Campo do Fragoso CLXXXIII

Radoja_derrubado_21-09-2016GOLES DO MORRAZO

Fixeron falta cinco partidos para que o Celta conseguise a primeira vitoria desta tempada. Un excelente resultado na táboa de marcas tan xusto coma agónico, fronte a un frouxo Sporting de Xixón, que pouco inquedou a porta de Sergio. Xaora, estes primeiros e tan valiosos tres puntos, que xa nos afastan dos muros do medo, non agochan as eivas do cadro de Berizzo, polo momento aínda unha sombra daquel espectacular das tres ligas anteriores. Este Celta europeo continúa en construción, tanto pola lentitude do proceso de incorporación das súas fichaxes como polo desequilibrio provocado na estrutura do xogo polas ausencias de Orellana e Chelo Díaz e polas saudades (inevitables) de Nolito.

Ben sabemos da teimosía de Berizzo que non renuncia ao seu modelo de fútbol de salón, cunha saída da pelota ordenada dende a portaría, mesmo a pesar das dificultades de realizar o pase derradeiro con superioridade, obxectivo de todo o seu esquema. Os celestes deron un recital de posesión diante do Sporting, mais como sucedera co Leganés e na primeira parte diante do Atlético, non foron capaces de traducila en ocasións claras de gol. Durante a primeira parte dispuxo apenas dun remate de Cabral que cabezou un saque de recanto excelente de Wass e un xute diagonal de Bongonda que foi despexado por Cuéllar. Un balance atacante pobre para un equipo que monopolizou o xogo fronte a un rival que apenas dispuxo dunha chegada á área pequena celeste.

O mellor do partido foron dúas grandes xogadas de Pione Sisto, a quen se lle viu máis implicado e seguro que nos partidos anteriores, afastando da bancada os temores da síndrome Jaburú, aquela fichaxe de 1962 que nunca chegou a callar. O internacional dinamarqués avisou no minuto sesenta cun xute moi duro dende a dereita que chapou in extremis o porteiro asturiano. Entrada que repetiu polo mesmo espazo, cinco minutos despois, superando a dous defensores e chegando atá a liña de fondo, para deixar que o marinense Hugo Mallo rematase con precisión sobre o pau curto, abrindo a táboa de marcas. Minutos vibrantes de Sisto que amosou posúe caneo, desborde e disparo, condicións suficientes para ser un xogador importante no futuro.

Coa táboa de marcas por diante, a Berizzo entráronlle as dúbidas e quizais os medos. Adiou durante uns minutos a entrada de Rossi, cando xa agardaba incorporarse xunto a Gudel e ao cuarto árbitro, mesmo a pesar que algúns xogadores como Wass ou Bongonda vagaban na lameira desorientados. Porén, o italiano entraría decontado tras o gol dos asturianos, un penalti co que os agasallou o celeste Roncanglia, nunha acción impropia dun defensa internacional arxentino. O Sporting sacaba petróleo da súa segunda chegada e os fantasmas da desgraza celeste asomaban polo Lagares. Xaora, para os que dubiden da xustiza poética no fútbol, cinco minutos despois, sucedeu algo semellante na área astur cando Amorebieta trabou a Radoja, que intentaba canealo. Un penalti que executou con serenidade Iago Aspas no seu partido douscentos como celeste. Un gol importante do astro de Moaña, que curaba moitas feridas e afastaba temores.

Non foi un bo partido do Celta que sen a dirección de Marcelo Díaz e sen o último pase de Orellana apostou por un xogo vertical, ao que non está afeito. Como padece as intermitencias dos seus centrocampistas, unhas veces incrustados entre os centrais, como lle sucedeu onte a Radoja durante boa parte do partido, outras incapaces de establecer asociacións gañadoras con Aspas ou cos extremos. En todo caso, estes dous goliños de fillos do Morrazo serviron para comezar a sumar na táboa clasificatoria, que boa falta facía. Agardemos que se acelere o proceso de mellora e axuste do equipo de Berizzo.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *