Vigo, terra galega
Dedico o artigo de Faro de Vigo á celebración en Vigo do Día Nacional de Galicia:
Xa temos lembrado aquí a celebración do Día de Galicia en Vigo, o 25 de xullo de 1930, data na que o concello acordou que por vez primeira se izase a bandeira de Galicia na varanda da casa do concello. Referida nos xornais vigueses como «gran data galega» ou «Día Noso», quedou para a historia que Faro de Vigo abrise cunha espectacular portada ilustrada e nos seus interiores utilizase o galego no 8,30 % dos seus textos, o que entón constituíu un fito xornalístico, mentres o seu competidor, El pueblo gallego, titulaba: «Vigo foi o centro espritoal de Galiza». Unha xornada, na que se interpretou música galega nos bares e cafés, que comezara ao mediodía cun mitin galeguista no teatro García Barbón, continuou cun xantar de fraternidade na Barxa e rematou cunha convocatoria vespertina da Agrupación Artística, presidida por Urbano R. Moledo. Actos nos que se cantou o espírito emprendedor vigués e nos que os oradores en intervencións memorables expresaron o seu convencemento de que Vigo, a cidade galega moderna por excelencia, encabezaría o proxecto político galego. O que o escritor Álvaro das Cosas resumiu de forma profética: «de Vigo, terra galega, pese a todos os tópicos, patria de Martín Codax aberta aos países ultramarinos, sairá o impulso que ha de lanzar aos galegos pola liberdade de Galicia».
Celebración do Día de Galicia en Vigo –efeméride que dende 1979, coa chegada da Autonomía, será chamada Día Nacional de Galicia– recuperada dende 1992 pola alcaldía do socialista Carlos G. Príncipe, que gobernaba en coalición cos grupos municipais do PSG-EG e BNG. Convocatoria dunha ampla recepción cidadá (coa presenza dos grupos municipais e do tecido asociativo e veciñal) no serán do 24 de xullo no xardín inglés de Castrelos na que a alcaldía convidaba a unha figura galeguista a redactar e ler no seu nome un bando sobre o significado da efeméride e a súa relevancia para Vigo. Textos que, se non me engana a memoria, escribiron nas primeiras edicións Francisco Fernández del Riego e Víctor F. Freixanes, encabezando unha relación de nomes dunha iniciativa e dun protocolo, que nas últimas tres décadas organizaron as alcaldías viguesas de todas as cores políticas (socialistas, nacionalistas e populares), transformada así en nova tradición viguesa e nun modelo de achegamento entre os grupos municipais da corporación e a sociedade civil. Xuntoiro cívico vigués que non foi convocado este ano, como sucedeu tamén nos dous últimos, despois de ser adiados a setembro, o que imaxinamos obedece a decisión da alcaldía actual de prescindir da celebración desa «gran data nosa» (dende hai case un século), ese día de festa da cidadanía galega, polo tanto, tamén, da veciñanza viguesa.
Non fai falta ser catedrático de Sociolingüística para entender que a teimosa preferencia da alcaldía viguesa e dos membros do seu goberno de empregar só o castelán como a lingua das súas comparecencias diante dos medios ou de non programar no palco privilexiado de Castrelos a grupos de música actual ou tradicional que utilizan o galego como a súa primeira lingua, obedece ao prexuízo estudado de considerar o emprego da lingua galega como unha marca propia do comportamento dos nacionalistas ou de persoas de escasa formación. O que sabemos é falso, como deformantes son as lentes que se utilizan á hora de valorar o sentido da celebración do Día Nacional de Galicia, efeméride vinculada desde a súa creación en 1919 pola segunda asemblea das Irmandades da Fala coas reclamacións galeguistas.
Xaora, por atractivo que puidese parecer electoralmente o discurso arredista e vitimista dun Vigo alleo a Galicia, á súa lingua e á súa cultura, sabemos que é incompatible coa identidade forxada pola cidade actual ao longo de dous mil anos. Vigo é terra galega de seu, non pode nunca renunciar a ningunha das hélices do seu ADN que conteñen todas as galicias posibles (industrial, marítima, pesqueira, agrícola…), o que o mestre X.L. Méndez Ferrín denominou «Vigo como cifra da Galicia contemporánea». Vigo non pode renunciar a liderar o proxecto industrial e económico do norte peninsular, o que o filósofo Antón Baamonde chamou «Nova Olanda», ou se queremos recorrer ao pasado, debe asumir o peso que as Terras de Turonio tiveron naquela Vella Gallaecia que ía do Douro á Mariña. Nin Vigo pode renunciar a contar co peso que por poboación e achega lle corresponde no autogoberno galego actual, nin conformarse a perder a lingua do seu primeiro poeta Martín Codax nin o espírito innovador, creativo e crítico dos seus artistas como Enrique X. Macías, Ramiro Fonte, Francisco Mantecón ou Berta Álvarez Cáccamo, entre tantos outros. Ese Vigo, terra galega de seu, líder económico e artístico da vella Gallaecia é o que cómpre volver celebrar colectivamente cada 25 de xullo.