Listado de la etiqueta: gerardo_sacau

Pequena historia de Vigo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás publicacións sobre Vigo dirixidas á infancia ou ao seu emprego con finalidades didácticas:

Dentro da ampla bibliografía dispoñible sobre Vigo e a súa historia son escasos os títulos dirixidos á infancia ou concibidos para súa utilización con propósitos didácticos. Unha eiva que xa hai catro décadas tratou de atenuar o Departamento de Educación do concello de Vigo coa publicación da colección Materiais Pedagóxicos para Investiga-lo Medio, coordinada por Rafael Ojea, na que se publicou aquela primeira Guía de recursos didácticos de Vigo para a escola (1986), gromo dun dos primeiros programas de utilización didáctica da cidade artellados no estado. Un esforzo editorial do concello de Vigo que tivo continuidade na colección Datos da Concellería de Patrimonio Histórico e Medio Ambiente iniciada con Vigo nalgúns dos seus topónimos (1990) de Gerardo Sacau Rodríguez e na que ao longo da década se publicaron unha decena de títulos.

Un catálogo didáctico sobre a historia de Vigo ao que o Instituto de Estudios Vigueses (IEV) fixo importantes achegas na súa colección de Materiais Didácticos iniciada con A cultura castrexa. Vigo hai 2000 anos (1994), ao que seguiron, A Prehistoria. As raíces de Vigo (1995), Vigo Romano (1997) e Vigo Medieval (2000), obras de Hidalgo Cuñarro en colaboración con José Manuel Rodríguez Sobral e na cuarta de Rafael Sánchez Bargiela. Serie á que complementou o Atlas Básico de Vigo e a súa área (IEV, en coedición con Xerais, 1999), concibido como material didáctico de consulta que pretendía ofrecer unha panorámica do Vigo metropolitano en tres tempos: a memoria do pasado histórico, as encrucilladas do presente inestable (entón na fronteira da mudanza de século) e as expectativas de desenvolvemento futuro. Intencionalidade compartida por Vigo na historia (A Nosa Terra, 1998), unha excelente síntese da historia viguesa en 64 páxinas preparada por Basilio Cegarra, apoiada en documentación visual moi coidada e rigorosa, que dende a súa publicación foi o primeiro referente nas bibliotecas escolares viguesas para traballar a historia da cidade metropolitana.

Panorama da divulgación histórica viguesa na que merecen un espazo principal os dous volumes da Historia Ilustrada de Vigo que Faro de Vigo publicou en 1996 en 72 fascículos de dezaseis páxinas. Un logro editorial no que se mesturaban os textos históricos e a ampla documentación gráfica rescatada por un equipo de redactores do decano (José Ángel Otero Ricart, Rogelio Garrido, Fernando Franco, Eduardo Rolland, Luis Piñero, Javier Mosquera, J.A. Xesteira, Juan Carlos Recondo, Francisco J. Gil e Chema García) coas seis páxinas de cómic debuxadas e coloreadas por Bofill (na súa maior parte) e Javier Aguilera sobre os guións de Patricia Álvarez Hernández. Unha obra que merece unha reedición actualizada, ou canto menos a súa dixitalización, para facilitar o acceso dos escolares. Como tamén foi valiosa Un día dentro de las murallas (La Voz de Galicia, 1996), obra de Carlos Núñez, ilustrada na súa maior parte por Evaristo Pereira, na que destacaba a vontade divulgadora na presentación de textos e ilustracións.

No contexto de semellantes antecedentes, apareceu con espírito anovador Pequena Historia de Vigo (Embora 2022) froito da colaboración creativa do escritor Pedro Feijoo e do ilustrador Xosé Tomás. Un álbum que sintetiza os tópicos esenciais da historia de Vigo, dende o seu carácter castrexo até cidade da movida da década de 1980, dende o Vicus romano ao do «desarrollismo» franquista, dende a invasión do caudillo viquingo Gundraed ao Vigo dos grandes arquitectos de comezos do século XX. Temas que non esquecen a presenza de Rosalía naquel Vigo de Chao e Compañel nin do Vigo corsario dos primeiros fomentadores nin tampouco aquela vila transformada en cidade tras o episodio da Reconquista. Como tamén lembra a historia da oliveira, icona da cidade, e non esquece a recuperación de viguismos, como ghicho, patatillas ou manises. Unha obra que combina con habilidade as olladas panorámicas sobre os grandes acontecementos dunha historia bimilenaria coas notas de detalle, unha fórmula de fino espírito didáctico que aventuramos contribuirá a interesar a persoas novas na historia dunha cidade que quizais pensaban carecía dela. Un traballo referencial e divulgativo, froito do excelente e documentado guión de Pedro Feijoo, un dos mellores divulgadores da memoria viguesa, como do debuxo arquitectónico de Xosé Tomás, que non renuncia ao seu humor retranqueiro nin a desenvolver páxinas memorables e homenaxes emocionantes (velaí a  presenza do diario Galicia de Paz Andrade, Siniestro total ou a editora Xerais, entre outras). Un libro importante para a bibliografía viguesa que recomendo vivamente e non pode faltar nas nosas bibliotecas escolares nin nos andeis das persoas curiosas pola historia de Vigo.

