Listado de la etiqueta: antonio_seijas

Onte 1982: Presentación de «Fóra do normal» de María Reimóndez na Feira do Libro de Vigo

Excelente foi a presentación do serán de onte na Feira do Libro de Vigo de Fóra do normal, a novela de María Reimóndez gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Eric Dopazo e Fran Alonso acompañaron á autora diante de medio cento de persoas que participaron activamente na sesión.

Comezou Fran Alonso lembrando o pasamento de Xabier P. DoCampo, membro do xurado que outorgou o premio a Fóra do normal, ao que cualificou como unha das maiores figuras da literatura galega do noso tempo. A seguir encadrou a novela como «outra obra que continúa o compromiso de Reimóndez coa literatura para construír o mundo, para intervir nel, literatura que quere facer da diferencia normalidade, porque a diferencia é o que caracteriza o mundo». «Do que fala Fóra do normal é da capacidade que temos para recoñecer a diferencia, a nosa propia identidade. Un libro,sobre a identidade transxénero, que pon o valor sobre a anomalía desa diferencia. Ilustrado por Antonio Seijas nos interiores e na cuberta, as súas imaxes que remiten a superheroes e superheroínas, como a propia autora, constitúen o pano de fondo dunha novela que conta a vida de André, un mozo transexual, que vive a súa identidade como un feito problemático, tanto socialmente, sexa no ámbito escolar, no insttuto de Teis, como na súa propia familia, sobre todo pola difícil relación co seu pai».

Continuou o director de Xerais falando dos personaxes. Comezou polo de Mucha das Antas, «que lembra moito a outro personaxe de María, a Gaia de En vías de extinción, un personaxe o desta rapaza que chega de Ribadeo que reivindica toda esa forza e todo ese valor da cultura rural, da terra e do sabor de quen sabe está apoiado por unha cultura ancestral, con orgullo e fachenda. Mucha ten unha personalidade arrolladadora, moi marcada, o que levará a que André se sinta nalgún momento intimidado. El está afeito a vivir co acoso, razón pola que ese encontro con Mucha o vive con certa controversia persoal». Seguiu Fran sinalando que «ao longo da novela vaise conformando unha patrulla trans formada por outros dous personaxes: Xela e Martín. Xela é a rapaza guai, a rapaza popular, a que ten éxito. Martín ten certo perfil de acosador pero tamén de vítima dunha carencia afectiva dentro da súa familia. Catro personaxes que están fóra do normal, que non encaixan no ambito que os rodea, por ser distintos. Mais ao mesmo tempo son personaxes, sobre todo o de André, que manteñen un paralelismo cos superheroes e superheroínas do cómic que pululan polo libro, eses personaxes chegados a través da banda deseñada e a televisión que supoñen un referente para eles. Un referente que os reforza xa que son persoas irredentas, que se acaban rebelando contra as convencións sociais. Os personaxes do cómic axúdanos a comprender o espazo no que habitan, a aceptar a súa forma de ser, de pensar e de relacionarse cos demais e, polo tanto, a superarse».

Salientou Alonso «a evolución psicolóxica de todos os personaxes está moi ben acompasada cos acontecementos narrados, o que require por parte da autora unha gran sensibilidade para poñerse na pel dos demais, de asumir a forma de ver o mundo e sentir a outras persoas. María Reimóndez intenta ofrecer un mundo biodiverso. É unha autora que concibe a literatura como unha ferramenta de transformación social. Os seus libros están concibidos para facernos reflexionar, para obrigarnos a pensar, para provocar o debate social e persoal dende a intervención literaria. A literatura como intervención, pero tamén como pracer». Rematou Fran Alonso salientando que «o libro está escrito, como todos os libros de María, dende a esperanza, que é o motor que move o mundo, que fai que as persoas diversas poidan ter un lugar neste mundo».

