Onte 2105: «Patio de luces» de Érica Esmorís
Sigo con grande interese cada un dos libros de Érica Esmorís, desde que en 2015 publicou Ulises e as cronoamigas. Aventura nos 50: Surfistas en California (Sushi Books), o primeiro título dun proxecto de serie para a rapazada preadolescente, ilustrada polo xenial Jacobo Fernández Serrano, que a pesar da súa gran calidade e orixinalidade textual e gráfica non tivo aínda continuidade. Xaora, foi coa publicación da súa terceira novela, Nena e o mar (Xerais 2015), Premio Merlín de Literatura Infantil, cando comezou a facerse visible como merece a obra dunha das autoras máis renovadoras da actual lix galega. Xa non é sorpresa que cada unha das súas novelas mellore en orixinalidade ás anteriores como fixo en Quen salva un can (Xerais 2019), a aventura do afouto Rai e a súa particular patrulla canina, e, sobre todo, en Patio de luces (Xerais 2020), obra coa que obtivo o prestixioso Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga.
Lea, unha rapaza de oito anos, pasa todas as tardes dos venres na casa do seu avó, no baixo do edificio onde traballa como porteiro, unha profesión desas que están en perigo de extinción. Sentada na arca das ferramentas do patio de luces, Lea imaxina como son cada un dos veciños e veciñas pola roupa que penduran nos seus tendais. Dese fío argumental tira Érica Esmorís para ofrecer en Patio de luces unha comedia conmovedora e moi divertida sobre a convivencia na pequena comunidade dun edificio de cinco andares. Sen apelar nin ao didactismo nin ao moralismo, Érica enfronta a súa narradora con vidas para ela sorprendentes, que poderían ser consideradas fóra do normal, o que a obrigará a asumir que as aparencias e os prexuízos sempre enganan nos retratos precipitados. Porén, serán os vimbios do respecto da diversidade e o principio activo da axuda compartida os que tecen a rede dos afectos entre a veciñanza. Un libro entrañable e optimista sobre a amizade e o valor da veciñanza. Parabéns, Érica!
Magnífico, tamén, o traballo de ilustración de Juan Berrio, tamñen un veterano autor de banda deseñada, sobre todo polo xogo de encadres, dende os grandes angulares aos planos de detalle de interiores.