 

A candidatura de Cíes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a candidatura das Illas Cíes para ser declaradas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade:

Cies

“Nas illas Cíes está o paraíso”. Unha frase inesquecible para min que repetía a nosa veciña Angelita que, hai cincuenta anos acampaba todas as fins de semana do verán en Cíes. Angelita e o seu home, Angel, traballador da conserva, formaban parte daquel grupo de campistas vigueses, auténticos pioneiros, que comezaron a poñer en valor as illas de Monteagudo, Faro e San Martiño como o primeiro tesouro natural da ría de Vigo. Campistas dos anos sesenta, moi anteriores aos hippies que chegarían na década seguinte, cuxa teimosía facilitou que en 1968 a empresa Vapores de Pasaje S.A. botase aquel “Islas Ficas”, mítico buque para medio milleiro de persoas que uniu durante tres décadas os peiraos de Vigo e Rodas. Popularmente bautizado como o “Ficas” –denominación (non sabemos se é unha lenda urbana, acuñada polo navieiro Rodrigo Freire) nacida da confusión do rexistrador, que confundiu un “s” cun “f”, xa que o nome orixinal era o de “Islas Sicas”, para Gerardo Sacau, unha das formas históricas do nome de Cíes– reemprazaba as vellas lanchas a vapor da empresa de Emilio Fábregas, Vapores de Pasaje y Turismo, como “Balea”, “Vigo” ou “Nuevo Senén”, que dende 1922 facían as excursións turísticas á illa norte.

Case cincuenta anos despois da botadura do “Ficas”, tras case catro décadas como Parque Natural (1980) e tras tres lustros da declaración como parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, as illas Cíes son a primeira e máis valiosa das alfaias do tesouro natural da Ría de Vigo e, tamén, o principal reclamo turístico internacional de toda a área metropolitana, superando segundo algunhas estimacións os 300.000 visitantes anuais, nun punto xa moi perigoso de saturación da presenza humana para a conservación dos seus espazos naturais. Gabadas as súas praias como “unha das mellores do mundo”, incluídas nos máis importantes roteiros turísticos, dende hai catro anos o concello de Vigo, presidido polo alcalde Abel Caballero, prepara concienciudamente a candidatura das illas Cíes para que sexan declaradas como Patrimonio da Humanidade, o que contribuiría tanto a consolidar a promoción turística internacional da nosa área metropolitana e a inclusión do noso porto nas rotas atlánticas de cruceiros como ao reforzamento da protección e preservación do ameazado ecosistema do arquipélago.

E razóns non lle faltan ao concello de Vigo para argumentar esta candidatura de Cíes como patrimonio da humanidade, dende os valores medioambientais e paisaxísticos excepcionais das illas, pasando polos seus vestixios históricos castrexos, o patrimonio subacuático (até sete pecios) agochado nas súas augas, a tradición mítica e lendaria (das chamadas “illas dos deuses”), as referencias literarias na obra de Jules Verne, un dos seus primeiros divulgadores, como a memoria de ducias de naufraxios, até a súa magnífica integración e comunicación marítima nun entorno metropolitano urbano de medio millón de persoas. Sen esquecer que nos cantís de Cíes nidifica a colonia máis importante do mundo de gueivota patiamarela, así como outras aves mariñas en perigo como o cormorán, o arao, a gueivota cincenta ou o paíño. Os botánicos levan catalogadas alí máis de seiscentas especies diferentes, algunhas tan recentes como o “pé de paxaro”, outras únicas coma a “camariña” ou en perigo de extinción como a “herba de namorar” presentes nas dunas da praia de Rodas. Como tamén son moi singulares os seus hábitats acuáticos e a fauna de vertebrados mariños, coa presenza de golfiños, arroaces, marsopas e tartarugas.

O que non se entende, no que debería ser un proxecto estratéxico para o Vigo metropolitano, apoiado polas forzas políticas e entidades sociais e veciñais, é que a última hora, cando está a piques de formalizarse o proxecto do concello de Vigo diante do Ministerio de Cultura, aparecese a Xunta de Galicia anunciando unha candidadura alternativa para o conxunto do Parque das Illas Atlánticas. Outra pedra no zapato coa que o goberno de Feijoo pretende amolar ao alcalde Cabellero, como a do transporte metropolitano ou a chegada sine die do AVE por Cerdedo, que sen embargo en Vigo deixan en ridículo ao seu partido e comprometen as posibilidades de Elena Muñoz como candidata á alcaldía. Máis aínda, cando non é difícil percibir o compromiso de Feijoo coa da Ribeira Sacra, a outra candidatura galega (magnífica, sen dúbida) que se está a preparar para ser recoñecida pola UNESCO. Os papeis non terman de todo. Bo sería que Alberto Núñez Feijoo trasacordase desta clara metedura de zoca e apoiase tamén sen matices a candidatura das illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, formalizada polo concello Vigo e apoiada por toda a urdime cívica viguesa.