Continuou a presentación cunha conversa entre Eric Dopazo e autora, no que participou tamén o público, e na que se foron lendo anacos da novela. Dopazo comezou a súa intervención sinalando que «este libro non é só para persoas diversas, é tamen para persoas canónicas ás que convida a reflexionar sobre a súa propia diversidade». Despois de conversar arredor do papel dos superheroes como fío condutor da novela, Dopazo e Reimóndez o fixeron sobre a abordaxe da diversidade en Fóra do normal. Para a autora «a diversidade é fundamental na novela non só referida ao corpo, hai tamén outras diversidades, como a da lingua, dende o punto de vista dialectal; como tamen se propón unha reflexión sobre a linguaxe sexista dende o punto de vista do xénero e das identidades».

Falaron despois dos corpos, das concepcións que temos dos corpos, das identidades e de todas interseccións existentes entre elas. María Reimóndez confesou que «todos os libros, polo menos os meus, están escritos dende a realidade. Nesta novela traballei con personaxes e persoas que coñezo, con referentes próximos, o que é importante para todo o que escribimos. O personaxe de Mucha está construído con moitas das rapazas coas que convivín en Vilalba, rapazas do rural que tampouco encaixan, sendo vistas como brutas ou persoas pouco intelixentes, de forma despectiva, un estereotipo que sempre moito me irritou».

Seguiu Reimóndez sinalando que «o libro parte da realidade e da súa diversidade. Son consciente de que existe unha fenda entre a literatura e o que vivimos, a realidade é sempre mais diversa ca literatura, que por desgraza non acolle a todas as identidades nin a todas as orixes nin sequera a nosa propia lingua. Creo que a literatura ten un papel moi importante á hora de conformar outros modelos de sociedade, as formas de ser e de estar no mundo. Este libro bebe de todo isto, personaxes que viven fóra do normal, que esa é a esencia de ser superheroes ou superheroinas, non hai ningún deles que sexa normal porque non tería nada de particular nin faría nada extraordinario».

Remataron a conversa Eric e María falando arredor do conflito entre o que Dopazo definiu como «corpo conflito» e «corpo fogar». Confesou Eric que «hai dez ou quince anos ter este libro na miña mesiña de noite teríame sido de gran utilidade». A este teor, Reimóndez sinalou que «quitando os corpos normativos, homes, brancos, cis, heterosexuais, a todas as mulleres, sexan cis ou trans, se nos pon constantemente en conflito co noso corpo, se nos obriga a pasar por unhas rodas de consumo, por entrar nuns cánones de beleza moi concretos, e iso provoca que permanentemente vivamos en conflito co noso corpo. Moitas veces o acto máis revolucionario é querer ao propio corpo e se cadra ser heroína e non levar esta roupa [a autora vestía nese momento un traxe de superwoman] e voume cambiar de superheroína a heroína real [a autora vestiu unha bata tradicional].» «A novela é unha reflexión sobre heroes e heroínas, é necesario desfacernos dos corpos e dos traxes e pasar a reagrupar outros traxes e outras identidades que son as que realmente resultan heroicas», rematou.

Onte 1813: a colleita das Fervenzas Literarias 2016

Fervenzas-1024x775

Seguin por twitter ao longo do día de onte o anuncio dos resultados das votacións dos premios Fervenzas Literarias que escolle os mellores libros, iniciativas e persoas máis destacadas de 2016 no eido da literatura e do sector editorial en lingua galega. Non podo máis que agradecer a Nacho Alonso, o promotor desta revista literaria pioneira, a súa teimosía en continuar organizando, xa dende hai unha década, estas votacións nas que participan case medio milleiro de internautas. Referentes no noso calendario literario, os “Fervenzas” abren a rolda de premios anuais á obra editada e sabemos que, en boa medida, sinalan as tendencias das escollas posteriores.

No que atinxe ao noso traballo quedamos ben satisfeitos coas escollas destas Fervenzas 2016, tanto polo número moi elevado de finalistas en todas as modalidades, como polas catro títulos considerados como “mellor libro de ano” na modalidade infantil, Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas; na xuvenil, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas, que obtén un dobrete; en poesía, Os fillos da fame de Isaac Ramos; e en ensaio-investigación, Historia das historias de Galicia, obra colectiva dirixida  por Isidro Dubert. Como tamén é unha gran satisfacción que Diego Giráldez fose escollido como “mellor autor do ano“, e que o seu libro de relatos Galería de saldos obtivese a segunda posición na modalidade de Narrativa, detrás d’ A ferida do vento do noso admirado Antón Riveiro Coello. Escollas que amosan o peso importante que dentro do noso sistema comezan a ter os membros da Xeración da Esperanza, como Ledicia, Ismael ou Diego, que está achegando azos renovados a nosa literatura. Unha noticia a celebrar.

