Listado de la etiqueta: leopolda_diéguez

Onte 2045: «A nena, o monstro e o mar», o regreso dos contos de Leopolda Diéguez

Entre as novidades do verán non me pasou desapercibida A nena, o monstro e o mar de Teresa González Costa, a segunda historia relatada por Leopolda Diéguez. Como a primeira desta serie, Fred Quincalla, o nómade do mar, esta novela infantil ofrece a voz singular desta contadora xenial, viaxeira e facedora de artes máxicas, acompañada de Gran Gogol, o seu paciente compañeiro, que esta vez escoita o que lle sucedeu á nena que quería chegar ao mar. Unha aventura, non exenta de perigos, xa que o monstro construíu un muro coa intención de que a auga salgada nunca volvese a aquela cidade, que obriga á protagonista a facer un itinerario procurando respostas para cada unha das súas preguntas (unha atinada imaxe da construción do coñecemento). Un recurso da narración de tradición oral que a escritora do Grove actualiza afondando na compoñente fantástica e máxica e introducindo o relato alegórico (eis ese conto dentro do conto, a historia de Amair Tala, toda unha homenaxe a nubeiros e tronantes).

Teresa González Costa sempre sorprende, tanto no desenvolvemento dos seus argumentos, inzados de imaxinación e de reviravoltas para os seus numerosos personaxes ,que aparecen e desaparecen da escena, como na construción complexa das novelas como na creación de ambientes cun puntiño onírico, poético e culturalmente refinado (aquí dálle o protagonismo á música de jazz). Elementos que proporcionan a todas as súas obras, tanto as novelas como as pezas dramáticas, un recendo cosmopolita cargado  de memoria familiar. Xaora, aquí o mar volve a constituírse en protagonista dunha novela que fala da identidade, da memoria, máis tamén da indiferencia, do egoísmo capitalista e da irresponsabilidade colectiva de estragar o que constitúe un patrimonio da humanidade.

A nena, o monstro e o mar é un libro que se propón como conquista para lectores e lectoras expertos de oito anos en diante, amosando que a nosa literatura infantil non renuncia a outorgarlle protagonismo a estes libros iceberg. Parabéns a Teresa por ofrecer outra novela tan singular e probablemente contra corrente, capaz de sacar aos seus personaxes da Torre dos Aristocráticos e Espantosos Castigos e lonxe de calquera intención didactista suscitar ao lectorado tantas preguntas como flores nacerán na area da beiramar. Brava, Teresa!

Onte 1892: Teresa González Costa presentou «Fred Quincalla» no Grove

Acompañamos onte a Teresa González Costa na presentación no Grove de Fred Quincalla, o nómade do mar, o seu libro infantil máis recente, ilustrado por Marina Seoane e publicado na colección Sopa de Libros de Xerais. Outro libro marabilloso da autora d’ A filla do ladrón de bicicletas, unha voz singularísima na literatura galega actual tanto pola súa capacidade para crear ambientes oníricos como para tinguir de salitre, maruxía e memoria familiar todas as súas ficcións narrativas e teatrais. Así tamén o fixo nesta historia de autómatas e androides, cuxo tema central é o da tolerancia ante o diferente, narrada por Leopolda Diéguez, facedora de artes máxicas, viaxeira a bordo do veleiro Azimut acompañada de Gran Gogol, un cociñeiro aprendiz de violinista. Un libro de lectura engaiolante, onde Teresa ofrece tamén un lugar para a maxia, diferenciando entre o que é unha mentira e o que é unha historia que fai soñar e pensar, unha intelixente e fermosa defensa do valor da ficción e do papel protagonista de cada lector e lectora.