Listado de la etiqueta: emilio_alonso

«Que hostia din os rumorosos?»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Que hostia din os rumorosos?, o libro de libros co que volve Rompente:

Na madrugada bretemosa do 20 de agosto de 1981 un Renault-12 familiar bateu na avenida Beiramar contra un valado de obras sen sinalizar. Os seis ocupantes do coche acabaron nas urxencias do Pirulí, sen lesións de importancia, coa excepción do copiloto, o poeta Manolo Romón, que resultou ferido de gravidade e hospitalizado durante dous meses. O condutor, o músico Julián Hernández, confesou que despois de estar con Antón Reixa nunha tasca saíran do Almas Perdidas do porto do Berbés, camiño do Balneario de Samil, único local que permanecía aberto durante toda a noite. Ocupaban os asentos traseiros do renault Javier Soto e José Manuel Barros, ademais de Alberto Torrado e Miguel Costas, membros coma o condutor do grupo de rock Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano. Tras a declaración por parte da compañía aseguradora como «siniestro total», Miguel Costas propuxo rebautizar a formación como Siniestro Total (ST). Aquela historia viguesa contada de marabilla e con todos os detalles por Elena Ocampo nas páxinas de Faro de Vigo e por Emilio Alonso no libro Vigo a 80 revolucións por minuto (Xerais 2011) constitúe o que pode ser considerado o acto fundacional da chamada «movida viguesa», movemento interartístico vertebrado pola música popular que animou os convulsos anos oitenta vigueses da reconversión do metal, das protestas do bono-bus, dos apresamentos de pesqueiros, das mortes provocadas pola heroína e pola SIDA.

Un acto fundacional que se concretou musicalmente no primeiro concerto de Siniestro Total, o 27 de decembro de 1981, no cine Salesianos da rúa Venezuela, no marco do festival «Nadal Rock», organizado polo desaparecido Bibiano Morón, no que tamén participaron Trenvigo, o grupo electrónico que o cantautor compostelán formara cos tres compoñentes de Druída (Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez), os portugueses de Arte e Oficio e os Nacha Pop de Antonio Vega. Un evento ao que se chegou, probablemente, tras meses de ensaios no Satchmo, o club de jazz da rúa Joaquín Loriga 33, que dende a primavera de 1981 abriu as súas portas e espazos ás novas tendencias musicais e aos grupos vigueses. Polo Satchmo andaban os membros de ST e tamén do Grupo de Comunicación Poética Rompente, nacido en 1975 como Grupo de Resistencia Poética (formado por Pexegueiro  e Reixa) e despois mudado en Rompente edicións (1978), editora que utilizaba a impresión con vietnamita e multicopista, xa sendo trío beat e guerrilleiro en doses inexactas formado por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, que atoparon alí un lugar ideal «onde tirar a poesía dos libros e levala á rúa e aos bares».

Foi no Satchmo onde o 24, 25 e 26 de decembro de 1981 actuaron os The Bebra Brothers, o grupo bautizado co nome dos ananos d’ O tambor de folla de lata de Günter Grass, formado polos tres membros de Rompente xunto cos músicos Julián Hernández, Miguel Costas, Alberto Torrado, Moncho Vazquez e Luís Manuel Fernández Abreu. Foi, pois, no Satchmo, hoxe pub Vagalume, onde se forxaron as colaboracións entre os músicos de ST e os poetas de Rompente, ao que se sumaron algúns artistas plásticos do grupo Atlántica e actores do emerxente teatro galego. Grupos, concertos e performances poéticas que comezaron a chamar a atención máis alá da ponte de Rande, feito ao que quizais tampouco foi allea a xenerosidade coa que Jesús Ordovás acolleu no seu Diario pop de Radio 3 a primeira maqueta de Siniestro Total, celme do seu primeiro elepé, ¿Cuando se come aquí? (1982), que lle enviara Julián Hernández ou ao disco do debú de Golpes Bajos, a formación de Germán Coppini, o primeiro cantante de ST, e de Teo Cardalda, Pablo Novoa e Luís García. Un fenómeno musical no que as formacións se ampliaban e confundían, como sucedeu con Os Resentidos, grupo liderado por Antón Reixa (Rompente) ao que se uniron inicialmente Alberto Torrado (ST), Javier Soto (despois ST) e Rubén Losada, coa intención de conformar «unha bus band de rock esquimó e funkie depresivo».