Tamén foron ledicias nosas, os premios ás dúas mellores capas do ano, tanto a que obtivo na modalidade de LIX Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, preparada por Andrés Meixide, como a de Galería de saldos, deseñada por Antonio Seijas, na modalidade de adultos. Como foi unha satisfacción que Culturgal fose considerado como “o mellor acontecido de 2016“, como sucedera tamén o ano anterior, o que sei constitúe un aliciente para o equipo dirixido por Xosé Aldea e para todos os setores da industria cultural que animamos á asociación Culturgal. Como tamén, desculpas polo autobombo, constitúe para min unha fachenda que estas Brétemas, a pesar dos doce anos transcorridos, continuasen sendo valoradas nas votacións, a pesar de non ser estritamente un blog literario.

Todos os premiados e todos os finalistas destas Fervenzas 2016, os autores (só foi unha autora premiada, se ben en dúas modalidades), os ilustradores, os tradutores, os críticos, os editores, os blogueiros, os libreiros, os xornalistas, os medios, todos merecen os nosos parabéns pola excelencia do seu traballo e pola súa achega a conformar un espazo de seu para o libro, a lectura e a literatura galega, cada vez máis vizoso, orixinal e diverso. A pesar de vivirmos á intemperie, a excelente colleita destas Fervenzas 2016 expresa a vitalidade do libro galego e a vontade de ampliar os seus públicos.

Onte 1744: Agustín, o mestre de soños

capaLuzes33-34A providencia laica provoca coincidencias fortuitas que nos emocionan. Onte coincidiu a publicación na rede do catálogo de obras de Agustín Fernández Paz en Xerais, que coidou con tanto agarimo Celia Torres, coa aparición do número 33-34 da revista Luzes que dedica a portada ao mestre Agustín e inclúe artigos sobre a súa figura do xornalista César Lorenzo, do escritor Xabier Docampo e unha lembranza miña como editor. E se non abondasen as coincidencias, onte tamén enviamos a fabricar a «edición cen mil» de Cartas de inverno, ilustrada por Antonio Seijas, e O soño do Merlo Branco, unha nova versión do conto publicado en 1999 pola editorial Everest, desta volta ilustrada por Lucía Cobo, dúas obras revisadas por Agustín durante os seus últimos meses. Coincidencias que nos provocan saudades, un baleiro de ausencia imposible de agochar, mais tamén nos obrigan a enxergar o horizonte como con certeza el faría. O mestre de soños sempre ao noso carón.

Onte 1692: “Galería de saldos”, booktrailer interactivo

XG00255001Entusiasmoume o booktrailer de Galería saldos, o libro de relatos co que Diego Giráldez debuta en Xerais Narrativa. O espectacular traballo, dirixido por Antón Veiga e realizado por Mon Moares, leva este tipo de pezas audiovisuais, destinadas a contribuír a facer máis visible o libro e compartir as lecturas, ao territorio da interactividade e a realidade virtual, que aínda non fora explorado polos produtos literarios en galego. Un booktrailer interactivo que coa axuda do rato ou movendo o móbil ou a taboíña permite percorrer virtualmente, nunha experiencia de 360 graos, unha galería de arte na que se pode visitar e descubrir as ilustracións de Iago Sánchez Losada, que interpretan e reinventan as obras de arte que deron pé a cada un dos relatos do libro de Giráldez, enmarcados na memorable portada creada por  Antonio Seijas. Un traballo presentado no festival Cans, que por vez primeira dedicou un espazo a este tipo de obras, cuxa peza pioneira, Os libros arden mal, publicou Xerais en decembro de 2006.

