Artigos

Onte 2031: Festa dos Libros

Onte tiven a fortuna de conversar con Ledicia Costas sobre Infamia no marco das actividades da Festa dos Libros de Pontevedra. Media hora magnífica de reflexión literaria sobre esta novela origami de lectura irresistible, construída sen cortes ningúns, só a bases de dobras e máis dobras de trama e de matices e máis detalles na construción dun elenco coral de personaxes dunha peza que, como aventurabamos hai apenas dous meses, está marcando as preferencias do lectorado e confirma a Ledicia como unha autora literaria de referencia. Conversa na que confesou a súa satisfacción pola recepción da novela, tanto polos comentarios do lectorado como da crítica, adiantando que a finais do vindeiro ano haberá «unha segunda parte con moito sangue». Unha conversa na que Ledicia reflexionou sobre a violencia contra as mulleres, os abusos da pedofilia, o papel da Igrexa ou sobre a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a manada.

Mágoa que nos espazos da ducia de librarías pontevedresas participantes (non se admiten outras, o que constitúe un criterio restritivo ridículo) a oferta do libro galego fose tan escasa, centrada apenas sobre o álbum infantil. Un síntoma preocupante do estado actual da nosa edición, máis tamén da percepción prexuizada do mundo da libraría sobre o interese do libro galego para a súa clientela. Unha oferta galega insuficiente para unha cidade como Pontevedra que reivindica para si o carácter de «cidade galega do libro», velaí o Salón do Libro e a súa programación anual, velaí a permanencia de Culturgal, ou excelente programación de actividades literarias desta Festa das Letras, na que onte, ademais de Ledicia, participaron durante o serán Eli Ríos, Emma Pedreira, Antón Lopo e Miguel Anxo Seixas.

Defendo dende hai décadas que a edición en galego non pode nunca dar por consolidados os seus avances. O libro galego precisa do compromiso constante das súas autoras, editoras, librarías e do propio lectorado para incrementar a súa visibilidade, mesmo en escaparates como esta Festa dos Libros, organizada polo concello de Pontevedra, para apoiar a un sector que tanto o precisa.

Onte 1884: Tras o éxito da Feira do Libro de Vigo

Feira_do_Libro_de_Vigo_03_01

Rematamos onte os actos que Xerais organizou ao longo de toda a semana na Feira do Libro de Vigo, probablemente a que lembramos máis exitosa nas últimas edicións, tanto en vendas como en participación dos públicos. Un éxito ao que non semella alleo o feito de que a feira ocupase un espazo público central na cidade, como é o da Porta do Sol e a entrada en Príncipe, que a pesar das incomodidades, inevitables en espazo tan reducido, contribúe a visibilizar o evento entre a cidadanía. Como tamén cremos que contribuíu a este éxito o noso compromiso de ofrecer un programa de presentacións e sinaturas atractivo para públicos diversos e complementarios. Estreas espectaculares como a d’ Os fillos do lume de Pedro Feijoo, Terradentro de Xosé Benito Reza, Avións de papel de  Xavier López, O códice Esmeralda de Alberte Blanco, Corredora de María Reimóndez, Vigo metropolitano na Galicia céltica de Carlos Núñez e d’ O xogo de Babel de Elena Gallego Abad, como sesións memorables de sinaturas como as de Paco Barreiro, Manuel Esteban, Ledicia Costas, Víctor Rivas e Gogue, demostran que, apesar de moitos aspectos aínda manifestamente mellorables, o modelo das feiras do libro itinerantes por Galicia continúa tendo futuro.

Tras a celebración de boa parte do periplo das feiras do libro e doutros eventos como a Selic de Compostela, a Festa dos Libros de Pontevedra, a Feira do Libro de Ribadeo ou a Praza dos Libros de Carballo, non hai dúbida de que vivimos un momento esperanzador de mobilización do sector do libro. O protagonismo asumidos polas librarías de cada localidade, moi notable en Lugo e Pontevedra, por salientar dous dos eventos que creo máis destacables, amosa que é posible levar con éxito (tanto comercial, social como de interese para os medios) o libro (especialmente, o galego) ao espazo e a axenda pública.

Xaora, de cara ao futuro, cómpre coordinar todas estas iniciativas, tanto no que atinxe ao seu calendario, duración, enfoque temático, como aos criterios de participación dos expositores, para que ninguén poida ser excluído. Como é imprescindible contar coas editoras no que atinxe a confección e deseño do programa de actividades, no que se debe evitar caer na rotina e ter moi presente a existencia de públicos diversos, sobre todo o infantil (unha das maiores eivas nas edicións deste ano) e o literario. Como é imprescindible asumir a existencia da hibridación dixital do sector dando maior entrada as publicacións hibridadas.

Teimamos en insistir na necesidade de continuar apoiando todas e cada unha destas iniciativas que levan o libro ao espazo público. Todas son necesarias. Mais tamén é imprescindible en todas elas, sexan as que forman parte do itinerario das Feiras do Libro como as outras iniciativas, contar co compromiso dos concellos, para transformar durante uns días unha das súas prazas principais nun fervedoiro para o libro, a lectura e o futuro da lingua galega. Só compartindo este esforzo público e privado será posible continuar con mobilización lectora tan necesaria. En todo caso, parabéns, moitos, a todas as persoas que dunha ou doutra maneira a están facendo posible.

Onte 1879: Festa dos Libros

dav

Foi onte, día de san Xoán, unha desas xornadas que puxo de manifesto a existencia dunha pulsión de entusiasmo resistente no noso sector do libro. Pedro Feijoo encabezou unha excursión dun cento de persoas á illa de Ons na procura do Buraco do Inferno, localización decisiva da súa novela, mentres na Feira do Libro de Ribeira e na Festa dos Libros de Pontevedra desenvolvíase un programa excelente de presentacións, sinaturas e outras actividades arredor do libro. Confeso que gustei moito da montaxe que trece librarías de Pontevedra e o concello fixeron na praza da Ferraría acuñando alí un novo modelo de ocupación cos libros do espazo público. Un deseño moi atractivo e unha programación diversa e orixinal abren, como en Compostela se fixera na SELIC, un modelo alternativo nuns casos, complementario noutros, ao ciclo anual de Feiras do Libro de Galicia. O esforzo das librarías pontevedresas por compartir e transformar cos seus fondos durante unha fin de semana unha praza nunha auténtica festa dos libros merece todos os parabéns e gratitudes. Sen dúbida que haberá que axustar detalles, o que é inevitable nunha primeira edición, mais o de Pontevedra é un modelo de levar os libros ao espazo público que ten moito futuro e podería ser emulado noutras cidades.