Listado de la etiqueta: culturgal

Onte 784: Culturgal 2013

Presentouse onte en Pontevedra o Culturgal 2013, o da corresponsabilidade, a palabra que na presentación utilizou en varias ocasións Xosé Aldea, o coordinador desta feira das industrias culturais de Galicia. Un Culturgal que baixou o seu orzamento de forma moi significativa até os 130.000 euros e sufriu unha importante redución do patrocinio da Xunta de Galicia nun 55% con respecto á edición de 2012. Un novo escenario económico que obrigou á asociación Culturgal a repensar o modelo de xestión e a procurar o financiamento privado a cargo dos expositores, provedores e do propio público. Os organizadores solicitan a corresponsabilidade do público, ben sexa por medio dunha entrada voluntaria, que acreditará a quen a pague coma un micropatrocinador, ou polo pagamento de entrada em cinco dos espectáculos teatrais e musiciais (entre eles o concerto de Kepa Junquera e os seus amigos galegos, o prato forte do programa).

Nos tres días deste sexto Culturgal participarán 70 expositores (unha cifra superior a do pasado ano) e organizaranse 125 actividades dirixidas a públicos diversos en cinco espazos diferentes. Alongouse o horario, sen interrupción de 11 da mañá ás 9 da noite; reforzouse o servizo de hostelaría (xantar a 10,00 euros) e solictouse a participación do público para outorgar un premio á mellor iniciativa cultural. A celebración do primeiro encontro de clubs de lectura, a presentación de novidades educativas dixitais, o lanzamento da revista Luzes, a celebración de 20 anos de Bravú, as conversas de salón que Teresa Cuíñas, Montse Dopico e Camilo Franco manterán con Pedro Feijoo, Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Luis Rei Núñez, as presentacións de Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Cráneo, e d’ O raposo e a mestra de Manuel Rivas e Jacobo Fernández Serrano son algunhas das actividades nas que participaremos.

Desde a primeira edición, concibimos Culturgal como unha grande proxecto de país, como unha cita anual imprescindible dos profesionais das industriais culturais de Galicia. Mais tamén como cita na que os públicos tivesen o maior protagonismo e a posibilidade de atoparse cos artistas e coñecer as principais novidades do ano. Un espírito anovado e profundizado neste Cultugal 2013. Anotade nas vosas axendas, 29 e 30 de novembro, e domingo 1 de decembro, Culturgal en Pontevedra.

Culturgal

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero a traxectoria de Culturgal recoñecida co Premio da Crítica Galicia de Iniciativas Culturais.

Foi un éxito o xantar organizado o pasado sábado pola Fundación Premios da Crítica Galicia, liderada por Bieito Ledo e Antón Pulido, no que se deron a coñecer os galardóns correspondentes á produción cultural do ano 2012. Non defraudaron tampouco as escollas dos xurados das súas seis modalidades, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, que amosaron a excelencia da creación galega como o dinamismo acadado polas nosas industrias culturais. Xa a nivel persoal, especial emoción producíronme os premios que recibiron “Transmuta”, o poemario do chairego Xabier Cordal editado por Xerais, na modalidade de creación literaria, e Culturgal na de Iniciativas Culturais, un proxecto ao que me sinto moi vinculado dende o seu nacemento hai seis anos, que comparte o espírito inclusivo da fundación organizadora destes premios.

Non foi doado para Culturgal chegar a este o seu primeiro recoñecemento. Promovida pola Asociación Galega de Editores, naceu na semana das letras galegas de maio de 2007 no Pazo de Exposicións de Pontevedra como “Feira do libro e da industria cultural”. A semellanza da exitosa “Feira do libro e do disco en éuscaro” de Durango, con máis de corenta edicións de historia e milleiros de visitantes, Culturgal pretendía converterse nun grande escaparate anual das novidades do libro e do conxunto da produción cultural galega dirixidas a un público tanto familiar como profesional. O éxito do modelo feiral daquela primeira edición pontevedresa, dirixida polo editor Roberto Pérez Pardo, levou o ano seguinte a que fose a Consellaría de Cultura e Deporte de Ánxela Bugallo a que se ocupase durante a primeira fin de semana de decembro de 2008 da xestión e organización no Palexco da Coruña da que se bautizou como “Feira das Industrias Culturais de Galicia”. Foi este segundo Culturgal clave para a consolidación do modelo actual, non só polo seu éxito de público, senón tamén pola escolla dunhas datas fixas e pola definición da feira como un proxecto estratéxico da industria cultural en Galicia e en lingua galega.

Tras a crise de 2009, ano no que non se celebrou Culturgal, coincidindo coa chegada do PPdeG ao Goberno Galego, no verán de 2010 a iniciativa privada retomou o liderado do proxecto. Catro asociacións empresariais AGE (edición), AGAPHONO (música), AGEM (música) e Escena Galega (teatro), á que poucos meses despois se uniron EGANET (internet e novas tecnoloxías) e AGAPI (audiovisual) constituíron a Asociación Culturgal. Inicíabase así un proceso de intensa e estreita colaboración e cooperación intersectorial das diversas empresas da nosa industria cultural que baixo a presidencia do editor Xulio Amigo e a dirección do equipo técnico de Sergio Lago organizaría durante tres anos consecutivos a feira no Pazo de Exposicións de Pontevedra. Dende a edición de 2010, contando como principais patrocinadores coa Consellaría de Cultura por medio de AGADIC e co concello de Pontevedra, Culturgal alicerzou o seu exitoso modelo de Feira das Industrias Culturais sobre tres piares: a venda e presentación de novidades (libros, discos, espectáculos, iniciativas…), as actividades e espectáculos para públicos diversos (con especial atención ao familiar e infantil) e as xornadas técnicas dirixidas a profesionais dos diversos sectores dunha cultura en tránsito.

