación do Estatuto de Galicia, aprobado no referendo de 21 de decembro de 1980 cunha participación do 28,3% e unha porcentaxe de votos afirmativos do 73,4%. Un fracaso en toda regra na aprobación cidadá dun texto vixente dende o 6 de abril de 1981, mais que nunca foi modificado e solicitada apenas a súa revisión durante o goberno de coalición presidido por Emilio Pérez Touriño. Quizais outra manifestación, en palabras do xornalista Xosé María Palmeiro, de “submisa indiferenza”, ou anticipación do conformismo instalado na cidadanía galega desque goberna Alberto Núñez Feijoo e outros altos funcionarios do grupo de cadros da administarción autonómica. Mais ese xa é outro conto.

Onte 1675: Manuel María, editor de Xistral

libraria_xistralNeste Día das Letras no que celebramos a proeza de Manuel María como poeta nacional galego, cómpre non esquecer o seu compromiso como editor de poesía, como libreiro e como activista cultural.

A vocación de Manuel María como editor foi precoz, xa que iniciou esta actividade en 1949, cando apenas contaba vinte anos. Sendo alumno de sétimo de bacharelato promoveu co seu compañeiro Manuel Antonio Sopena a publicación das follas de poesía «Xistral», título co que os agasallara Luís Pimentel, a quen Manuel coñecera xunto con Celestino Fernández de la Vega e outros galeguistas na tertulia do Cantón Bar (máis tarde do Méndez Núñez). Un ano despois foi Aquilino Iglesia Alvariño quen xestionou con Celso Emilio Ferreiro e Sabino Torres a publicación na colección de poesía Benito Soto de Pontevedra do seu primeiro libro Muiñeiro de brétemas (1950), co que iniciou a súa etapa de poemarios de corte existencialista, ao que pertencen tamén Morrendo a cada intre (1952) e Advento (1954), nos que aparecen os abraios e os berros angustiados do poeta adolescente de intensidade e sinceridade abrumadoras. Aquela revista Xistral, unha aventura de mocidade que durou apenas dous números, foi onde publicou os seus primeiros poemas, xunto aos de autores lucenses consagrados como Luís Pimentel,Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño.

Poemas_penduradosActividade editorial que Manuel María retomará en 1952 cando promove en Lugo co pintor Ánxel Johán a Colección Xistral de poesía, reutilizando así o nome que lle agasallara Pimentel, o das serras setentrionais que separan a súa Terra Chá do mar, como aproveitando a experiencia da colección pontevedresa onde publicara o seu libro alboral. Manuel María coidará e xestionará a edición de media ducia de libros de poemas, cinco deles en galego, para o que contará coa axuda económica achegada polos membros da peña do Méndez Núñez. «Pimentel, Ricardo López Pardo e algúns outros puxeron 250 pesetas cada un», confesoulle Manuel María a Xosé Manuel del Caño no seu libro entrevista. Cinco poemarios hoxe emblemáticos do emerxer literario dos cincuenta, fose pola novidade das súas autoras, como polo regreso de poetas que publicarán con anterioridade ao 18 de xullo: O paxaro na boca (1952), o primeiro libro de Luz Pozo Garza; Íntimas (1952), o título inicial de Pura Vázquez; Poemas pendurados de un cabelo (1952) de Ricardo Carballo Calero; Da miña zanfona (1954), un dos últimos libros de Ramón Cabanillas e Orballo espido (1955) de Manuel Casado Nieto. Unha colección emblemática que morreu, segundo confesou o propio Manuel María, “porque había coa censura uns trámites tremendos”, un eufemismo elegante para expresar as dificultades do xove editor.

Manuel María non foi orixinal para bautizar a súa terceira tentativa editorial como Ediciós Xistral, un proxecto que se anticipou un par de anos á apertura en 1970 da Libraría Xistral, onde vendería tamén cerámica de Sargadelos, que dirixiu súa compañeira Saleta Goi nas Galerías Fontecha de Monforte de Lemos. Un proxecto editorial no que dende 1968 a 1975 publicou catorce títulos, dos que trece corresponderon á colección Val de Lemos de poesía, na que contou coa colaboración de Baslio Losada e a dirección de Lois Diéguez. Manuel María conseguiu que Xistral, a pesar da súa modestia, fose unha referencia no seu tempo, conseguindo, como sinalou Darío Xohán Cabana, «que algúns autores seguisen publicando e outros empezásemos a publicar». Unha iniciativa editorial á que non foron alleas as dificultades do propio Manuel María para publicar os seus poemarios. Galaxia publicáralle Mar maior (1962) na colección Sanlés que dirixía Celso Emilio Ferreiro, mais rexeitáralle a edición da segunda edición de Terra Chá (1967), á que engadira vinte e sete novos poemas. Dificultades, ás que se engadía o carácter social e político da súa produción daquel tempo, que o obrigaron a procurar saída nas Edicións Nós de Buenos Aires para dous dos seus libros Versos para un país de minifundios (1969 e Remol (1970).

