Listado de la etiqueta: lorenzo_varela

Infamia

Isaac Díaz Pardo, a quen lembramos este mes no seu duodécimo cabodano, colocábanos aos editores galegos fronte ao espello cando repetía nas nosas xuntanzas gremiais no IGI que «dedicara toda a súa vida a templar gaitas e limpar merdas». Sabiamos que esta confesión, de quen asumiu a austeridade como a súa forma de vida e foi mestre da cultura da acollida, constituía apenas un eufemismo para expresar o sufrimento e a decepción dos enredos que como creador de Sargadelos, de Ediciós do Castro, do Laboratorio de Formas ou do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside padeceu para defender os seus proxectos empresariais de modernización galeguista. O mesmo Isaac teimoso e afouto dende a mocidade, que practicou até o seu derradeiro salaio o exercicio da memoria, tanto a propia como a compartida da que foi custodio. Memoria republicana de Galicia gravada nos máis de cento sesenta títulos da colección Documentos pra a Historia Contemporánea de Galiza ou do proxecto da Biblioteca do Exilio, que promoveu coa editorial Renacimiento, como editor ponte coa Galicia emigrante de Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, amizades que nunca perdeu. A mesma persoa que mantivo ao longo da vida enteira como referente moral ao seu pai, Camilo Díaz, escritor e escenógrafo da xeración de Castelao e Federico Ribas, asasinado polos sublevados en agosto de 1936, cando Isaac contaba apenas dezaseis anos, infamia que denunciou finalmente coa intención de que nunca se esquecese. Imaxino que con semellante xeito de instalarse no mundo, Díaz Pardo apenas sorriría con sarcasmo lendo a relación de participantes na nona edición dos Foros de Debate organizada en Ribadeo en xaneiro e febreiro pola Fundación Sargadelos e o Grupo Voar sobre «O Estado: súbditos e cidadáns». Os organizadores, cando este venres reciban ao conferenciante, Iván Espinosa de los Monteros, quen fora fundador de Vox e voceiro no Congreso, deberían explicarlle quen foi o creador do proxecto empresarial cerámica de Sargadelos.

Publicado en Nós diario: 17/01/2024

Onte 1516: Neira, home ponte

Este é o meu homenaxe a Xosé Neira Vilas que publica hoxe Faro de Vigo con motivo do seu pasamento.

Neira-Vilas-23O escritor Xosé Neira Vilas foi moito máis que o autor de Memorias dun neno labrego, a obra máis popular da literatura galega do século XX, traducida a numerosas linguas, sendo unha das primeiras que lemos os neofalantes que nos incorporamos ao galeguismo durante a década dos setenta. Neira significou moito máis que ser o autor deste libro insignia do que foi a identidade galega da primeira metade do século XX. Pepe foi un home ponte, unha das trabes sobre a que se construíu a cultura galega das últimas seis décadas.

Neira armou unha ponte permanente entre Galicia e América emigrantes, desque marchou a Buenos Aires en 1949, e despois, en 1961, a Cuba, onde viviu durante tres décadas até que retornou, xunto a súa compañeira Anisia Miranda (falecida hai apenas seis anos), ao seu berce natal de Gres, nas terras do concello de Vila de Cruces. Neira foi ponte entre o mundo da edición galega en América e a que se realizaba na península. En 1957 fundou en Buenos Aires a editorial Follas Novas, a primeira distribuidora do libro galego na Arxentina, onde publicou o inesquecible libro protagonizado por Balbino, tamén organizadora da primeira semana do libro galego. Neira e Anisia, directora da revista infantil “Zunzún” e coordinadora de publicacións infantís do goberno cubano, serviron de ponte con Paco del Riego, entón xerente de Galaxia, para que se acometese a edición dos primeiros libros infantís en galego. Como tamén Neira serviu de ponte coa xeración de autores galegos que o precederon no exilio americano como Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Eduardo Dieste ou Lorenzo Varela.

Como narrador construíu unha obra orixinal alicerzada sobre os tres mundos que lle foron propios, Galicia, Arxentina e Cuba, sendo a vivencia da emigración e do seu desarraigo os eixos temáticos principais. O seu afán pola brevidade, a súa precisión léxica e utilización dunha prosa certeira, traballada, meditada e complexa, permitíronlle gañar o entusiasmo de moitos lectores e lectoras que o recoñeceron como un clásico contemporáneo. Este xeito de contar tan característico levouno tamén ás páxinas dos xornais, onde desenvolveu un labor infatigable con intencionalidade didáctica e política, alternando a crónica, a memoria e a análise das noticias do noso tempo dende unha perspectiva inequivocamente galega.

Lembrarei sempre a Pepe polo seu optimismo contaxioso, propio dun activista de vontade teimosa. Contaba sempre con novos proxectos e azos renovados que expresaba nas frecuentes chamadas telefónicas ou nas conversas demoradas que tanto lle prestaban camiño dalgún acto. Desque regresou en 1992 percorreu todo o país, apoiando os actos do asociacionismo cultural, participando nas feiras do libro de Galicia, das que foi un referente, ou nos clubes de lectura das bibliotecas públicas, como a que leva o seu nome no Calvario. Home ponte, xeneroso, entusiasta, activista. Botarémolo en falta.