Onte 2018: O legado de Agustín
A Consellaría de Cultura e Turismo anunciou onte que aceptara a doazón do fondo bibliográfico Agustín Fernández Paz. Unha colección de 5.000 volumes que estará dispoñible, na súa maior parte, na Biblioteca de Galicia, mais tamén no Museo Pedagóxico de Galicia e na Biblioteca Pública Municipal de Vilalba. Rematan así os traballos de catalogación dun legado moi valioso, organizado de forma admirable pola tradutora Isabel Soto, que contén unha colección completa das publicacións de Agustín, tanto literarias como pedagóxicas, tanto nas súas edicions orixinais como nas traducións ás diversas linguas.
Un legado que agardamos contribúa a que a investigación literaria afonde na obra, tanto literaria como pedagóxica de Agustín, unha figura esencial para entender a cultura e a educación en Galicia nas últimas catro décadas. Ás portas da celebración do aniversario do nacemento do autor de Non hai noite tan longa, o vindeiro 29 de maio, aleda comprobar como a súa obra continúa reeditándose e viva no interese do lectorado. Eis os anuncios de Xerais da vixésima edición de Noite de voraces sombras e a vixésimo cuarta de Aire negro, toda unha proeza para o libro galego.
Sen esquecer, tampouco, que está aberta a recepción do orixinais para a 3ª edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade convocado polo IESCHA, o concello de Vilalba e Xerais. Agustín sempre necesario.