Listado de la etiqueta: aida_fernández_ríos

Urzáiz ten nome de muller

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á proposta de redenominar a estación de Urzaíz con nome de mulleres viguesas:

Raquel Sánchez, ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, anunciou que ao longo deste 2022 as principais estacións serán redenominadas con nomes de mulleres. Comezada con Chamartín – Clara Campoamor e a estación de Málaga – María Zambrano, continuada agora coa de Puerta de Atocha – Almudena Grandes, a iniciativa foi xustificada pola ministra como «un xeito de facer visible o compromiso que ten o goberno coa igualdade e as políticas de xénero», «un xesto cargado de simbolismo para lembrar nomes de mulleres que en moitas ocasións a historia invisibilizou». Un anuncio que provocou a reacción dos sectores conservadores da capital, que dubidaron dos méritos da autora dos «Episodios dunha guerra interminable» para renomear Atocha, e que, ao tempo, abriu nas redes sociais as propostas para outras estacións. No caso da viguesa estación de Urzáiz, Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, apuntou en Twitter o 4 de marzo a posibilidade de que levase o nome de Xela Arias, que aquel mesmo día faría 60 anos.

E abofé que a poeta viguesa homenaxeada o pasado 17 de maio acredita méritos e simpatía popular abondos para este recoñecemento póstumo, xa que parafraseando a reacción de Luis García Montero, o viúvo de Almudena Grandes, cando soubo do nomeamento da súa dona, permitiría que «os trens, como as nosas lembranzas, saiban cal é o seu punto de partida e de chegada». A escritora, editora, profesora e tamén tradutora, representou o compromiso de toda unha xeración cunha cidade que confesaba lle doía, mais da que se amosaba orgullosa polo seu carácter dinámico e contraditorio, o que ela definía como «revolcado». Unha poeta que quixo Vigo como a súa cidade amada, a urbe en arrabalde que coñeceu a súa chegada con sete anos que percorreu dende entón de forma incansable «paseo arriba», «praza abaixo» nun botarse andar aparentemente errático, como o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía nas páxinas de Faro de Vigo como «a fusión do aire no verso e a mar en catarse».

Certo é que a estación de Urzáiz podería levar o nome doutras viguesas pioneiras que acreditan tamén méritos para facer visible decote as mulleres. Nesta relación de viguesas destacadas nunca poderían faltar tres escritoras en lingua galega: Begoña Caamaño, nacida no Calvario (1964), xornalista na radio pública galega, feminista e autora da aclamadísima novela Morgana de Esemelle (Galaxia 2012); Xohana Torres, autora da novela Adios María (1971) ou de libros de poemas memorables como Tempo de ría (Espiral Maior 1992); e María do Carme Krukenberg (Vigo 1926), prolífica autora, na que a poesía tivo un lugar predominante. Relación que máis alá das literatas contaría con outras viguesas sobresaíntes, pioneiras do movemento protofeminista: Emilia Docet Ríos (Vigo, 1915), a «señorita Galicia», deportista; Antonina Sanjurjo Aranaz (Vigo, 1910), profesora mercantil e impulsora do hóckey sobre herba; Urania Mella Serrano (Vigo, 1900), política; Placeres Castellanos (Vigo, 1896), xornalista; Olimpia Valencia (1878), a primeira muller en Galicia que obtivo a licenciatura de medicina e mantivo aberta consulta de xinecoloxía na rúa Príncipe; e Aida Fernández Ríos (1947), bióloga e oceanógrafa, directora do Instituto de Investigacións Mariñas de Bouzas.

Se fose posible que esta escolla de nome de muller para Urzáiz se ampliase ás pioneiras vivas, a relación estaría encabezada pola escritora María Xosé Queizán (Vigo, 1939), a fundadora do movemento feminista galego, figura extraordinaria das letras galegas contemporáneas e de comportamento ético referencial. María Xosé Queizán naceu nunha casa da rúa Urzáiz, xusto fronte ao muro da estación do ferrocarril, nun cuarto –confesa nas súas memorias, Vivir a galope (Xerais 2018)– «que se abría a un balcón do terceiro andar onde se divisaba a ría de Vigo, incluíndo a Guía e as Illas Cíes». Vínculo da autora de Amor de tango (Xerais, 1992), novela cento por cento viguesa, co barrio da estación que mantivo dende a súa primeira infancia, e que confesa nunca perdeu, cando «foi arrolada polas sirenas e aprendeu a camiñar co aroma peixeiro que embriagaba as entrañas de Vigo».

Máis alá do interesante debate aberto pola posibilidade desta redenominación da estación de Vigo – Urzáiz, é imprescindible que os nomes de muller se incorporen de xeito máis intenso tanto ao rueiro vigués, como se estendan ao catálogo dos centros educativos (tamén ás aulas, escaleiras e bibliotecas), ás instalacións deportivas, aos centros de saúde e de persoas maiores, así como ao resto de espazos públicos. A relación de viguesas pioneiras debe ser ampliada coa das contemporáneas que loitan teimosamente pola igualdade real en todos os ámbitos da sociedade.

Onte 1542: Aida e Amparo

O atropello mortal de Aida e Amparo conmocionoume. Dúas amigas que perderon a vida cando regresaban de tomar un café a carón da casa. Outra volta a desgraza inagardada, inexplicable, que nos enfronta coa finitude e a continxencia. Aida Fernández Ríos era unha das científicas galegas máis acreditadas. Dedicou a vida á oceanografía no Instituto de Investigacións Pesqueiras de Bouzas. O mes pasado nos Premios da Crítica, onde participou no xurado de investigación, comprobamos que o seu optimismo era tan contaxioso como o seu entusiasmo pola vida un agasallo para os outros. A Amparo Costa coñecina antes, hai máis de trinta anos, nas primeiras escolas de verán. Era unha das mestras da escola galega das pombas, unha militante da lectura e da educación cooperativa. Hoxe choramos por vós, benqueridas Aida e Amparo.