Corenta anos despois daquel estoupido de creatividade resistente, impregnado con inequívoco espírito contracultural de vangarda, protagonizado polos membros de Siniestro Total, Rompente e polos pintores Menchu Lamas e Antón Patiño, publícase Que hostia din os rumorosos? (Editorial Elvira 2021), un coidado libro de libros que continúa o diálogo a rompentres e actualiza a proposta dos oitenta. Despois do reencontro de Upalás (Xerais 1998), esta volta da polifonía poética inesperada e gozosa de Rompente, nun libro prologado por Julián Hernández e deseñado e ilustrado por Antón, Menchu e Rubén Romero, constitúe un gran acontecemento literario que merece ser celebrado cunha xira de presentacións por Galicia enteira. Parabéns a todos eles por re-existir e non desistir de continuar falando sós.

Vigo a explosión dos 80

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da publicación por Xerais de Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso e Vigo, a explosión dos 80 de Víctor de las Heras, reflexiono sobre o carácter dinámico e disruptivo da nosa cidade.

O 27 de decembro de 1981 o cine Salesianos, que rexía Salvador Penín, acolleu un dos concertos do Nadal Rock, organizados pola concellaría de Cultura do concello de Vigo que rexía Francisco Santomé. Ao escenario subiron catro grupos: os portugueses Arte e Oficio, os madrileños Nacha Pop e dous vigueses Trenvigo e Siniestro Total. O primeiro formado polo cantautor Bibiano Morón, que decidiu mudar de estilar e fichar aos membros do grupo Druída, Teo Cardalda, Pablo Novoa e Javier Martínez. O segundo, unha formación que se estreaba aquela noite formada polos membros de Mari Cruz Soriano y los que afinan su piano, Alberto Torrado, Miguel Costas e Julián Hernández, ao que se engadía como cantante Germán Coppini. Para Emilio Alonso, responsable do programa de información cultural “A Trincheira” de Radio Cadena Española en Vigo, aquel festival constituíu a epifanía do movemento cultural e social que se desenvolveu en Vigo ao longo da década dos 80, bautizado, quizais non do xeito máis afortunado, como “a movida”.

Dous libros recentes de Xerais, “Vigo a 80 revolucións por minuto” do citado Emilio Alonso e “Vigo a explosión dos ‘80” do fotógrafo Víctor de las Heras, retratan dende perspectivas complementarias un fenómeno cultural e social, unha euforia creativa moderna, de interpretación complexa que tendo o seu eixo vertebrador na música (un centenar de grupos de pop-rock) desenvolveuse tamén noutras disciplinas das artes (poesía, teatro ou plástica), da moda, do comercio, da hostelería ou da comunicación. Unha axitación artística que se produciu probablemente máis de noite ca de día. Unha sorpresa que convertíu a unha cidade de tradición industrial e portuaria nun referente de modernidade capaz de atuar a aquel Madrid de “la movida” e de “la nueva ola” de Alaska do que fachendeaban o alcalde Enrique Tierno Galván e o presidente da comunidade Joaquín Leguina, políticos que chegaron a visitar ambos os dous a nosa cidade.