Porén, a pesar do moito camiño avanzado, Culturgal non ten certeza sobre o seu futuro. A actual diminución das vendas dos mercados minoristas da cultura, as elevadísimas taxas de paro, a deflacción salarial e a perda de poder adquisitivo, o incremento do IVE até o 21 % na maior parte dos produtos e servizos culturais (coa excepción do libro impreso) como os durísimos recortes dos poderes públicos nas partidas de Educación, Cultura e Normalización Lingüística son ameazas para unhas industrias que en Galicia ocupan a 11.200 persoas.

Secasí, Culturgal sufrirá na edición que se celebrará este outono (29 e 30 de novembro e 1 de decembro) unha redución dos patrocinios públicos até niveis inadmisibles que poden provocar o seu colapso. Porén, Culturgal é hoxe pola fraqueza do mercado cultural máis necesario ca nunca, razón pola que os diversos sectores empresariais participantes, a pesar da súa diversidade, asumen a estratexia do estorniño, a solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade deseñada por Xosé Aldea, o director deste Culturgal 2013, que procura a colaboración intersectorial e o protagonismo dos públicos, a primeira razón de ser desta feira. O Premio da Crítica Galicia chega no momento oportuno para recoñecer o traballo feito, mais sobre todo para alertar sobre o futuro dun proxecto necesario en man común.

 

Onte 767: Premios da Crítica Galicia 2013

Non defraudaron os Premios da Crítica Galicia 2013. A asistencia ao xantar superou as nosas mellores expectativas e as escollas dos xurados, tanto as candidaturas finalistas coma as gañadoras, amosaron a excelencia da nosa creación e o dinamismo das nosas industrias culturais. Especial emoción producíronme os recoñementos que recibiron Transmuta, o poemario de Xabier Cordal, e Culturgal, unha iniciativa que comparte o espírito transversal, inclusivo, antiseitario e corresponsable da fundación organizadora destes premios, coa que teño a fortuna de colaborar. Pagaron moito a pena os esforzos e os afáns destes últimos días, si señor!

Onte 451: Excelente Culturgal 2012

Tras tres xornadas moi intensas de actos e contactos profesionais, a nosa valoración deste quinto Culturgal é moi positiva. Imos achegándonos a aquel vello soño forxado hai case unha década polos editores galegos de contar cunha cita anual de referencia onde presentar en man común as novidades dos produtos e servizos das industrias culturais galegas e en galego. A modiño, Culturgal vai consolidando aquel proxecto, mesmo a pesar de contar cada ano con menos recursos. Porén, como se demostrou na edición desta fin de semana, consegue expandirse, tanto a nivel da afluencia de público familiar chegado de diversas partes do país (o Pazo de exposicións de Pontevedra comeza a quedar pequeno), do aumento do número de actividades e iniciativas, como mesmo do nivel de vendas, que este ano aumentou, a pesar das doenzas da crise. A presenza de centos e centos de picariños e a súa participación entusiasta nas actividades encheunos de esperanza e optimismo. A organización impecable das actividades, respectando os horarios previstos e cumprindo a programación ao cen por cen; a excelente calidade dos espectáculos teatrais e musicais, como o das conversas con autores e presentacións de libros, películas ou produtos dixitais; a celebración de diversos foros profesionais paralelos contribúen de forma decisiva á madurez desta cita pontevedresa. Particular importancia tivo para nós os editores a presentación da campaña “Ser libris”, coa que pretendemos continuar este espírito proactivo do Culturgal, un xeito tamén de facerlle fronte á crise comercial que padecemos. Beizóns ao equipo deste Culturgal 2002, encabezado por Xulio Amigo como presidente e Sergio Lago como responsable do cadro de profesionais, que xa deben comezar a traballar xa na edición de 2013.

Grazas a Celia Torres que tuiteou a maior parte das fotos da galería.

Onte 450: Ser libris no Culturgal


Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.

Onte 449: Gústame o galego en Cultugal

Entre as moitas iniciativas e accións que se desenvolveron na intensa primeira xornada de Culturgal, moito me gustou participar en Gústame o galego, a promovida pola CTNL. Unha marabilla! A tarefa de desmontar prexuízos arredor da lingua e de prestixiala en todos os eidos da vida social require da corresponsabilidade de todas as persoas. Accións imaxinativas e divertidas como esta de «Gústame o galego» pola súa facilidade de viralización e pola súa capacidade de  ontaxiar entusiasmo poden ser doadamente emuladas ou reinventadas de forma creativa en centros educativos ou noutros eventos da cultura de noso. «Gústame que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño», «Gústame o galego con acento africano», «Gústame que non me traduzan o café con leite», «Gústame que me digan “qrt m8″», «Gústame que me lembres en galego»… son mensaxes potentes que merecen ser compartidas. Participar nesta iniciativa é outro motivo máis para viaxar esta fin de semana a Pontevedra e pasar un tempiño no magnífico Culturgal, que paga moito a pena.

Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.