Artigos

A exposición da EMAO

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición 130 anos de Vigo e a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo:

A exposición sobre os 130 na historia de Vigo da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) é un dos acontecementos máis relevantes dos últimos anos para a consolidación da fraca memoria da cidade. Velaí o acordo do concello de Vigo de prorrogala até o 4 de outubro (agosto pechado) para facer posible que novos visitantes se unan aos varios milleiros que visitaron a sala de exposicións da EMAO no edificio deseñado polo arquitecto Michel Pacewicz. Comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) José Luis Mateo Álvarez e Rafael Ojea Pérez, actual director da EMAO, contando coa colaboración de Mª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca Pública García Barbón, esta exposición centrada máis en obxectos ca en textos permite coñecer o bulir desta institución educativa dende a súa creación en 1886 na rúa do Circo como centro cultural obreiro de Vigo, pasando polo seu esplendor no primeiro terzo do século XX, até o seu renacer actual, amosando ao tempo a súa contribución decisiva ao desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.

A Escola de Artes e Oficios (EAO) foi unha institución educativa pública e gratuíta xenuinamente viguesa sen a que non poderiamos entender o Vigo do século vinte xa que alí se formaron como profesionais milleiros de vigueses e viguesas. Como salientou a historiadora da educación e membro do IEV a doutora María Dolores Durán Rodríguez, na súa maxistral conferencia do pasado 4 de xullo, a EMAO constituíu un dos axentes de modernización principais da sociedade de Vigo e comarca. Unha modernización que formaba parte do proxecto dos seus promotores, como Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena ou Manuel Diego Santos, todos eles influenciados polos principios da Institución Libre de Ensinanza (ILE), que no emerxer do proceso de industrialización pretendía de forma sistemática e organizada a formación cultural e profesional das clases traballadoras. Proxecto que compartían Fernando García Arenal, o fillo da excepcional Concepción Arenal, un dos primeiros directores da EAO, como tamén o filántropo José García Barbón, que en 1900 doou á cidade os dous edificios do centro, onde se crearon tamén a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Laboratorio Municipal e Hixiene de Vigo (1900-1931), que ademais das actividades da escola acolleron outras institucións educativas como a Escola de Náutica (1915-1925), a Escola Pericial de Comercio (1920-1934) ou o primeiro instituto de segunda ensinanza (1937-1939).

Particular interese ten nunha exposición moi coidada nos detalles a achega que o alumnado, profesorado ou os benfeitores da escola fixeron a consolidación do celme de Vigo como cidade industrial e obreira. Pola EAO pasaron boa parte dos emprendedores da construción naval viguesa como Antonio Sanjurjo de La Industriosa (que convocaba un premio para o alumnado da EAO), Enrique Lorenzo de Vulcano ou Francisco Cardama Godoy, que pasou da carpintaría de ribeira a montar un dos estaleiros vigueses de referencia. Mais tamén na industria do vidro, como é o caso de José Cameselle Rial fundador de Cristalería La Belga, o inesquecible establecemento dos espellos cóncavo e convexo de Marqués de Valladares. Como tamén contribuíu ao desenvolvemento do sector das artes gráficas, fose como auxiliar do conserveiro, velaí os casos de Eugenio Fadrique de La Artística e Antonio Alonso de La Metalúrgica, como de impresores de tipos móbiles como José Cao Moure (PPKO), tamén editor e libreiro, Juan Noia Gil, fundador de Gráficas Numen ou da Litografía Espinosa.

A EAO tivo un papel extraordinario no desenvolvemento artístico da cidade, grazas a figuras case renacentistas como Jesús Miramontes Durán (cuxa biografía merecería un tratamento de seu) ou dunha longa nómina de artistas de disciplinas diversas, dende Reveriano Soutullo (músico), Camilo Nogueira (escultor), Laxeiro (pintor), Cesáreo González (creador de Suevia films), Xohán Carballeira (xornalista) a José Rodríguez Vilar (o cartelista do cine Fraga)… Como mención á parte merecería a contribución da EAO na formación da muller, unha das finalidades da doazón de García Barbón, xa que polas súas aulas pasaron moitas das nosas avoas que cursaron estudos de mecanografía, corte e confección, debuxo, música ou idiomas. Ámbito que merecería unha nova exposición, como o caso extraordinario da pianista e activista Urania Mella, a fundadora de feminismo vigués, a quen con toda xustiza se homenaxea na mostra.

Nesta modélica exposición da EMAO atopamos o xerme do que podería ser unha das salas do século XX dese museo da cidade que Vigo tanto necesita. Recomendo acudan a unha mostra fonte de moitas memorias compartidas. Parabéns a EMAO por tan magnífica iniciativa!

Todos co Sector Naval

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero unha parte da memoria da industria naval viguesa e reflexiono sobre a situación crítica do sector naval ameazado pola devolución do tax-lease.

