Listado de la etiqueta: ames

Plurilingües dende o galego

No artigo da semana en Faro de Vigo propoño unha reflexión sobre a necesidade dunha nova política lingüística escolar:

Os datos sobre o estado da lingua son alarmantes: dende 2003 a 2018 o galego perdeu 250.000 falantes, o que supón que as persoas galegofalantes habituais supoñen o 52 % do total da poboación, unha diminución do 10 % nese período. Cifras que en tramos de idade amosan unha fenda xeracional no uso da lingua inédita, xa que o 75 % das maiores de 65 anos son galegofalantes mentres que a porcentaxe diminúe até o 25 % nas menores de 15. Como desacougantes son os datos dispoñibles sobre a competencia adquirida polo alumnado galego da Educación Secundaria Obrigatoria que amosan que os estudantes rematan esta etapa cunha capacitación, tanto na expresión oral como na escrita, superior en lingua castelá ca galega. Datos que expresan o fenómeno que os docentes coñecemos: o do dramático abandono do uso do galego como lingua de instalación habitual polos que serían os seus falantes máis novos rompendo cando se incorporan a Primaria e inician a aprendizaxe da lectura e da escritura a súa cadea de transmisión familiar, sendo a súa competencia oral e escrita, no caso de utilizar o galego, inferior a adquirida en castelán.

En resumo, as crianzas cada vez falan menos en galego e con máis dificultades. Un abandono que identificamos coa aceleración que na segunda década do século se produciu no proceso de substitución lingüística do galego polo castelán en case todos os ámbitos da vida social, coincidindo cos gobernos de Alberto Núñez Feijoo, responsable principal da aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario, unha operación electoral coa que rompeu o consenso político e social forxado en 2004, no derradeiro goberno de Manuel Fraga, arredor do Plan xeral de normalización da lingua galega. Un decreto cuxos efectos nunca foron avaliados, a pesar de que así o establece anualmente a súa disposición adicional quinta, mais que de facto supuxo a creación dos «centros plurilingües», nos que se incorporou de forma regrada e explícita o uso vehicular da lingua estranxeira (eufemismo de ˝inglés”), así como un retroceso moi significativo do emprego do galego en Educación Infantil e primeiros cursos da Educación Primaria e a súa contundente prohibición nas áreas, hoxe privilexiadas como «STEM», de Matemáticas e Física e Química.

Diante de semellante fracaso da política lingüística feijoana, asumida polo seu sucesor, Alfonso Rueda, un dos participantes na estratéxica manifestación de febreiro de 2009 contra a «imposición lingüística», outra fake new de carácter negacionista, se pretendemos evitar que o galego sexa unha das linguas que a Unesco identifica como en «grave perigo», cómpre acuñar un novo modelo de política lingüística escolar que conte tanto co consenso da desenvolta até 2009 como se axeite á precaria saúde actual do galego e ao marco de preservación da diversidade lingüística garantido pola Unión Europea. Un modelo de equidade para o galego que asegure o seu futuro dentro do marco competencial deseñado na nova lei de educación (LOMLOE), que inicia novos currículums no curso 2022-2023, e garanta unha educación lingüística que dende un enfoque comunicativo e utilizando metodoloxías activas atenda tanto á adquisición efectiva dunha dobre competencia nas destrezas orais e escritas das linguas oficiais como atenda, dende unha actitude de sensibilización lingüística, á preservación da riqueza cultural e lingüística como unha tarefa abordada por todo o profesorado nos espazos escolares de convivencia, polo tanto dentro e fóra da aula, que contribúe ao desenvolvemento da competencia clave social e cívica.

Á tarefa compartida de reconstruír un modelo lingüístico do sistema educativo favorable á nosa lingua e respectuoso cos seus e as súas falantes, á vez que sirva como vehículo de integración da súa diversidade e útil para o futuro de todo o alumnado, contribúe o recente documento Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames (RAG, 2022), preparado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Unha guía de referencia dirixida ao profesorado que, fronte ao plurilingüismo homoxeneizador do fracasado e ameazante decreto 79/2010 de Feijoo que obriga a retroceder ao galego, propón un concepto alternativo, o dun plurilingüismo restitutivo, construído dende o galego e comprometido co seu futuro, socialmente inclusivo, respectuoso e fomentador da diversidade e capaz de garantir a competencia en varios idiomas. Un plurilingüismo que como opción didáctica viable e decidida aposta ético-cívica alicerza unha educación lingüística que atende tanto a adquisición da competencia idiomática como ao respecto e valoración da diversidade lingüística. Nesa dimensión ética e didáctica o galego podería enxergar a súa recuperación.

 

Onte 1009: Con Alfredo Conde

Tras a presentación o venres do libro de poemas de Carlos Negro volvimos onte a Bertamiráns, a nova cidade de Ames, para acompañar a Alfredo Conde na de Chovida do ceo, a segunda novela protagonizada polo seu comisario Salorio, o que dera a coñecer en Ósos de santo. O café Ferlós da praza da Mahía encheuse para escoitar ao autor, ao crítico Xosé Antonio López Silva e a Alfredo Padilla, que cantou unha milonga e un par de tangos.

Un serán excelente de música e novela. Xosé Antonio López Silva comezou lembrando que para Paul Auster a novela policíaca éra coma un caixón para introducir todo aquilo que quixese o narrador. Nese ámbito situou a Chovida do ceo, «unha novela de xénero que comeza cun cadáver sorpresivo, sorprendente, situado no escenario que dfine a historia e os personaxes. Dende aí todo vaise centrando e concentrando». «Novela, pois, compostelá, unha Compostela coma é, vetusta, dacabalo da realidade do roubo do Códice Calixtino. Mais unha novela que homenaxea, tamén, a Mahía, espazo onde se desenvolven moitas das escenas, como este Café Ferlós, onde hoxe estamos, onde hai os mellores cruasáns da comarca». Referiuse, despois, López Silva, ao xogo irónico entre autor e narrador, así como a intención de Conde de levar o culturalismo ao xénero policíaco. Citou a Pedro Laín Entralgo para quen «a novela policíaca é estritamente intelectual, xa que sempre trata de recompoñer unha historia que falta». «En Chovida do ceo o que consigue é a reivindicación da novela policíaca intelectual parareivindicar o local, a ironía e o gozo do lector». »Unha gran novela dun excelente autor», rematou.

No seu discurso Alfredo Conde confesou que quería que «as súas novelas policíacas fosen novelas, nas que sei sae un retrato social». «Interésame a ollada sobre o social, a reflexión, moito máis ca as persecucións de coches e a súa velocidade».