Artigos

Campo do Fragoso CLXII

berizzo-le-2REGRESAN AS DÚBIDAS

As dúas derrotas consecutivas fronte ao Vilarreal e o Athletic Club poñen en evidencia as feblezas do Celta e as dificultades do seu adestrador para xestionar o seu banco durante as segundas partes. Máis alá da caprichosa arbitraxe de Matheu Lahoz e as súas ínfulas de estrela mediática, a pobrísima primeira parte dos de Berrizzo fixo que regresasen as dúbidas sobre un equipo que despois de seis meses de competición aínda non foi quen de equilibrar o seu xogo e, a pesar da súa excelente situación na táboa clasificatoria, de asegurar a permanencia na categoría, o seu obxectivo esencial.

Durante os primeiros sesenta minutos, os de Valverde superaron en todos os terreos aos nosos, lembrando o baño que tamén nos deran en Balaídos naquel nefasto partido de copa do día de Reis. Porén, os de Berizzo coa táboa de marcas adversa resucitaron, aínda que tarde. Foi inevitable lembrar que esta fora tamén a secuencia do sucedido no novo San Mamés no partido de volta de copa, cando sendo moi superiores aos nosos lles faltou un chisco máis de folgos e quizais de fe do seu adestrador para superar a eliminatoria. Coincidencias explicables de dous equipos que se coñecen e respectan moito, coma tamén as súas afeccións, a pesar de que o balance dos enfrontamentos recentes sexa moi favorable para os vascos.

A incorporación de Álex López foi a única novidade no cadro dun Celta que saíu a velas vir. Dende os primeiros lances, os leóns gañaron a batalla polo control do medio do campo e ameazaron coas gadoupas de Aduriz e as carreiras e caneos de Iñaki Williams, que toleou a Hugo Mallo, un xogador que tras as lesións aínda non se achegou nin a sombra do que foi. Un penalti dubidoso provocado polo arteiro Muniaín e un saque de recanto cabezado maxistralmente por Aduriz ao longueiro e aproveitado dende a segunda liña por San José abondaron para noquear aos de Berizzo na primeira media hora. Os bilbaínos deixaban a iniciativa ao Celta, mais cando os nosos entraban no seu campo eran desactivados grazas a unha presión colectiva brutal. Sobre cada celeste que pretendía abrir unha liña de pase, fose Krohn, Augusto ou Álex, aparecían decontado tres vermellobrancos. E ben sabemos que o Celta sen contar co control da bóla é un equipo inane, fráxil en defensa e previsible en ataque.

Tras a reanudación, a saída de Aduriz lesionado e a entrada de Santi Mina, cando faltaba media hora, viraron a deriva do partido. O pase de Orellana á posición de enganche foi esencial para que o Celta xuntase as súas liñas e comezase, por fin, a fabricar o seu fútbol. O canteirán puido marcar na súa primeira intervención, cando enfiou a Gorka e o porteiro despexou coa perna in extremis. Na seguinte xogada, o pase da morte de Krohn dende a mesma liña de fondo mereceu que aparecese un rematador. Mais sería na terceira, cando Orellana centrou sobre o segundo pao e apareceu alí Larrivey para marcar dunha soberbia cabezada. A remontada semellaba posible. O Athletic desapareceu do medio do campo e achantouse na súa área para defender de forma meduliana o resultado. Santi Mina, con moita diferenza o mellor dos nosos, e Nolito intentaban unha e outra vez entrar por candansúa banda.

Coma xa sucedera noutras ocasións, a bancada de Río protestou a xestión do partido de Berizzo que adiou os seus trocos até os derradeiros minutos, aparentemente alleo ao devir do reloxo. Mágoa que sobre o cronómetro Larrivey preferise intentar o seu segundo gol que procurar o remate de Nolito moito mellor colocado. Trinta minutos de xogo non abondaron, ao Celta faltoulle tempo e un pouco máis de alento para acadar o empate e mesmo unha vitoria ao seu alcance.

