Listado de la etiqueta: afouteza

Ás portas do centenario

Rematada a tempada dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á encrucillada que enfronta o RC Celta SAD:

Finalizada a décima tempada consecutiva en Primeira cunha posición discreta na metade da táboa mais con alicerces sólidos na categoría dos mellores, ás portas da celebración do seu centenario (2023), o proxecto do Real Club Celta SAD non acaba de conectar coa súa masa social que, tras a pandemia, semella moi remisa a acudir ao estadio e en boa medida insatisfeita coas decisións de Carlos Mouriño, o seu dono e principal voceiro.

Unha desconexión co contorno celeste aparentemente incomprensible se temos en conta que tras dezaseis anos en mans de Ges, o grupo empresarial da familia de Mouriño, o Celta acredita contas saneadas e nas dúas derradeiras tempadas se mantivo sen abafos, probablemente grazas aos goles e liderado de Aspas, o mellor xogador da historia da canteira viguesa. Sen esquecer que nese período puxo en marcha o proxecto formativo de canteira, unha das punteiras do fútbol profesional, dotouse dunha sede no corazón da cidade e iniciou unha cidade deportiva de seu. Logros considerables, mais que non ocultan unha xestión carente de empatía tanto co seu propio cadro de profesionais, coa comunidade celtista como co Concello de Vigo.

U-las razóns desta desconexión paradoxal? U-las claves para recuperar o entusiasmo nas dúas vindeiras tempadas, no ano do centenario? O debate arredor destes interrogantes continúa aberto e moi acendido nas redes, situando en todo caso ao RC Celta SAD nunha encrucillada da que debe saír nos vindeiros meses.

O certo é que para normalizar a relación co Concello de Vigo moi pouco axudan as periódicas ameazas de Mouriño de abandonar Balaídos que, sen dúbida, forman parte da súa estratexia de confrontación persoal con Abel Caballero, primeiro responsable da corporación que, contando só coa axuda de Deputación de Pontevedra, leva varios exercicios reconstruíndo a anacos con gran esforzo financeiro e discutible resultado o vello estadio. A cidade sabe que o Celta non ten outra alternativa que continuar en Balaídos, o que inevitablemente obrigará a Mouriño a negociar co propietario desta instalación pública as condicións para os seus usos, deportivos e de lecer, procurando a maior comodidade e seguridade para abonadas e espectadoras. Como acontece coa finalización da cidade deportiva Afouteza de Mos que, por moito que se procure o amparo da Xunta de Galicia, só será posible contando tamén co acordo da propietaria dos terreos, a Comunidade de Montes de Tameiga.

Mais esta encrucillada non só é política, ten tamén un forte carácter comunitario e afecta á relación do club con todas as súas persoas abonadas, tamén os seus primeiros clientes, sometidas as máis diversas incomodidades, barreiras e desprezos dunha empresa case sempre insensible as súas demandas. Ausencia de agarimo acuñada na errática política de comunicación e redes, esencial para manter a cohesión e o entusiasmo de toda a comunidade celeste, que nalgunhas ocasións resultou allea á identidade e á historia do propio club, nacido para representar o fútbol galego en todo o mundo. Como a estas alturas está fóra de lugar a renitencia a contar cun cadro feminino, como o resto dos clubs de primeira, un empoderamento deportivo que por ventura sabemos imparable.

Xaora, está encrucillada do club celeste tamén afecta ao propio proxecto deportivo que non acaba de contaxiar o entusiasmo previsto. A xestión autoritaria do cadro de xogadores, cuxa peores expresións son a vergonzosa expulsión presidencial de Denís, o director de xogo na lameira, cen por cen celeste, máis tamén as barreiras case insuperables de acceso dos canteiráns da Madroa ao primeiro equipo ou a incomunicación entre o actual adestrador e os dos cadros filiais explican a perplexidade dunha afección que ve como non arrinca o proxecto do que debera ser a primeira canteira cen por cen galega.

