Artigos

Onte 937: «As meigas de Lupa», o booktrailer

Espectacular é o booktrailer preparado por La Cosa Gráfica para o libro As meigas de Lupa de María Solar. Sobre a base da BSO de David Alonso Garzón, o equipo de Julio C. Seijas utilizou a técnica do teatro de sombras e dos libros pop up para recrear algunhas das secuencias da novela. Sobre fondos de papel recortado, os actores do grupo Achádego de Lugo recrearon os personaxes da obra. Poucas veces a edición dun libro (en papel e epub) convocou tantos elementos que contribúan a súa visibilización, unha banda sonora orixinal completa, un booktrailer con participación de actores e coidado tratamento da imaxe e unha exposición de espírito didáctico sobre este proceso no Museo Interactivo de Lugo. É difícil para o editor atopar as palabras para expresar a súa gratitude pola xenerosidade e o talento creativo de tantas persoas participantes nos tres proxectos arredor deste libro de María Solar. Beizóns.

Onte 634: A BSO das meigas de Lupa

É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.

Onte 378: Aid

A pesar das magníficas intervencións de Fran Alonso e María Solar, a estrela da presentación d’ As meigas de Lupa foi Aid. Abondoulle á rapeira viguesa frasear con toda a súa forza e convicción contaxiosa un tema sobre a bretemosa noite da nosa cidade. Os seus rapoemas, nos que adapta aos ritmos da música urbana algúns poemas dos nosos clásicos, como os seus temas propios, expresan unha vibración esperanzadora e un futuro compartido polas novas xeracións para a lingua e literatura galegas. Benvida Aid e a súa disruptiva presenza no noso panorama literario. Merece todas as nosas beizóns.

Onte 287: As meigas de Lupa

O salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Compostela quedou pequeno para acoller aos aistentes á presentación d’ As meigas de Lupa, a primeira novela xuvenil de María Solar. Magnífica foi a lectura que realizou Xurxo Ayán que comezou definindo a obra como «un libro de servizo público» para lembrar despois a importancia de contar con relatos en galego sobre feitos protohistóricos galegos, algo que non existía hai 25 anos cando el era un lector novo. O arqueólogo salientou que o libro de María Solar «pon faciana ao noso pasado, xa que mesturando cultura e mito sabemos como se vivía aquí hai dous mil anos. A literatura e o relato histórico científico que realizamos os arqueólogos son o mesmo relato». Rematou Ayán reiterando «o carácter de servizo público deste relato de lectura sinxela e engaiolante, mais de construción narrativa complexa» e lembrando unha frase que Álvaro Cunqueiro pronunciou no seu discurso de entrada na RAG: «Temos futuro se seguimos crendo en tesouros, ananos e meigas». María Solar comezou o seu discurso confesando que «estaba condenada a escribir este libro, xa que foi educada entre mitos e lendas que lle contaba a súa nai. «Quixen transmitir esa riqueza tremenda da tradición». Referiuse logo a xénese da obra e o esforzo de documentación na reconstrución minuciosa da vida nos castros. Rematou referíndose a que non sabía se existiu ou non a Raíña Lupa, mais si que »estaba acreditado que daquela existiu unha muller de poder». Pechou a presentación Fran Pérez «Narf» que interpretou a «Nana de Ze Mambico». Fermoso serán de comezo de verán.