Campo do Fragoso CLX

celta-plantaSAÍR DO ATOLEIRO

Tras 726 minutos, o Celta saíu do atoleiro onde quedara confundido tras o histórico gol de Larrivey no Camp Nou. Traballando a pano, cunha intensidade xenerosa, o equipo de Berizzo por fin saíu a flote, recuperando anotación na táboa clasificatoria e, o que é máis importante, afastando as meigas que comezaban a axexar entre o neboeiro dunha serie de resultados nefasta e inquedante, seis derrotas consecutivas e dous meses sen puntuar nin marcar.

Mais saír deste trance tan complicado non resultou doado. Durante o encontro co Valencia a afección celeste estivo sometida a unha auténtica vertixe emocional. Outra experiencia de celtismo en estado puro. No recibimento ao cadro de xogadores inxectou doses de orgullo. Na media hora inicial gozou do optimismo do dominio no xogo. Chimpou de ledicia cando o árbitro sinalou o punto de penalti e pouco despois enmudeceu cando errou Orellana. Cadora, calou cando Rodrigo marcou. Xaora, recuperou a euforia tras o descanso coa incorporación de Nolito e co gol estoupou tanta adrenalina contida. No treito final, entre o medo a perder o recuperado con tanto esforzo e a clara posibilidade de acadar o triunfo soñado, os corazóns dos seareiros e seareiras sempre tan prudentes non tiñan acougo.

Acertou Berizzo dispoñendo unha defensa de tres centrais, á que se incorporaba Radoja, un xogador esencial para proporcionar unha saída de balón máis fluída e ordenada. Con este novidoso esquema de cobertura e co traballo incansable de Augusto e Krohn-Dehli no centro e Mallo e Jonny nas bandas, o Celta dominou a un Valencia decepcionante que apenas gozou de dúas oportunidades para poñer a proba a Sergio. Na primeira, o porteiro de Arbo salvou in extremis, cunha gran estricada, unha perigosa cabezada de Paco Alcácer. Na segunda, a do gol valencianista, pola contra, estivo moi pouco afortunado, para chapar un esquerdazo de Rodrigo, o que fora canteirán da factoría Ureca, que antes debuxara unha fermosa diagonal aproveitando unha pelota de Fontás, noutro deses erros de saída de pelota que semellan evitables.

Mais con anterioridade, os célticos ben puideron marcar en dúas oportunidades nas que Alves, o gran porteiro brasileiro, gañoulle a partida a Orellana. A primeira, apenas transcorridos oito minutos, tras unha parede de Charles, que facilitou ao noso extremo superioridade para xutar dende a dereita. A segunda no lanzamento da pena máxima, moi ben forzada entre Mallo e Charles, que o chileno lanzou a media altura sobre a esquerda onde xa agardaba o parapenaltis fluminense. Transcorría o minuto 29 e, como xa sucedera cando Nolito errou outra diante do Almería, foi inevitable dende a bancada verlle o cú á carriza.

Porén, na segunda parte, o Celta tirou das súas reservas de orgullo e saíu decidido a abandonar o foxo. Desta volta foi o propio Orellana o que emendou o seu erro anterior e marcou cun gran remate no que dende preto da área pequena aproveitou un saque de recanto moi ben peiteado no primeiro pao por Radoja. Tras gol tan terapéutico, que pechaba feridas e malfados de invernía, o Celta mereceu polo menos outro tanto, que estivo no minuto final nas biqueiras de Charles tras outra das combinacións de banda a banda de Nolito e Orellana.

No derradeiro e moi emocionante treito do partido, a pesar do malladiños que estaban algúns xogadores, Berizzo renunciou a realizar un terceiro troco. Quedaremos sempre coa dúbida se a incorporación de Álex López ou de Santi Mina non tería achegado ese alento que faltou para conseguir unha vitoria máis que merecida. En todo caso, o empate abondou para recuperar o vieiro positivo e a ilusión na que o Celta se instalara durante os dous primeiros meses da competición.