Sei que moitas destas eivas da xestión RC Celta SAD son as propias do maldito fútbol moderno que transformou este xogo de pelota nun negocio multimillonario da industria do lecer audiovisual que conta co maior número de seguidores do planeta. Sei que o Celta non é alleo a esta dinámica e ás presións do mercado audiovisual e publicitario que comporta, mais iso non debería impedir que ás portas do seu centenario, máis alá da intención de vender máis camisetas, intentase recuperar a confianza da súa amplísima comunidade, dende as persoas abonadas, as peñas organizadas, as seareiras e simpatizantes viguesas e galegas até a diáspora celeste presente nos cinco continentes. Como o centenario obriga a que nas dúas vindeiras tempadas o club, sempre consciente da súa humildade e das súas posibilidades, intente acadar un logro colectivo, un obxectivo que volvese a facer soñar a un celtismo que nunca vai deixar só ao seu equipo. Pagaría moito a pena intentalo.

Vai con sentidiño

Dedico o derradeiro artigo do ano en Faro de Vigo á escolla de «sentidiño» como palabra galega do ano:

«Sentidiño» é a palabra galega do ano 2019 escollida por votación popular entre as usuarias do Portal das Palabras, espazo didáctico e de apoio léxico na rede da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Entre as outras palabras finalistas («feminicidio», «narcosubmarino», «quecemento global», «ecocidio» e «negociación»), máis da metade das votantes apoiaron este xeito xenuinamente galego de denominar o «sentido común», noutro ano no que as preocupacións sociais estiveron encabezadas pola denuncia da violencia machista, a reivindicación da igualdade de xénero e a problemática do cambio climático e de xestión sostible dos recursos naturais. «Sentidiño» únese así o corpus léxico que Víctor Freixanes, o presidente da Academia, definiu como «palabras crónica», termos referenciais das preocucpacións da nosa comunidade de falantes, como os escollidas en anos anteriores «deseucaliptización« (2018), «afouteza» (2017), «irmandade» (2016), «refuxiado/a« (2015) ou «corrupción» (2014).

A elección de «sentidiño» non é contraditoria coas angueiras de igualdade e sostibilidade, sobre todo se atendemos a incerteza provocada polas dificultades para formar goberno ou polo ascenso en todo o mundo de formas autoritarias do exercicio do poder, presente nos medios e nas redes sociais coas súas fake news, na medida que para o Portal das Palabras o «sentidiño é unha boa calidade que nos define como seres humanos e que nos axuda a sobrevivir no medio». Un termo sinónimo do «sentido común», que o Gran Dicionario Xerais da Lingua (2009) define na súa primeira aceptación como «capacidade de xulgar e obrar acertadamente» e na súa segunda, seguindo a tradición aristotélica, como «o sentido que unifica e coordina todos os datos da experiencia sensible». Definicións que o dicionario da RAG sintetiza apenas como «bo xuízo», para unha palabra que ten equivalencias noutras linguas romances como o «bom senso» portugués, o «seny» catalán, o «buonsenso» italiano ou o «bon sens» francés. Palabras ou locucións todas elas que dunha ou doutra maneira fan referencia ao emprego da sensatez, esa calidade das persoas que nos máis diversos contextos actúan con equilibrio de forma asisada.

Quizais, esta acepción de «sentidiño» como sinónimo de sensatez e prudencia, como bo entendemento para falar e actuar, sexa a que mellor aniñou na fala popular capaz de acuñar expresións de noso, utilizadas tanto polas persoas que utilizan decote o galego como a súa lingua vehicular coma aqueloutras que o fan en castelán con prosodia galega. Velaí ese «vai con sentidiño» co que os avós e as avoas galegos despiden con complicidade aos seus netos e netas canda van de festa, ao que algunhas destas maiores engaden, non sen retranca, «vai a modo e volve axiña». Velaquí esoutro «sentidiño» que noutro contexto comunicativo mais formal, como «poñer sentidiño» (ou «poñer os cinco sentidos»), equivale para nós a «atender con todo o interese e atención posible», expresión dunha forma de aberta complicidade coa interlocutora, que agora denominamos empatía. Velaí como concibido así de forma ampla e agarimosa o sentidiño ten o seu antónimo en «arrouto» ou «arroutada», que o Gran Dicionario Xerais define na súa segunda acepción como «impulso que move a falar ou actuar sen reflexión previa» e do que o dicionario da Academia ofrece como sinónimo de «arrebato» e «rauto».