Onte 773: Cos dous Antonios en Pontedeume

É un feito esperanzoso o relevo xeracional que comeza a producirse na nosa produción cultural. Onte presentamos en Pontedeume, a que para min sempre será a vila d’ Os meus ollos de Ramiro Fonte, O Castañeiro de Abril, o premio Merlín 2013. Os dous Antonios nacidos na ría de Ares no ano 1976, Fraga, o autor deste magnífico texto, e Seijas, o ilustrador e membro do xurado, amosaron que a LIX galega ten unha extraordinaria canteira. Os máis dun cento de participantes na presentación quedamos axiña engaiolados co discurso profesional de Seijas relatando a súa experiencia na procura da alma dun texto que dende a súa primeira lectura considerou moi rico visualmente. E abofé que Seijas conseguiu que o seu trazo persoal e a súa maxistral utilización emotiva da cor e da luz impregnasen unha tan fermosa historia de superación e de dignidade persoal. Secasí sucedeu coa de Fraga que presentou con moita retranca os ingredientes principais –o deseño do protagonista (o cego Baltasar) e das antagonistas (as malvadas tías Garabullo), así como a elección do narrador (o inesquecible Buto, o cirurxián do calzado– utilizados nun relato que pretendeu que os lectores identificasen coma «un conto moi conto». Unha historia que salienta e reivindica a importancia das cousas miúdas, aquelas ás que aparentemente non lle concedemos importancia, «aínda que adoitan ser a principal orixe dos nos desgustos e satisfaccións». Dúas excelentes intervencións á altura dun libro deses que van quedar; unha obra que aventuro terá unha grande acollida de crítica e lectores nos vindeiros meses. Saín moi satisfeito da vila eumesa cruzando os ollos da ponte, aínda que non puiden evitar un leve recendo de saudade.

Onte 764: Na Biblos de Betanzos

Acompañamos a Antonio Seijas na presentación de Cartas de inverno. Novela gráfica na Libraría Biblos de Betanzos. Foi un serán magnífico no que compartimos falares e pesares con Tucho Calvo e Carmela González, os promotores desa fantasía cultural que é Biblos. Coa apertura da libraría, o ate agora club do libro e editorial completa o seu modelo de creación, distribución e promoción do libro e do produto cultural galego. Gustei moito do modelo de libraría escollido, no que unha clara especialización no libro e disco galego se combina cunha escolla coidada de fondos literarios en castelán. Gustei do arranxo espacial e do deseño dun mobiliario multifuncional capaz de transformar nuns minutos a libraría nunha auténtica aula de cultura ou sala de exposicións. O programa de actividades completísimo (presentacións, obradoiros, cursos…) expresa a vontade dos libreiros de facer da libraría un referente cultural dinamizador. A pouco que progrese a recuperación urbana do casco vello de Betanzos (o emprazamento da libraría é extraordinario), e a pesar dos malos agoiros e incertezas dun sector en tránsito, aventuro un futuro prometedor para unha das novas librarías máis esperanzadoras do país. Se sempre é recomendable ruar e petiscar pola vila dos cabaleiros, agora tamén o é para visitar a libraría e espazo cultural Biblos. Parabéns e maior fortuna para o emprendemento de Tucho e Carmela!

Onte 662: «Inmaterias» de Suso de Toro

Outro serán excelente na Feira do Libro de Vigo. Unha marabilla! Moito público nas asinaturas de Agustín Fernández Paz e Xabier Paz e nas presentacións de Cartas de inverno, a novela gráfica de Antonio Seijas, e Inmateriais, o novo libro de Suso de Toro.

Moi interesante foi a intervención de Suso de Toro na presentación de Inmateriais. Comezou cualificando o libro como «un acto político». «Inmateriais leva dentro un argumento político, presento o meu país como me sae de dentro. Non pretende ser un libro de investigación. Son trinta narracións, trinta vidas». Explicou despois a xénese máis profunda do libro. «Tras trinta anos como autor dinme conta que un se fai dono da súa vida cando se fai relato. A vida vivida con profundidade pode ser relato. Só cando tes a vagar e o acougo, a posibilidade de verte dende fóra e, ademais, o podes contar, que é o traballo do escritor, pode comprenderse verdaeiramente o destino da vida. A vida é un conto. A literatura é unha forma de estar na vida».