Onte 951: Formidable Celta

Nolito_Almaeria_20-04-2014Tras un partido formidable, o Celta acadou onte en Almería os 40 puntos da «permanencia virtual». Tras gozar da fortuna de non ser goleados nos magníficos dez minutos iniciais dos andaluces, os de Luis Enrique deron unha lección de xogo asociativo, fose polos catro goles de fermosa fasquía coma pola cadencia que Krohn Dehli e Orellana imprimiron a un equipo capaz de debuxar na lameira toda clase de liñas interiores, curtas e longas, verticais e oblícuas, procurando sempre a superioridade decisiva. Outro recital lonxe de Balaídos.

Probablemente, a clave da vitoria estivo nun terceiro gol extraordinario, nacido no medio do campo da biqueira de Hugo Mallo que trazou un marabilloso pase interior vertical, recollido en carreira por Orellana que, tras superar ao defensa, centrou sobre o segundo pao, onde chegaba Nolito para xutar cruzado sobre o interior das redes. Fermosos foran xa os dous primeiros goles, tanto o primeiro, tamén do goleiro gaditano, nacido dun cano de Rafinha na área rival, coma o segundo de Charles, xerado tras unha combinación de Nolito e o internacional chileno, senllas xogadas que é doado adscribir ao eido das Belas Artes.

O mellor do Celta de Luis Enrique é a confianza nas súas propias posibilidades, esa capacidade para sobrepoñerse na lameira ás adversidades da táboa de marcas, sen por iso renunciar a súa concepción teimosa do xogo asociativo. Ao longo de toda a tempada, o Celta sóubose o que é, un equipo humilde, construído por unha combinación entre canteiráns, internacionais e veteráns, que loitou con convicción por acadar un obxectivo realista, apenas o da continuidade entre os mellores. Aí reside o éxito indubidable desta campaña na que recunca na primeira categoría sen moitos agobios e cun xogo excelente, sobre todo, fóra da casa. Dificilmente podemos pedir máis os celtistas.

Campo do Fragoso CXLI

ADMIRADO PEREIRA

Tras o empate fronte a Vilarreal, teño a impresión que algo non carbura como debera no Celta de Luis Enrique. Despois dun esperanzoso comezo por riba das expectativas, por terceira vez o equipo recunca no empate en Balaídos, sen ofrecerlle polo momento unha vitoria á esperanzada bancada. Unha igualada que, porén, resultou ser un excelente resultado fronte a un Vilarreal moi superior en calidade de xogo e oportunidades de gol, mais incapaz de superar nos momentos decisivos os reflexos tremendos do noso Yoel (o heroe do partido) nin evitar a pésima fortuna no remate do vigués Jonathan Pereira, onte un dos mellores xogadores sobre a lameira do Fragoso.

Nunha das súas intervencións diante dos medios, Luis Enrique explicou que para el a receita gañadora residía en dominar nas dúas áreas e marcar. Sen dúbida, unha excelente definición que sintetiza o misterio do éxito no fútbol. Dubido que fose esa intención gañadora a que utilizou o asturiano para artellar un once inédito con cinco defensas, no que quedaban no banco Oubiña, Nolito, Krohn Dehli e Cabral, e no que se incorporaban seis canteiráns, entre eles o novísimo Santi Mina, a quen se lle asignou con escasa fortuna a banda esquerda. Un experimento táctico arriscado, tamén un golpe de autoridade, dun adestrador que aparentemente non se casa con ninguén, nin sequera co gran capitán céltico.