Aquel Vigo foi tamén o da reconversión naval, anos dunha durísima pelexa sindical para salvar o futuro de Ascón e logo de Vulcano, no que a cidade tirou todo o seu carácter revolcado e os metalúrxicos toda a súa afouteza para defender na rúa con impresionantes manifestacións (como se ve nas fotos de Víctor de las Heras) o carácter de cidade industrial e identidade obreira. Anos nos que as feministas saíron a rúa para pelexar polos dereitos da muller e polo aborto libre na Seguridade Social e as mobilizacións contra os verquidos nucelares na fosa atlántica e as manifestacións anti OTAN, diante do xiro atlantista de Felipe González, forxaron os alicerces do movemento pacifista, ecoloxista e de educación para a paz. Anos nos que os estudantes de BUP e COU dos institutos vigueses se mobilizaron de forma contundente, como se facía case todo naquel tempo, esixindo pases para o Vitrasa. Década na que a heroína e a aparición da SIDA comezou a facer estragos sobre unha xeración de mozos desencantada tras anos de mobilización antifranquista dos seus maiores e de expectativas non satisfeitas no proceso de Transición e Reforma Política.

Os oitenta foron, tamén, os do “compañeiro” Manoel Soto como alcalde, gobernando en fráxil minoría, nalgún caso co apoio daquela elegante Esquerda Galega de Camilo Nogueira, sempre cun compromiso firme coa lingua galega e co protagonismo de Vigo no proceso de modernización iniciado pola Autonomía. Foi o tempo de maior protagonismo de Antonio Nieto Figueroa “Leri” na corporación, mais tamén dos seus campionatos de praias e dos seus “felices en Vigo”. Foron os da inauguración da ponte de Rande e da loita polo derrube do escalestri (a icona dos 80), os da colmatación urbana da aba do Castro cara ao Val do Fragoso e do polígono de Coia, convertido na sexta cidade de Galicia, sen contar apenas con servizos sociocomunitarios. Foi a década de dous ascensos a primeira do Celta e daquel mundial de Balaídos no que xogaron Italia, Polonia, Perú e Camerún. Tamén a da inauguración do Teatro e do Auditorio García Barbón da Caixa de Aforros (1984), a do primeiro Festival Internacional do Mundo Celta en Castrelos, a da apertura da Universidade Popular de Vigo na Escola de Artes e Oficios, a do Museo Laxeiro. Como tamén da publicación de “Tintimán” (a revista obxecto), do suplemento “Pharo the Bego” de “Faro”, da primeira concesión do Premio Xerais de Novela no Hotel Bahía ou do comezo da publicación de “Atlántico diario”.

Probablemente, aquela explosión dos 80, como ten sinalado o xornalista Fernando Franco, “aquel cóctel de política, deporte, cultura e sociedade”, contribuísen a conformar o Vigo que agora somos, esa cidade que, a pesar de crises brutais de emprego (como a que agora vivimos) e da febleza das súas élites económicas e políticas, non desiste non seu dinamismo e na súa vontade disruptiva.

Onte 77: Vigo a 80 rpm

A memoria da movida viguesa dos 80, aquela axitación cultural que coincidiu coa reconversión naval, protagoniza dous dos nosos libros desta campaña de nadal. Un relato documental en voz dos protagonistas, preparado polo xornalista cultural Emilio Alonso, e unha grande reportaxe fotográfica de Víctor de las Heras. Dúas achegas que contribúen ao proceso colectivo de memoria dun fenómeno que foi moito máis ca un estoupido musical e puxo algúns dos alicerces sobre os que se desenvolveu a chamada “industria cultural” viguesa das dúas últimas décadas. Onte presentamos o documentadísimo libro de Emilio, o responsable daquel exemplar programa de radio local, “A trincheira”, onde se seguiu co maior detalle todo o que foi acontecendo. Algúns dos protagonistas daquel tempo revolcado de entusiasmo acompañaron ao autor no serán da estrea e no concerto posterior en La Iguana. A vindeira semana, o xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas no Auditorio do concello de Vigo presentaremos o segundo libro, Vigo a explosión dos oitenta.