Terra_de-ninguresManuel María publicou en Val de Lemos dous poemarios, Proba documental (1968) e Canciós do lusco e fusco (1970), ademais do seu Auto do mariñeiro (Brevísima farsa dramática en tres tempos) (1970). Colección á que incorporou voces consagradas como a de Celso Emilio Ferreiro, entón en Caracas, con Terra de ningures (1969), a de Xosé Neira Vilas, daquela en Cuba, con Inquedo latexar (1969) e a de Bernardino Graña con Non vexo Vigo nin Cangas (1975). Mais e sobre todo, Manuel María apostou por unha xeración de poetas novos como a chairega Margarita Ledo Andión, que publicou alí os seus dous primeiros libros Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto (1970) e O corvo érguese cedo (1973). Outro tanto sucedeu cos tamén lucenses Lois Díeguez con Canciós para un agromar branco e azul (1968); Darío Xohán Cabana con Home e terra (1970); Fiz Vergara Vilariño con Encontro cos tiburós ( 1973) e Xosé Lois García, autor de Borralleira para sementar unha verba (1974). Colección que se completou co libro de Luís Álvarez Pousa Os cás da vida (1972)  e cos Poemas na voz de Antón Campelo (1969).

Margarita Ledo comentoulle a Mercedes Queixas que o nome de «Val de Lemos» «condensa dalgún xeito, o modo de andar a terra de Manuel María», a forma dos libros era «povera», «de urxencia, libros feitos cos medios á man e na imprenta do (tamén libreiro) Villarrabide de Sárria». «Val de Lemos» foi, para Margarita Ledo, «un lugar de encontro e de crenza no futuro; foi a revancha da palabra contra a súa desaparición; foi a lingua galega como sinal das contrabandistas».

CapaCantosRodadosAs Edicións Xistral enriqueceron o polo editorial galego alternativo á Galaxia de Del Riego, controlada literaria e politicamente por Ramón Piñeiro. Un espazo editorial no que se situaban tamén a lucense editorial Celta, as Edicións Castrelos do poeta Xosé María Álvarez Blázquez e as Ediciós do Castro do recén creado Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, Uns poucos anos antes que aparecesen as novas editoras da Reforma Política, como Edicións do Rueiro, Alvarellos, Edicións do Cerne e xa en 1979 Edicións Xerais de Galicia. O nome de Edicións Xistral nese período reaparecerá da man de Manuel María como selo de publicacións nacionalistas da ANPG, un catálogo onde se publicaron títulos tan emblemáticos como as novelas Antón e os iñocentes (1976) de Méndez Ferrín e Galou Z-28 (1976) de Lois Diéguez, o ensaio Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galiza (1976) de Francisco Rodríguez ou o poemario Cantos rodados pra alleados e colonizados (1976) do propio Manuel María. Mais ese xa é outro capítulo da historia da edición galega no que compriría afondar no futuro.

VOCES CEIBESPor último, neste repaso do labor editorial de Manuel María, non podemos esquecer o seu papel na alianza de Xistral con Edigsa, a compañía discográfica catalá, que producía a «nova canço catalana». Grazas a esta acordo creouse un sello conxunto Xistral-Edigsa que gravará os primeiros discos de Voces Ceibes e os Poemas ditos coa súa voz (1968), un moi orixinal documento sonoro no que Manuel María adiantaba cinco poemas inéditos de Remol, que segundo Saleta constituíu «o grande éxito da Feira do libro da Coruña de 1968». Unha colaboración editorial á que noi allea a presentación que Manuel María fixera do concerto de Raimon no estadio da Residencia de Estudantes Compostela o 9 de maio de 1967, un acto no que prendeu a faísca da “Nova Canción Galega” nin a súa participación, tamén como presentador, no mítico concerto de Voces Ceibes no teatro Capitol o primeiro de decembro de 1968.

O soño de Chano Piñeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Chano Piñeiro con motivo dos vinte anos do seu pasamento.

chano_piñeiroO pasado 21 de marzo fixéronse vinte anos do pasamento de Chano Piñeiro, o admirado boticario de Torrecedeira, director de cine e colaborador de Faro de Vigo. Vinte e cinco anos despois da estrea e fulgor de Sempre Xonxa, a súa primeira longametraxe, e trinta da de Mamasunción, a mediametraxe de 35 mm coa que iniciou a súa traxectoria internacional e coa que a TVG, poucos meses despois iniciou a súa programación o 25 de xullo de 1985. Piñeiro foi un contador de historias natural e un apaixonado autodidacta do cine, membro dunha xeración de pioneiros que durante as décadas de 1970 e 1980 perseguiu a fantasía de facer cine en lingua galega.