Interpreto que esta improvisada homenaxe popular á palabra «sentidiño» non pode caer en saco roto. En primeiro lugar pola utilización afectiva do sufixo «-iño», forma enxebre do diminutivo que a nosa fala popular inclúe no territorio dos afectos, como ben sabía Rosalía de Castro e estudou o profesor Xosé Freixeiro Mato. Mais tamén, polo que esta escolla supón de chamamento político implícito á cordura e ao diálogo transversal para saír desta última década de conformismo paralizante que agoira a morte de Galicia, ao que tampouco son alleos os excesos daqueloutros afeitos a botar para fóra sen encomendarse nin a deus nin ao demo. Un chamado discreto e sutil a actuar con sentidiño ás portas dunha convocatoria electoral ao Parlamento de Galicia que debería ser atendido, tamén, polas forzas políticas da oposición, obrigadas a ofrecer unha alternativa sensata e de bo xuízo, o que non vai ser doado despois de tres lexislaturas confusas de desunión e desesperanza.

Sentidiño que moito botamos tamén en falta en Vigo, cidade sometida hoxe aos rigores dun inxustificable bloqueo autonómico e da vertixe da desmesura populista e dos seus arrebatos grandilocuentes. Sentidiño como reivindicación da cultura da mesura, da calma, da paciencia e do diálogo aberto entre diferentes como mellores fórmulas para abordar a resolución do común.

Feliz 2020, con amor, saúde e sentidiño!

Onte 1940: «Afouteza» 2017

O feito de que «afouteza» fose escollida como palabra galega do ano polo Portal das Palabras da Real Academia Galega, tamén a máis buscada no seu dicionario en liña, expresa a influencia decisiva da publicidade e do mundo do deporte para achegar connotacións positivas o uso da nosa lingua. Como xa se ten salientado, documentada dende o século XIV, «afouteza» adquiriu prestixio a partir da súa inclusión no himno do Celta de Vigo e, sobre todo, cando o propio club comezou a utilizala como eixo da súa comunicación corporativa, na campaña de abonados e nos partidos de competición europea da pasada primavera.

«Afouteza«, ademais de referise á disposición de actuar sen temor a dificultades e perigos ou á seguridade en si mesma que demostra unha persoa, adquiriu un valor identitario e comunitario xa que xa forma parte desa listaxe escollida de palabras que funcionan coma un resorte afectivo de positividade, expresión de unión e de confianza nas nosas propias posibilidades. Por ventura, «afouteza» pasou de ser un patrimonio do celtismo a ser o tamén de todo a comunidade galega. Procuremos continuar tinguindo desta afouteza inclusiva a nosa fala empregando as posibildades pouco exploradas que nos achega o mundo do deporte e da publicidade.

Onte 1866: Afouteza, afoutar, afouto/a

Afouteza_Redeiros

O Gran Dicionario Xerais da Lingua achega dúas acepcións do substantivo afouteza. A primeira referida á disposición para actuar sen considerar dificultades nin perigos, sendo os seus sinónimos os de ousadía, audacia ou ardimento. A segunda identifica a afouteza coa coraxe, coa capacidade e forza moral para facer algo. O dicionario inclúe, ademais, o verbo afoutar que expresa dar ou infundir alento ou ánimo, sendo sinónimo de animar, alentar ou arrufar. Por último, o Gran Xerais inclúe o adxectivo afouto/a para referise á caldiade de quen actúa con valentía e temeridade sen considear os perigos, sendo algúns dos seus sinónimos os de arrichado/a arriscado/a, atrevido/a ou ousado/a. Esta consulta ao dicionario, ás portas da histórica semifinal europea de mañán, amosa o acerto de utilizar estas tres palabras como cerna da identidade celeste. Agardamos con ilusión afoutar mañán no vello Balaídos ao afouto Celta de Berizzo.

Onte 879: Afouteza e corazón

Non é un detalle sen importancia que nas novas lonas da Tribuna de Balaídos colocadas onte se poida ler «AFOUTEZA CORAZON». A pesar de faltarlle un til (mágoa!), a reprodución a grande tamaño destas dúas palabras claves na gramática do fútbol celeste consolida a liña normalizadora asumida polo Real Club Celta de Vigo. É unha beizón que o emprego da nosa lingua como a vehicular na megafonía do estadio de Balaídos –unha práctica que se remonta a finais dos anos oitenta, ao abeiro do marco creado pola Ordenanza de Normalización Lingüística do concello de Vigo (pioneira e nunca derogada)– fose capaz de contaxiar amodiño novos usos que contan co apoio e simpatía da masa social celeste (vinte mil socios e socias). Así queremos ao noso Celtiña, coidadoso coa formación da súa canteira, afouto, firme e agarimoso na promoción da nosa lingua.