Artigos

Non pare a festa

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do entroido na covidia:

A Concha Núñez, lectora de Faro de Vigo, que mañá cumpre 100 anos

Cando nos hospitais aínda se sufren as terribles consecuencias duns poucos irresponsables que a custe de ferro e fariña quixeron salvar o seu Nadal, temos xa ás portas os días de Entroido, a festa que dende a noite dos tempos anuncia alboradas de primavera, días de máscaras, disfraces, comitivas e larpeiradas. Un tempo lardeiro de transgresión que nesta ocasión non se poderá celebrar nos espazos públicos, un fito tan inédito como necesario, que quedará na memoria nosa como a daquel inverno no que merdeiros, escabicheiros, maruxos e mascaritas viguesas quedaron confinadas na casa, outra de tantas perdas deste espantoso ano da covidia. Porén, iso non debería supoñer que no ámbito de cada grupo de persoas conviventes e respectando estritamente a etiqueta sanitaria poidamos na mesa da casa homenaxear con algún exceso larpeiro este tempo do entroido que preñado coa chegada das vacinas para as persoas maiores, sanitarias e coidadoras tamén anuncia por ventura un lume novo de esperanza.

A covidia non impide facer estes días na casa cocidos de entroido, aínda que sexa para menos comensais do que é adoito, como aqueles memorables que preparaba a avoa Concha de moza para mesa tan refinada como era a do abade de Reboreda. Cocido no que como ela conta non faltaban nin a carne de tenreira (xarrete ou faldra), o primeiro que ía pota cun pouco de unto, nin as carnes salgadas de porco, fose o lacón, o touciño entrefrebado, a orella e mesmo a pata, entre outras que había que poñer a remollo canto menos o día anterior. Cocidos competentes onde non faltaban nunca os chourizos nin as fabas ou garavanzos, ou algo de todo, nin as verduras, para ela mellor repolo, cortado en cuartos, nin as patacas de última hora, cocido todo a lume manso durante o tempo que precise. Cocido de abades, como aqueloutro memorable que relata Xabier P. DoCampo na súa derradeira novela, A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017), servido a ser posible en tres fontes, unha para as carnes, outra para as patacas e repolo e unha terceira para fabas ou garavanzos e chourizos.

Cocidos de casa onde seguindo o que pedía don Álvaro Cunqueiro, outro experto desta culinaria, cómpre reservar unha parte do caldo para preparar unhas filloas que o acompañasen ou para a sobremesa. Filloas, tamén chamadas marruchos no Val Miñor ou freixós nas terras ártabras, que forman parte desa marabilla entroideira galega que son as froitas de tixola, delicias que adaptan as formas de crocantes orellas, quizais as máis emblemáticas do carnaval vigués, mais tamén de follas de limón, que Cunqueiro identificaba como propias de Tui, ou de flores fritidas, as máis devecidas na infancia nosa. Sen esquecer as rosquillas, as chulas e a bica artesá, protagonista das sobremesas de entroido en Ourense, biscoito doce presente en toda a provincia dende Valdeorras até o Ribeiro, que adopta variantes manteigadas como as famosas de Trives ou Castro Caldelas até outra sen manteiga, como a branca de Laza.

Celebración do entroido que neste tempo de covidia haberá que modificar tamén nos colexios, onde as tradicionais comparsas de aula, unha forma de correr o entroido, terán que adiar a súa saída ao ano que ven. O que non debería impedir que ao longo desta semana se respectasen tradicións escolares tan enraizadas como «Os mandados do Meco», adaptados polos claustros ás esixencias da actual etiqueta sanitaria Covid-19, un enxeñoso exercicio de creatividade que moito axuda a reflexionar coas crianzas máis miúdas sobre a experiencia e o sentido desta festa popular de máscaras e figuración. Como tamén é unha oportunidade magnífica para traballar nas aulas sobre a singularidade do calendario do carnaval noso e sobre a extraordinaria variedade das máscaras tradicionais galegas, unhas das máis orixinais do mundo.

Diversidade de máscaras, convocadas polo editor Ramón D. Veiga e polo ilustrador David Sierra en dous libros preciosos, É tempo de Entroido (Xerais 2019) e Non pare a festa (Xerais 2021), senllas alfaias documentais na que recrean unha espectacular iconografía entroideira que vai dende o cigarrón de Verín e o peliqueiro de Laza, pasando polo vellarrón de Riós, as madamas e galáns de Cobres e os boteiros de Viana do Bolo, até os felos de Esgos e Boborás e os vixigueiros de San Mamede. E se o atractivo gráfico dos deseños de Sierra non abondase, cada un dos libros conta cunha canción propia que pon música aos versos enxeñosos e ben fiados cos que Veiga reune a tan estrondoso folión. Dous álbumes que non deben faltar en biblioteca escolar ningunha e poden axudar estes días a alfabetizar neste eido da nosa cultura popular ás xeracións galegas do século XXI. A pesar da covidia, que non pare a festa do entroido, respectando a etiqueta sanitaria.

Onte 2120: «Non pare a festa» para celebrar o Entroido

Non pare a festa from Xerais on Vimeo.

