Artigos

O valor das abellas

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño:

Un dos fenómenos máis desacougantes provocados polo cambio climático e pola contaminación medioambiental é a redución alarmante da poboación de abellas. Un tema considerado global polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, que sitúa a estes insectos entre as especies en perigo de desaparición, o que ocasionaría consecuencias catastróficas para a saúde do planeta, na medida que as abellas son responsables principais da polinización, unha función ecosistémica das máis importantes da natureza, que afecta tanto aos rendementos de numerosos cultivos agrícolas como á conservación da flora silvestre. Un grave problema ecolóxico xa que as abellas, como sinala a profesora da Universidade de Vigo María del Carmen Seijo, son «uns animais que teñen moito que ensinarnos, tanto deles como da natureza que os rodea e da que dependen», xa que «participan nun 65% no mantemento da biodiversidade e nun 35% na produción da nosa alimentación».

Un devalo da polinización, un proceso esencial na reprodución sexual das plantas con flor, que os profesores da Universidade de Vigo Luis Navarro e Ángel Vale, membros do Grupo de Ecoloxía e Evolución das Plantas, atribúen a diversos factores todos eles de orixe humana, alertando ademais de que as abellas do mel non son ás únicas en perigo. Entre estas causas, que afectan a diminución e futuro incerto das colonias de diversas especies de abellas silvestres e raras (máis de mil en España), citan a destrución do hábitat modificado pola acción humana sobre a superficie terrestre, o que provoca danos na súa diversidade e na interacción das especies; a intensificación da agricultura e o uso de insecticidas e herbicidas, que afecta á aptitude dos polinizadores; a introdución de especies exóticas, que introducen patóxenos e doenzas; o cambio climático, que obriga a algunhas especies de abellas a migrar de altitude debido ás altas temperaturas; e a expansión da propia apicultura, hoxe en Galicia unhas cen mil alvarizas (tamén chamadas abelleiras ou abellarizas), que ocasiona sobreutilización dos recursos naturais, como o pole e o néctar.

Non hai dúbida de que as abellas en Galicia teñen importancia ecolóxica, económica e etnográfica, cunha forte pegada sobre a culinaria e a nosa cultura popular. No imaxinario galego, a abella é símbolo de actividade e de traballo, contando coa posibilidade de defenderse de quen lle roube o mel co seu aguillón unha única vez, o que axiña lle suporá a morte. Xaora, a mitoloxía galega tamén consideraba as abellas como animalias que viñan da lúa e que as ánimas dos defuntos tomaban a forma de abella cando regresaban do outro mundo, crenza da que se tirou o refrán: «quen mata unha abella ten cen anos de pena»; ao que se contrapón aqueloutro máis práctico: «se queres ter abellas, míraas polas Candeas (2 de febreiro), e se queres ter mel, míraas pola San Miguel (29 de setembro)». No fin de contas, o devalo das poboacións de abellas silvestres, que afecta a reprodución das árbores froiteiras e de plantas emblemáticas de noso, como a xesta ou o toxo, a menta ou o codeso, e pode minguar a produción de castiñeiros e algunhas legumes e hortalizas, inevitablemente provoca mudanzas da nosa paisaxe e pon en perigo a nosa produción agrícola e o equilibrio dos nosos ecosistemas.

A debilidade das colmeas e o perigo que corren as abellas silvestres, agravados en Galicia dende 2012 pola invasión da avespa asiática, as velutinas, constitúen outro síntoma da mudanza climática do planeta. Unha grave doenza que continúa denunciando nos foros internacionais a activista sueca de dezaseis anos Greta Thunberg, coma fixo hai pouco no Cumio Mundial de Viena, no que a cualificou como «o problema máis decisivo dos que afectan hoxe á humanidade», que non sabe de fronteiras e que obriga a acordos de todos os gobernos. Compromiso que reclama a mensaxe de Antonio Guterres, o portugués secretario xeral da ONU, con motivo da celebración este 5 de xuño do Día Mundial do Medio Ambiente, dedicado este ano a combater a contaminación do aire: «É hora de actuar con contundencia. A miña mensaxe aos gobernos é clara: gravar á contaminación, deixar de subvencionar os combustibles fósiles e deixar de construír novas centrais de carbón. Necesitamos unha economía verde, non unha economía gris».

Compromiso que asumen tamén esta semana os promotores do boicot a compra de produtos envasados en plástico dun só uso, que supoñen o 70% dos residuos mariños, coa intención de forzar ás empresas de distribución a que reduzan as súas embalaxes e utilicen prácticas máis sostibles. Outra iniciativa baseada no protagonismo das consumidoras que pretenden recuperar un planeta agónico onde continúe tendo valor o traballo insubstituíble dos milleiros de especies de abellas silvestres.