Artigos

Na despedida de Andel

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao peche da libraría Andel do libro galego e portugués:

O pasado venres máis dun cento de persoas despediron dúas décadas de Andel, a libraría especializada en libro galego e portugués. Nacida na rede o 17 de maio de 1997 como primeira libraría virtual galega, Xaime Nogueira, o seu fundador decidiu montar unha empresa que respondese ás demandas dun sector en proceso de dixitalización ofrecendo dende o verán de 1998 un catálogo virtual actualizado do libro galego e editado en Galicia. Oferta ampliada en decembro de 1999 cando na rúa Pintor Lugrís abriu unha libraría de cen metros que se foi convertendo en referencia da cultura literaria galega. Espazo duplicado a partir de setembro de 2013 cando mudou a Camelias 102, converténdose dende entón nun dos espazos culturais privados de referencia na cidade fose pola súa programación de lanzamentos e actividades de fomento da lectura en galego para crianzas fose pola súa dispoñibilidade para celebrar palestras e encontros cívicos. Unha fantasía necesaria para a visibilidade da edición en galego e para o encontro do seu lectorado que anuncia o peche do seu espazo físico, o que nos provoca desolación e tristeza, ao tempo que convida a reflexionar sobre o estado e o porvir da edición en galego e da libraría cultural independente.

A edición do libro e do disco galego moito lle debe a Xaime e Concha Nogueira, capaces de acompañar cada un dos seus lanzamentos, convertendo as súas mesas de novidades e os seus escaparates nas mellores testemuñas do que se ía publicando. Como facían cos títulos moi escollidos da edición portuguesa ou con outros produtos culturais galegos, como serigrafías a outras pezas de arte e artesanía, que sabiamos só se atopan en Andel. Como non é posible entender a presenza do libro galego no mundo sen o traballo na rede de Andel, que se anticipou  a calquera outro servizo de venda do libro en galego en liña, construíndo un catálogo temático, pioneiro na edición en galego, ao tempo que un valioso boletín trimestral de novidades, que facilitou a chegada dos libros nosos ao lectorado e a universidades dos cinco continentes. Un escaparate virtual, promovido dende a iniciativa privada, que as editoras e os autores e autoras galegas, nunca saberemos recoñecer como merece. Sen Andel quedamos un pouco máis orfos, enxergando un horizonte de esperanza para a nosa cultura un pouco máis cativo.

O peche de Andel forma parte dunha tendencia que levou a que o pasado ano botasen o cadeado máis de 900 librarías en toda España, vítimas da redución do mercado do libro impreso (un terzo na última década) como do proceso de concentración da distribución do libro en internet en mans dunha multinacional estadounidense. Como ten que ver co actual proceso de integración do mundo da edición no sector das industrias culturais do entretemento, o que reduce as posibilidades de comercialización de «produtos non mainstream». Un fenómeno ameazante para toda a edición galega que con contadas excepcións queda fóra deste foco principal que acapara o interese comercial da rede de distribución libreira e reduce o interese das redes e medios de intermediación. Este peche non é alleo ás mudanzas dos hábitos culturais, tamén dos públicos galeguistas, que reducen de forma significativa a súa compra e  lectura de libros, fenómeno que se estende ás novas xeracións pouco dispostas a entrar na libraría cultural ou a mercar un xornal no quiosco.

Cadora, o peche de Andel é outra vítima dun fenómeno especificamente vigués provocado pola escaseza do seu tecido lector, cuxos síntomas son a carencia bibliotecaria endémica e a ausencia de festivais e eventos literarios (estoume referindo á Feira do Libro) á altura da que continúa sendo a capital editorial de Galicia e un dos centros principais de edición de libros da península. Unha febleza  lectora que xa contribuíu ao peche dun bo fato de iniciativas creadas arredor do libro galego. Un listado de soños lectores rotos, que máis alá das saudades obriga a reflexionar sobre a orixe destoutra desgraza viguesa, encabezado pola libraría Curros Enríquez de Cánovas del Castillo, continuado por a librería A Esmorga da rúa Gamboa, creada por Pepe Ulloa, convertida no pub O Grial; por a libraría Castelao dos Choróns, do inesquecible Fernando Pereira; por a libraría Babel de Venezuela; por a Ir Indo das galerías de Príncipe, fundada por Bieito Ledo; por a Arcova nas galerías de Colón; por a Libraría Mañán de Nacho, especializada en libro educativo e infantil ou mesmo a impresionante Bertrand, que durou apenas un par de anos no corazón de Príncipe…

Na hora de despedida de Andel non podemos expresar máis que a nosa maior gratitude e agarimo para Xaime e Concha polo gran traballo feito, unha referencia inesquecible para a fantasía do libro galego na que contra vento e marea continuamos acreditando.