Os celestes foron moi inferiores aos amarelos nas dúas áreas e apenas dispuxeron dun par de ocasións con certo perigo, si se poden cualificar como “oportunidades do gol” a falta lateral que Toni tirou con moito veleno na primeira parte e o único xute dun illadísimo Charles entre os tres paos tras unha hora de xogo. Aí quedou o pobrísimo balance dun equipo confuso e irrecoñecible que onte renunciou ao ataque, mais que tampouco soubo estar cómodo e á espreita no campo propio.

Unha actitude diletante que tivo a súa orixe nas enormes dificultades para sacar a pelota ordenada dende atrás, coma viña facendo até agora, xa que probablemente lle faltaba a xeometría variable deseñada polos pases de Oubiña e polo sistema de axudas creado coa súa presenza case invisible. A pesar de situalo Luis Enrique como teórico mediocentro condutor, Fontás xoga apenas como un voluntarioso e eficaz defensa central. Tanto a el, como a Costas e a Aurtenetxe abondoulles con preocuparse de que Giovani e, sobre todo, Pereira, non lle gañasen as costas unha e outra vez nos balóns divididos de Cani. Mentres en territorios máis adiantados, Álex López e Rafinha non atoparon nin o seu espazo nin a súa función, sometidos, sobre todo o brasilego, a mudanzas constantes de posición, entre o centro e a banda dereita, primeiro con Augusto e tras a xeira de trocos con Krohn Dehli. Faltoulle, en definitiva, o Celta onte un director do seu xogo, capaz de temperar, equilibrar, axudar e soster o equipo fronte a un rival de entidade.

Por ventura, a clave do empate estivo nas grandes paradas de Yoel no treito final do encontro como na escasa fortuna co gol durante todo o partido do admirado Pereira, un declarado celtista de corazón. O xogador do Santa Mariña deu onte todo un recital de xogo entre liñas e de capacidade de desborde, que daba envexa velo. Unha marabilla. Até en cinco ocasións Balaídos enmudeceu cos seus goles feitos, sobre todo cando Mallo sacou de cabeza un rebote baixo os paus que vimos dentro. No entanto, é de xustiza gabar a resistencia do Celta na última media hora, amosando a súa competitividade e capacidade de salvar un valioso puntiño fronte a un rival superior que non se conformaba co empate.

Onte 555: Inmadurez

Tras o sucedido na noitiña do venres en Riazor, agoiro que o Celta perderá a categoría. Ademais da escasa actitude para encarar un derbi desta importancia (algo que a ninguén debe estrañar xa que Abel Resino coñece pouco os vimbios dos que dispón), o nefasto comportamento na lameira de Iago Aspas e na grada de Hugo Mallo amosou o fracaso da canteira da Madroa, á que a todas luces lle falta unha dimensión formativa. Non abondan as apelacións ao carácter eléctrico do de Moaña (xa chove sobre mollado) nin as desculpas cando quedan desolados no recanto do vestiario nin botarlle a culpa a twitter ou ás provocacións do veterano Marchena. O comportamento das nosas figuriñas en Riazor espiunas, puxo en evidencia a súa inmadurez deportiva, tanto dentro coma fóra da lameira. Deixaron noqueado ao seu equipo, mais tamén baixaron moitos enteiros na súa cotización no mercado do fútbol internacional (outro prexuízo máis para o Celta ao que tanto din querer). Un desastre, sen paliativos. O fútbol é un deporte de balón, mais tamén unha actividade social de primeira orde, razón pola que é exixible a todos os futbolistas profesionais (coma os amadores ou os que están en formación) un comportamento socialmente responsable e estritamente deportivo, guiado polos valores do fair-play cos rivais e da lealtade co propio equipo. Esta é a razón pola que as canteiras deben ocuparse de inculcar eses valores, emarcados nun esencial aspecto formativo da súa actividade. Foi para todos os celtistas o do venres un derbi nefasto, unha vergonza para as nosas cores, mais aínda cando vimos renacer ao Deportivo das mans de quen debía ocupar o banco noso. Ogallá me equivoque, a tempada para o Celta colleu a virada.