Onte 1305: Unha literatura europea
Xosé Ramón Pena presentou onte o segundo volume da súa Historia da Literatura Galega pronunciando unha conferencia no Club Faro de Vigo sobre «Mitos e realidades arredor da literatura galega». Foi Xosé Luís Méndez Ferrín quen presentou ao autor de Como en Alxeria, cualificando como «o individuo mellor situado para facer unha historia da literatura galega, xa que coñece a lingua, coñece toda a nosa tradición literaria e como novelista que é sabe contar, facer un relato, o máis importante de todas as historias. Pena é un erudito sabio, competente, que sabe narrar capaz de de preparar unha historia ben enfocada e ben contada, que periodiza e analiza, tendo en conta os acontecementos políticos, ofrecendo como outros autores como Anxo Angueira unha nova visión da historia da literatura galega.»
Xosé Ramón Pena nunha lección moi brillante desmontou tres dos mitos construídos de forma prexuízosa arredor da literatura galega: «o de ser unha literatura local, doméstica ou apenas de resistencia», «o carácter de Galicia como país lírico orientado por unha forte sentimentalidade, onde non florece a prosa» e «a falta de continuidade da literatura galega que aparece e desaparece na historia». Para iso analizou tres episodios claves da literatura galega: o período alboral, onde se forxou a lírica e prosa medievais cuxo repertorio é recoñecido polos estudosos europeos; a construción da figura de Rosalía de Castro por parte de Manuel Murguía; e o papel de Manuel Antonio e a incorporación da nosa literatura á vangarda europea.
Pena demostrou a importancia da prosa medieval galega que xa dende o século XIII contou cos relatos da materia de Bretaña pouco despois do texto de Chrétien de Troyes sobre a orixe do Santo Grial, como da materia antiga (con textos como a Historia Troiana e a Crónica Troiana) ou a tradución de partes do Códice calixtino, recollida nesa xoia da nosa prosa do século XIII que é Os miragres de Santiago. A partir da anaálise de tres artigos de Manuel Murguía de 1857, Pena explicou a construción dun novo relato da literatura galega alicerzado sobre a figura de Rosalía de Castro e a falsidade que supoñía afirmar que a literatura galega non tivera continuidade dende o período medieval. «A expresión “Séculos escuros” foi unha creación de Landeira, director de Faro de Vigo, para referirse a un período, do XVI ao XVIII, no que o galego viviu un tempo de decadencia da súa produción textual. Hoxe temos outra visión e contamos con máis textos. Recuperamos a Sarmiento como literato, ao que contribuíron os traballos de Angueira e Ferrín. Hoxe sabemos que durante ese período houbo autores que continuaron na liña da defensa a ultranza do país, denunciaron as aldraxes que padecía e lamentaron o escaso emprego do idioma galego.» Para rematar, Pena analizou as relacións que Manuel Antonio tivo con Jean Epstein, de quen traduciu para o galego en 1922, La poésie d’aujourd’hui, apenas un ano despois de ser publicada, «o que demostra que o rianxeiro estaba conectado coa corrente máis renovadora que unía poesía e cine, como ilusión de movemento». «A literatura galega nuncia viviu allea a Europa, Manuel Antonio coñecía o que estaban facendo os maiores teóricos da literatura de vangarda. Cando deixou de ser unha literatura universal a nosa?»