Referiuse despois a súa condición como autor. «Quen son eu? Un rapaz ao que os seus avos maternos dicían “o ghalleghista”. Tiven e teño unha querenza por enlazar coa vida dos meus avós campesiños, mais tamén coa música dos Tamara, dos Beatles ou dos Rolling Stones. Quixen enlazar cos meus avós e co meu tempo. Coñecín o mundo do silencio, tamén despois o da radio e o da televisión. Foi unha viaxe rápida dende o mundo oral ao actual dixital dos medios de comunicación. Mais tamén fun un neno fantasioso e soñador. Fun un adolescente militante, a miña primeira cita clandestina foi no 72, son fillo do 72, daqueles conflitos de Ferrol, onde mataron a dous obreiros, de Santiago, onde morreu un estudante, das folgas de Vigo daquel ano. Foi toda esa memoria a que me fundou. Deixei a vocación artística de lado. Dende entón partellei a vocación literaria coa da acción social, sempre dende o compromiso co meu pais. Teño sido sindicalista agario e obrero. Teño traballados en moitos oficios. Teño servido moitos viños e cafés. Iso formoume. Con todo iso escribín este libro no que busquei o sentido de cada unha destas vidas. Ningunha delas é unha biografía exhaustiva, a pesar de que me documentei até que comprendín a razón de cada unha delas. Fixen o esforzo de comprendelas a cada unha delas. Intentei identificar o dilema de cada unha destas figuras, que participaron na construción do país».

Rematou o seu discurso Suso de Toro facendo referencias a algúns dos retratos do libro, dende a polémica entre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, a inclusión de figuras como Torrente Ballester ou Maruja Mallo, a súa devoción por Xelmírez («o verdadeiro fundador político do reino de Galicia»), ou a súa admiración por Antolín Faraldo («o fundador da Galicia moderna, o artífice da revolusión de 1846»).

Gazpacho por Antonio Seijas

Gazpacho artwork by Antonio Seijas from Antonio Seijas on Vimeo.

Este traballo de ilustración de Antonio Seijas para os cedés do grupo noruegués Gazpacho paréceme excepcional. Parabéns para un dos nosos ilustradores con maior proxección internacional.

Onte 519: O Garaxe Hermético

Acompañar a Antonio Seijas na presentación da súa novela gráfica en Pontevedra permitiume coñecer as instalacións d’ O Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración dirixida por Kiko Da Silva. O Garaxe Hermético é, por incrible que pareza, outra desas fantasías posibles en Galicia. Un proxecto formativo privado que se está desenvolvendo grazas ao compromiso e o risco asumido por profesionais como Kiko Da Silva que cre nas posibilidades da industria cultural en Galicia. A calidade do cadro de profesorado, a excelencia dos seus cursos, a novidade das súas exposicións, as magníficas instalacións e recursos didácticos, todo está dirixido na escola pontevedresa a formar novos creadores gráficos. Gustoume a claridade coa que Da Silva definíu o seu proxecto formativo na presentación das Cartas de inverno de Seijas: «O Garaxe Hermético é un lugar onde se aprende e onde se ensina a contar historias utilizando os recursos da ilustración e da Banda Deseñada». Beizóns para Kiko e o seu cadro de profesorado. Longa vida para a fantasía d’ O Garaxe Hermético!

Onte 473: O Apalpador

Na nosa casa non chegou o Apalpador xa que non hai picariños para lle agarimar a barrigola. Porén, moito me prestaría que pasase pola nosa porta para nos contaxiar o seu espírito xeneroso, ventureiro e inconformista. Fronte os repunantes que cuestionan os saberes do pandingueiro, son dos que cre que é unha grande fortuna contar coa posibilidade de contribuír a acuñar e reinventar unha tradición laica de noso, capaz de convivir con outras arraigadas na nosa sociedade para celebrar o solsticio de inverno. Longa vida para o Apalpador!

A preciosa ilustración do Apalpador é de Antonio Seijas.