Xunto a persoas como Carlos López Piñeiro, Miguel Gato, Antonio Simón, Enrique Rodríguez Baixeras, Miguel Castelo, Xavier Villaverde, Francisco Taxes, Víctor Ruppen, Juan Pinzás, Xosé Xoán Cabanas, Eloi Lozano, e tantas outras participantes nas Xornadas do Cine de Ourense e noutras iniciativas de produción de finais da década dos setenta, pioneiras todas do cinema galego, Chano pretendeu abrir unha fenda de modernización para a nosa cultura, a de entrar a formar parte da cultural cinematográfica e audiovisual. E abofé que o seu soño pagou a pena, a pesar de que a cultura galega aínda se alicerza de máis sobre a cultura literaria.

Comezou Piñeiro ensaiando cos formatos afeccionados, cunha cámara de Super 8 que lle agasallara Mariluz Montes Quireza, a súa compañeira. Con ela filmou a súa primeira película, Os paxaros morren no aire (1977), unha peza de trinta e cinco minutos, inspirada levemente en Sempre en Galiza, na que xa intervén Xosé Manuel Olveira “Pico”, un do seus actores favoritos. Localizada en Rubillón, aldea do concello de Avión, terra natal de Mariluz, supuxo un achegamento á cultura tradicional galega, que repetirá en Mamasunción (1984), a súa película máis celebrada, primeira na que conta cunha axuda para a produción da Dirección Xeral de Cultura, sendo director Luís Álvarez Pousa, o que lle permite mesturar os recursos da industria cinematográfica española (contou con Miguel Ángel Trujillo como director de fotografía) coas doses de voluntarismo entusiasta dun cazador de nubes. Localizada en Balaíste, tamén no concello de Avión, relata a vida de Asunción Rocamonde, a que Chano definiu como “a avoa de todos nós”, que leva catro décadas agardando a carta do seu fillo emigrado en México. Unha película, recoñecida con numerosos premios, entre eles o da Crítica Galicia (1985), que representa un mundo hoxe desaparecido, unha forma de vida da que “Mamasunción” queda como estremecedora testemuña etnográfica.

Por ventura, Chano Piñeiro gozou do éxito popular con Sempre Xonxa (1989), a primeira daquelas tres longametraxes estreadas no Cine Fraga do 23 ao 25 de novembro de 1989, xunto a Continental de Xavier Villaverde e Urxa de Carlos López Piñeiro, que mudaron a historia do cine galego. Historia de amor emigrante protagonizada pola actriz e directora Uxía Blanco e localizada en Santa Olaia de Valdeorras ao longo das catro estacións, aldea que para Chano é “metáfora de todas as Galicias posibles e soñadas”, Sempre Xonxa filmouse grazas a que recibiu unha axuda da Xunta de Galicia, sendo conselleiro de Cultura Alfredo Conde, outra máis pequena da Deputación de Pontevedra, sendo presidente Xosé Cuíña, e a TVG adquiriu os dereitos de emisión, abrindo así un modelo de produción industrial para o audiovisual galego, co que a comezos dos noventa chegaron a producirse trinta películas por ano, como repasou a recente exposición “Cinegalicia25”.

Chano Piñeiro mantivo unha relación apaixonada con Vigo, cidade á que chegou en 1984 para montar preto da praza Xoán XXIII a botica coa súa compañeira. En Vigo estreou Mamasunción o 28 de decembro de 1984 e Esperanza o 24 de xuño de 1986, película producida polo concello de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto, e localizada no barrio de Teis, na que aborda o problema do alcoholismo. Agarimo pola nosa cidade da oliveira que expresou nos artigos publicados en Faro entre 1991 e 1992 baixo o epígrafe de “Conversas con vento”, auténticos lostregazos de tenrura, ficcións súbitas, entroncadas na tradición que Cunqueiro acuñara no decano. Textos emocionantes nos que nunha semana Chano conversaba cunha gaivota que toleara por que non podía voar e noutra censuraba ao concelleiro que mandara talar as árbores da rúa da Paz para aumentar as prazas da ORA.

Chano Piñeiro foi un creador de ficcións literarias e cinematográficas en galego. Ficcións que foron un espello de vida, que tiñan a imaxinación e a memoria como elementos desencadeantes e a palabra e a imaxe como constitutivos. Lembrámolo con saudades, conscientes que a súa obra cinematográfica pioneira para a nosa cultura merece ser posta en valor.