O editor Ramón D. Veiga e o ilustrador David Sierra tiran do fío do novelo que deixaron co álbum É tempo de entroido (Xerais 2018) para convocar nas páxinas de Non pare a festa (Xerais 2021) a outro grupo de máscaras do Entroido popular galego, na súa maior parte da provincia de Ourense: os boteiros de Viana do Bolo, Vilariño de Conso e A Gudiña; a gárgola de Celanova; o vellarrón de Riós; a mázcara da Xironda en Cualedro; os charrelos da Veiga; os chocalleiros de Vilardevós; os follateiros de Lobios; os felos de Esgos e Boborás… Un libro documental que recupera a imaxe destas máscaras armadas todas elas con instrumentos músicais e outros útiles para montar troula. Álbum de moi xeitosa fasquía gráfica, na que o ourensán  David Sierra co seu trazo inconfundible crea unha espectacular iconográfica entroideira chamada a alfabetizar neste eido da nosa cultura popular ás xeracións galegas do século XXI.

E se isto xa non abondase, Non pare a festa conta cunha canción propia e booktrailer gravados por Os Amigos dos Músicos que puxeron música aos versos tan enxeñosos e ben fiados cos que Ramón D. Veiga convoca a tan estrondosa comitiva. É tempo de entroido e Non pare a festa son dous álbums que non poden faltar en biblioteca escolar ningunha, un recurso informativo imprescindible neste inverno no que as máscaras por desgraza desfilarán só nas pantallas e nestas páxinas de festa. Recoméndoos vivamente e parabenizo aos autores e músicos por tan excelente desempeño.

Onte 2071: «Meigas fóra!» na noite de San Xoán

Dende hai tres anos Ramón Domínguez Veiga desenvolve un proxecto de álbum ilustrado sobre o ciclo de festas estacionais galegas. En diálogo co ilustrador David Sierra ofreceu a entrega sobre Samaín, Violeta quere ser vampiro (2017), e sobre o carnaval, É tempo de Entroido (2018), libros nos que anticipaba algúns dos ingredientes preferidos das súas historias: a utilización de estruturas narrativas da tradición oral, fose en base a textos rimados e dialogados ou acumulativos ou enumerativos; o emprego do humor como primeiro recurso expresivo; e o coidado meticuloso na integración gráfica e textual. Máis recentemente, comezou a colaboración co ilustrador Iván R. para ofrecer a Araña que lles tiña medo ás arañas (2019), un divertidísimo álbum de terror no que destacaba o xogo espectacular de planos gráficos ensamblados nunha estrutura enumerativa e circular moi orixinal.

Tras Eu quedo na casa, o conto en liña sobre o confinamento das crianzas provocado polo Covid19, Ramón e Iván estreitan a súa colaboración en Meigas fóra! (2020) para ofrecer un dos mellores títulos que lembramos da serie de 7 anos en diante (lectores/as autónomos) da colección Merlín. Utilizando como motor a rivalidade entre dúas vilas veciñas, Leira e Beira, relatan como dúas alcaldías irresponsables e grandilocuentes, que non paraban de discutir e  pelexar intentando demostrar quen tiña máis poder, levaron a cada unha das súas comunidades case ao desastre, cando as lapas de Leira acadaron tal altura que a lúa decidiu non volver alumar aquela vilas nunca máis, e as de Beira tanta amplitude que obrigaron aos peixes a fuxir. Unha exaltación, ademais, do valor purificador da noite do 23 de xuño, a máis curta do ano, na que saltando por riba do lume escorréntanse as meigas, que é tanto como dicir sobre as envexas, maldades e as súas porfías.

Ramón e Iván consiguen que textos e imaxes funcionen á perfección na progresión dun relato cheo de sorpresas e xiros argumentais, dosificando a información e modulando con sutileza os aspectos emocionais. Ofrecen unha historia memorable que, como aquel inesquecible  Valados de Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, amosa que é posible para unha comunidade construír un futuro mellor en liberdade, superando os valados da intolerancia, do egoísmo e do autoritarismo: «A ledicia está en construír xuntos un novo lugar onde vivir en harmonía».

Aventuro que Meigas fóra!, ademais de consolidar a sociedade creativa de Ramón e Iván, será un dos mellores libros infantís deste ano da pandemia. Excelente en todos os eidos.

 

Onte 2059: «A araña que lles tiña medo ás arañas»

O editor de Xerais Ramón Domínguez Veiga é un dos escritores para álbum infantil máis orixinais que coñezo. Tras o seu impresionante debut con Violeta quere ser vampiro. Conto de Samaín (Xerais 2017) e con É tempo de Entroido (Xerais 2018), ambos os dous ilustrados por David Sierra, desprega todo o seu enxeño e humor con A araña que lles tiña medo ás arañas (Xerais 2019), un conto de medo ilustrado por Iván R. Utilizando unha estrutura enumerativa e circular, propia da tradición oral, afiando os diálogos con rimas consonantes, Ramón e Iván tecen a tea dunha historia divertidísima protagonizada por unha araña moi afouta que non teme nin a sapos nin lagartos nin a raparigas curiosas, mais que se espanta diante dun ser da súa mesma especie.

Un final inagardado e un xogo espectacular de planos pechan un dos mellores álbums publicados en galego nos últimos anos. Un libro que non pode falar nas bibliotecas das aulas de Infantil e de inicio de Primaria. Mete tan medo como moitas gargalladas.