Listado de la etiqueta: lluís_bassets

Onte 567: «El último que apague la luz»

Durante a xornada de debate sobre o futuro da cultura impresa realizáronse numerosoas referencias ao libro recente de Lluis Bassets, director adxunto de El País. Tras varios días lendo e traballando sobre este ensaio de título aparentemente pesimista non podo máis que recomendalo moi vivamente. El último que apague la luz é unha reflexión descarnada sobre a extinción do xornalismo, tal como o coñecimos durante os dous últimos séculos, baixo o seu formato impreso e un próspero modelo de negocio baseado na venda periódica de exemplares e de publicidade. Mais tamén é unha reflexión radical sobre a crise actual (económica, política e social) que o autor considera «a fin dunha época».

Crise disruptiva provocada pola mudanza de paradigma comunicacional, o tránsito entre a utilización do texto e o hipertexto, mais tamén a mudanza entre o vello modelo da noticia e do peche e o novo da continuidade do fluxo informativo e a conexión permanente e multisoporte do lectorado. Unha crise tamén de mediación orixinada pola perda de confianza dos cidadáns (os lectores) cos seus dirixentes, tanto os políticos coma os non electos (entre os que se atopan os periodistas). Para o autor un efecto perverso da colusión entre o periodismo e o poder (caracterizada polas declaración pública fóra de rexistro, off the record), que durante os anos da burbulla informativa (as dúas décadas pasadas) «viviron en espazos excesivamente próximos». Unha crise moi profunda da democracia representativa, dun «mundo de ninguén», onde a «decadencia da prensa é parte da decadencia occidental».

Con todo, a cerna do ensaio non está tanto no relato do proceso disruptivo e as súas dolorosas consecuencias (o peche dos xornais en papel e a ausencia dun modelo de negocio dixital alternativo), coma no seu esforzo por ofrecer un horizonte posible de xornalismo dixital de fluxo continuo que emprega tanto as utilidades multimodais do hipertexto como as posibilidades conversacionais das redes informativas e sociais. O libro de Bassets é unha defensa do bo xornalismo do futuro, da reinvención dun oficio, froito da mestizaxe entre a cultura analóxica e a dixital, mais tamén da achega do «mix xeracional» dos profesionais, onde os veteranos deben «facer pedagoxía do xornalismo». Bassets acredita nas posibilidades do xornalismo hipertextual («hai que ser dixitais até as cachas»), concibido coma un xénero narrativo e unha actividade de coñecemento. Reivindica a vixencia dos valores do xornalismo clásico (acuñados por Kovach e Rosenstiel) como os que deben continuar guiando o xornalismo futuro: 1 A súa primeira obriga é a verdade. 2 A súa primeira lealtade son os cidadáns. 3 A súa esencia é a verificación. 4 O carácter dos seus profesionais é a independencia. 5 A súa función é a de ser vixiantes independentes do poder. 6 Os seus espazos son foros para a crítica e o compromiso público. 7 O seu compromiso é transformar o importante en interesante e oportuno. 8 As noticias deben ser seguidas de forma exhaustiva e proporcionada. 9 Os xornalistas teñen dereito a seguir os ditados da súa conciencia. En definitiva, por díficil que semelle en tempos de incerteza, Lluís Bassets enxerga un camiño a percorrer: «adentrémonos, pois, ao que substituirá ao xornalismo do futuro no ciberespazo coa vella moral dos bos reporteiros e a súa exixencia dunha férrea disciplina de verificación».

Gostei do carácter antidogmático deste libro que axuda a comprender o proceso de tránsito que vivimos e a desmontar algúns dos seus prexuízos e medos. Paga a pena arriscarse na súa engaiolante lectura.