Desque a comezos da década de 1890 regresara a Vigo José Barreras Massó, xa como enxeñeiro formado na Escola de Enxeñaría de Barcelona, e fundara os estaleiros Hijos de J. Barreras, o empeño por construír e reparar buques e todo tipo de artefactos de navegación formou parte da razón de ser de Vigo como cidade portuaria atlántica. Iniciativa a de Barreras que pouco despois sería emulada por Ernesto García e unha década máis tarde por Antonio Sanjurjo Badía, o famoso “Habilidades” do que falaba Emilia Pardo Bazán, fundador de “La Industriosa”, varadeiro e estaleiro do Areal onde hai agora un século se construíron os primeiros vapores de pesca. A estes tres pioneiros da construción naval viguesa uniríanse, coincidindo co remate da primeira Guerra Mundial, o estaleiro de Troncoso e Santodomingo e o de Francisco Cardama Godoy, un pequeno estaleiro de carpintaría de ribeira na punta de San Gregorio, beiramar do barrio de Coia á que dende finais da década de 1920 se irían trasladando a maior parte dos construtores expulsados do Areal polas obras do recheo. Co comezo da década de 1930, Enrique Lorenzo Docampo, quen dende 1920 tiña no Canceleiro unha fundición denominada “La Vulcano, será quen instale na praia de Espiñeiro, no barrio de Teis, unha factoría naval que decontado se especializará na construción de gabarras de aceiro e cabrias (guindastres flotantes), sen menoscabo da súa actividade tradicional na caldeiraría.

Este empeño centenario constituíu o celme industrial da nosa abella da ribeira. Vigo é o que somos grazas, entre outras razóns, a que construímos barcos, unha actividade que forma parte da identidade da cidade. Mais o Sector Naval nunca foi alleo nin aos avatares políticos nin ás dificultades provocadas polas crises económicas cíclicas nin á necesidade de adaptarse aos avances constantes da navegación marítima, das tecnoloxías pesqueiras e da enxeñaría construtiva (dende a utilización da madeira á do aceiro laminado na construción dos cascos, dende o paso do vapor aos motores de combustión). O futuro da industria naval viguesa pendeu moitas veces do fío do seu financiamento, ao que tampouco foron alleas as decisións políticas, dende a Lei do Crédito Naval dos difíciles anos corenta, pasando polas maiores facilidades dos anos do “desarrollismo” dos sesenta nos que se construíu a primeira frota galega de altura, até a catástrofe dos anos setenta que levou á compra de Barreras polo INI en 1976, á longa crise de Ascón, o primeiro estaleiro “reconvertido” nos anos 80, e á compra de Vulcano en 1986 por Fernando Santodomingo. Durante as dúas últimas décadas, tras o durísimo proceso de reconversión, promovido polo goberno do PSOE, que levou á perda de milleiros de empregos, o que quedou do sector coñeceu un período de inusual bonanza, ao que non foron alleos o éxito da súa estratexia de internacionalización e especialización no deseño de determinados tipo de buques, a externalización dos procesos de fabricación e o emprego do sistema de bonificación fiscal, a famosa tax-lease.

Porén, nos dous últimos anos a situación volveu tornarse dramática para o sector naval da ría, tras a reclamación da Comisión Europea da devolución de 2.800 millóns de euros do tax-lease (1.700 millóns do sector galego), recibidos entre 2005-2011, amparado un sistema creado en 2002, sendo presidente Aznar, e que se mantivo ao longo do período de Zapatero, sen que fose nunca cuestionado polas autoridades europeas, até que en 2011 foi denunciado por Holanda, país que conta cunha industria naval que compite coa nosa. A piques de coñecer a decisión de Bruselas o vindeiro 17 de xullo, na que será decisivo o criterio de Joaquín Almunia, actual comisario da Competencia, aparentemente as perspectivas son moi pouco alentadoras para o porvir da nosa construción naval, que podería quedar ferida de morte. Máis alá da necesidade imperiosa que o Goberno de Rajoy apure até o límite os argumentos xurídicos, baseados nos principios de confianza lexítima e seguridade xurídica (nin os armadores nin os construtores poden ser considerados responsables dunha bonificación fiscal absolutamente legal no seu país), semella que a única posibilidade de que o comisario español modifique o seu criterio reside en comprobar a contundencia e a cohesión da presión política e social na defensa deste sector industrial estratéxico para Galicia, e moi especialmente, para a comarca de Ferrolterra e a área metropolitana de Vigo. Por difícil que semelle, habería apenas unha raioliña de esperanza, quizais non estea todo perdido para o noso naval, afeito ao longo da súa historia a estas situacións límite. Mais aínda cando existe o precedente de Francia, a quen se lle anulou o seu sistema de bonificación, mais sen impoñerlle a devolución das axudas recibidas. Todos co Sector Naval!