Listado de la etiqueta: axóuxere

45 anos de «Vagalume»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos 45 anos que se fixeron da aparición do primeiro número da revista infantil Vagalume:

Unha das sorpresas dos meus Reis deste ano foron sete exemplares da primeira etapa de «Vagalume», un agasallo dun meu amigo moi xeneroso que coñece a miña paixón polas publicacións infantís en galego. Confeso que tan extraordinaria e emocionante regalía provocou o interese por volver sobre aquela revista infantil en galego cuxos dous primeiros números apareceron no mes de xaneiro de 1975, ano no que morreu o ditador. Nun eido onde apenas existían os precedentes daquelas catro páxinas da revista «As Roladas« (1922), escritas por Cabanillas e ilustradas por Castelao e de «Axóuxere» (1974), suplemento infantil de «La Región» dirixido por Paco Martín, aqueles 46 números de «Vagalume», publicados ao longo de pouco máis de tres anos supuxeron polo seu alcance e calidade artística e material un fito pioneiro tanto para o campo cultural galego como tamén para a galeguización dos picariños e crianzas, sen esquecer a súa achega ao desenvolvemento do cómic e dunha literatura en galego dirixida para elas.

A historia do nacemento de «Vagalume» expresa unha creación de intelixente sutileza e xeneroso voluntarismo para a causa da galeguización educativa que naqueles días do Tardofranquismo, tras a aprobación do Plan Galicia (1969) e da LXE (1970) comezaba a ser timidamente consentida. Xosé María Méndez Domenech, principal promotor da publicación, un dos activistas do 68 compostelán, tras unha condena do TOP e o seu paso polo cárcere (1972), procurando a revalorización cultural do galego no mundo rural, concibiu o proxecto inicial dunha publicación infantil co nome de «A Tixola». Unha idea que comezou a ser difundida a través dos Coloquios Europeos de Parroquias, un movemento de sectores cristiáns que intentaban vivir unha fe inculturada en Galicia, e doutras instancias do profesorado galeguista que foron capaces de vencer os obstáculos para a inscrición dunha publicación periódica en lingua galega. Unha revista para a que Lumeiro S.A, a empresa editora, escolleu o nome de «Vagalume» coa intención de asociar ao coleóptero capaz de acender luciñas na noite (en galego tamén chamado lucecú, lucerna, verme de luz ou pirilampo) coa idea do futuro da lingua nos beizos dos cativos nosos. Unha metáfora visual que non perdeu forza ningunha.

Os números que recibín corresponden todos ao segundo trimestre de 1975, cando era dirixida por Marta García de Leániz, tiña a súa sede en Santiago, estaba impresa en Vigo por Artes Gráficas Galicia, ofrecía vinte páxinas, era supervisada polo Instituto da Lingua Galega da Universidade, aparecía con periodicidade quincenal e contaba (marzo de 1975) con 1.300 subscricións, das que os dous terzos correspondían a centros escolares rurais. Unha cifra que chegaría ás 5.230 en outubro de 1977, o seu momento de maior difusión, meses antes de que a directora fose substituída polo profesor Xosé Fortes Bouzán, antes membro da UMD (Unión Militar Democrática), e a publicación se asentase en Pontevedra até a súa desaparición (tragada polas perdas) en maio de 1978 cun número dobre, o 45-46, dedicado as Letras Galegas, no que se insería unha mensaxe de despedida non exenta de esperanza: «Adeus nenos. Que sexa deica logo».

Pasadas catro décadas daquel estoupido de entusiasmo, cando os nenos e nenas que participaban nos seus concursos, escribían as súas cartas e publicaban os seus contos, debuxos ou retratos en «Vagalume» xa teñen máis de cincuenta anos, a pesar de certa inxeleza a revista non perdeu nin a súa aura nin o seu valor. Se repasamos aquelas páxinas identificamos algúns dos contidos que despois se desenvolveron nunha escola en galego. Unha ampla relación de temas dende a vida das bolboretas de Galicia, pasando pola construción dun laboratorio meteorolóxico, a celebración do entroido, os xogos tradicionais e contos populares até os episodios principais da nosa historia e os lugares e accidentes da nosa xeografía. Páxinas nas que atopamos tamén contidos de matemáticas en galego, textos para os máis pequenos de Xosé Neira Vilas (daquela traballaba na Habana como redactor xefe da revista infantil «Zunzún») e varias planas de banda deseñada dos escritores Gonzalo Navaza, Jorge Llorca ou de Pablo Rodríguez «Oitabén», entre outros moitos.

Como non perderon valor as dúas páxinas dedicadas a Castelao no número 12 (xuño 1975) con motivo do 25 aniversario do seu pasamento, preparadas polo propio Ramón Piñeiro e ilustradas por Siro. Como premonitorio é o editorial no que se comenta a aprobación do decreto (maio 1975) polo que se incorporaron como materias optativas do Ensino Xeral Básico as linguas vernáculas, feito que a revista celebra, a pesar de que recoñece que «aínda hai moito camiño que percorrer». 45 anos do esforzo pioneiro de «Vagalume» non poden ser inútiles.

 

Onte 1327: En Lugo con Paco Martín

paco_martin_lugo_16-05-2015
Onte na presentación na Feira do Libro de Lugo d’ A rula, o peluche e a nena, o conto de Paco Martín ilustrado por Belén Martín Franco, lembramos dous importantes aniversarios: os corenta anos transcorridos da publicación de Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento de La Región en galego promovido por Martín, no que participaba o seu amigo o ilustrador Xoán Balboa; e os trinta da publicación Das cousas de Ramón Lamote, a novela coa que gañaría un ano despois o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, adral dun subxénero que dende entón se desenvolvería con ansias de normalidade.

XG00234601Na presentación, Paco confesou que «este foi o conto que un avó fixo para cumprir o seu papel básico, que non é outro que o de contar.» «Cando eu escribín este conto, Jimena, a miña única neta, estaban por nacer e pedinlle a súa tía que o ilustrase.» «É o conto dunha rula, Airosiña, que non quería emigrar, xa que quere coñecer o segredo da vida. Isto vaille provocar problemas para sobrevivir as baixas temperaturas. Quixen lembrarlle aos pequenos que a rula pasa o mar. Teño predilección polas rulas, dende os vinte anos, cando en Cádiz vin ao pé do mar que había cantidade de xente apuntando para matalas ao seu paso, era tremendo. Pensei que xa non quedarían rulas que chegasen a Lugo!!!» «A rula representa a ansia de liberdade, que tamén ten o peluche, que vive arrombado no cuarto da nena, mais ao que lle gustaría viaxar e coñecer o mundo, o que conseguirá grazas a axuda de Voandeira, outra rula viaxeira. Pensei que a rula e o peluche facían unha simbiose bastante agradable.»