Listado de la etiqueta: anxo_quintana

Marta Souto

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao pasamento de Marta Souto:

Marta Souto pasará a historia de Vigo polo seu traballo como primeira técnica de normalización lingüística do concello de Vigo dende 1992. Funcionaria comprometida co servizo público, será lembrada polas iniciativas que promoveu como a campaña «En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai», iniciada no curso 1991-1992, na que colaboraban a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta e o concello de Vigo. Deseñada polo escritor Agustín Fernández Paz e destinada aos centros educativos vigueses pretendía modificar os prexuízos existentes no alumnado e familias arredor do uso e do status do galego, ademais de achegar aos docentes recursos para empregalo como lingua vehicular.

Unha campaña pioneira, que iniciaba tres décadas de colaboración cos centros escolares aos que dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) achegaba propostas de dinamización coas que pretendía vincular a tradición coa contemporaneidade, ao tempo que, como salientou a necrolóxica publicada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), da que foi socia fundadora, «transmitir á mocidade unha visión en positivo da lingua galega». Froito desta angueira foi a creación do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) coa intención de poñer en valor a tradición oral e as novas formas de improvisación, como facía nos obradoiros que organizaba de regueifa, rap e beatbox.

Traballo de fomento do uso do galego que desenvolvía tamén sobre outros eidos que o Plan de dinamización lingüística de Vigo (2007) consideraba estratéxicos (o funcionamento do propio concello, os medios de comunicación, a inmigración, entre outros) coa intención de «facer normal o uso do galego en calquera ámbito da sociedade viguesa». Propósito co que o SNL colaborou de forma continuada coa Universidade de Vigo, fose coa realización de estudos sociolingüísticos como da publicación da colección «Toponimia do Val do Fragoso», iniciada en 2008 co volume de Coia de Iván Sestay Martínez, e da que xa se levan publicadas sete entregas doutras tantas parroquias viguesas. Enfoque colaborativo que Marta imprimiu a outras actividades promovidas polo seu servizo nos mercados municipais e comercios locais, nos programas de fomento da lectura en galego, como «No Nadal… un conto» e «Libros ao sol», no programa Apego de acollemento, na organización da formación en lingua galega, como nos cursos básicos «Achégate ao galego» ou no programa «En galego tamén outros mundos».

Debemos a súa intelixencia emocional e empatía o deseño das accións que consolidaron o uso do galego en Balaídos, iniciado polo speaker durante os mandatos da alcaldía de Manuel Soto, como a tradución do himno celeste ao galego ou a campaña «Gústame o galego de primeira», adaptación dunha iniciativa creada pola CTNL contando coa implicación do RC Celta SAD. Celtista afouta de vella raigame viaxou con aquel Celta de entre séculos, que asombraba nos estadios europeos, e foi comentarista lúcida e rigorosa nas súas intervencións na tertulia celtista semanal de Radio Vigo. Delegada provincial de Cultura durante o goberno bipartito (2005-2009) formou parte do equipo de Anxo Quintana (BNG), sendo a primeira muller que rexeu o deporte galego como directora xeral. Responsabilidade na que loitou arreo pola igualdade real no deporte, concretada na creación da selección feminina de fútbol, que debutou fronte a Catalunya en Balaídos en 2007, e no apoio á creación do colectivo Mulleres Deportistas Galegas. Sen esquecer o seu labor discreto que permitiu que Galicia formase parte da Declaración de San Mamés (29/12/2007), asinada por Ánxela Bugallo cos responsables deportivos de Euskadi e Catalunya, solicitando o dereito das súas seleccións deportivas a participar nas competicións internacionais.

Lembro con saudade a Marta Souto nas reunións que compartimos no Consello Social da Lingua nas que decote valorabamos con inquedanza os datos sobre o estado da lingua na cidade e o devalo do seu uso habitual por parte dos corporativos, incumprindo a modélica Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de 1989. Para quen fixo do fomento da lingua galega unha causa de vida, doíanlle estes datos que representaban un retroceso moi decepcionante. Por ventura, sei que a pesar da crueldade da súa doenza viviu con entusiasmo estes meses esperanzados do Celta de Marián e Claudio, un Celta de canteira de xogo propositivo e un club vinculado e comprometido co país e a súa lingua como ela defendía. Foron a igualdade, a lingua e o deporte os afáns principais de personalidade xenerosa como a de Marta Souto. Afouta pioneira en todos eses eidos, tras o seu prematuro pasamento, merece ser recoñecida polo concello de Vigo como a modélica funcionaria pública que foi.

Onte 1243: Somos Nós

somos_nos_21-02-2015O éxito da presentación de Somos Nós onte en Compostela expresa que unha parte da sociedade galega nin se resigna nin está disposta a que Galicia desapareza como suxeito político. Baixo a forma dunha asociación, este movemento cidadán proponse como o seu primeiro obxectivo acadar que Galicia recupere a súa centralidade na axenda pública, asumindo no transversalismo, na independencia dos partidos polítcos e na pluralidade ideolóxica e diversidade xeográfica dos seus membros unha nova forma e entender a intervención política no noso país. Nesa idea insistiu Anxo Quintana que ao comezo da súa intervención aclarou que «Somos Nós non é un movemento para unir ou refundar o nacionalismo, xa que a súa misión é moito máis ambiciosa: unir a todos os galegos e galegas ás que lles importa Galicia.« Recuperar a autoestima, a esperanza e a dignidade, confiar nas posibilidades propias, acadar que o compromiso co país sexa unha idea hexemónica na nosa sociedade, marcar unha liña entre a vella e a nova política foron ideas presentes nas intervencións dos promotores da nova iniciativa que pretende continuar a tradición das Irmandades da Fala e de Nunca Máis. Aí estaremos, contribuíndo dentro das nosas posibilidades a darlle pulo.