Teatro cine Fraga
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao futuro do Teatro cine Fraga:
O anuncio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra de mercar case a partes iguais o cine-teatro Fraga por 9,3 millóns de euros para destinalo a usos socioculturais é aparentemente unha noticia excelente para a cidade de Vigo e a súa área metropolitana. Semella que despois de vinte e tres anos do peche das súas tres salas de proxección, como pasados trece anos da interrupción das obras de rehabilitación dirixidas polo arquitecto César Portela e avanzadas nas tres cuartas partes, poderá sacarse do abandono un edificio emblemático, que forma parte da memoria sentimental de varias xeracións da veciñanza viguesa. Porén, o anuncio dos presidentes Alfonso Rueda e Luís López, con clara intención de contribuír a incrementar o protagonismo do que en Vigo carece hoxe o Partido Popular de Galicia, abre tamén moitas dúbidas, xa que son varias as cuestións de calado que deben ser consideradas para a resolución satisfactoria do caso, tanto as que atinxen a súa transformación imprescindible nun centro cultural público e os usos aos que será destinados os seus diversos espazos, como as referidas á xestión e financiamento da programación das súas actividades e mantemento das súas instalacións.
Debate cidadán necesario no que tampouco poden quedar fóra as condicións e mesmo o importe de venda dun inmoble, que non o esquezamos, fora adquirido por Caixa Galicia en 2001 á familia Fraga polo equivalente a 7,5 millóns de euros e pasou nove anos despois a pertencer a Novacaixagalicia, entidade que sería rescatada en 2014 como Nova Galicia Banco por 9.052 millóns de euros do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que tras ser poxada por Banesco en 1.003 millóns de euros, utilizará o nome comercial de Abanca e asumirá as súas propiedades, entre elas a do Fraga. Unha década máis tarde esta compra da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra do inmoble da rúa Uruguai ten como primeiro beneficiado a Abanca, mesmo a pesar de ser responsable do seu abandono e de ser incapaz de desenvolver un proxecto sostible, como recoñeceron os responsables da propia entidade financeira. Un traspaso ao ámbito público para o que existían outras alternativas sobre a mesa, que non comprometían máis cartos das administracións, como a dunha cesión ao concello de Vigo para facer do Fraga o gran teatro público do que carece a cidade metropolitana, vella reclamación das entidades veciñais e das artes e das letras viguesas.
Outro debate esencial no caso do Fraga é o referido ao plan de usos dos espazos recuperados polo proxecto de rehabilitación de César Portela, que debe manter a identidade do edificio proxectado polo arquitecto Luis Gutiérrez Soto e soñado polo empresario Isaac Fraga como a mellor e máis suntuosa pantalla de Galicia, á altura das que vira nos Estados Unidos. Conservar os usos do Fraga como primeiro cine e teatro público de Vigo cae de caixón, mais obriga a desenvolver unha programación anual cinematográfica, musical e das artes escénicas de calidade á altura da instalación. Como obriga no proceso de rehabilitación pendente a instalar no auditorio de 1.200 localidades o maxestoso órgano de tubos do que falaba nestas páxinas hai pouco Alejo Amoedo ou dotar dos medios técnicos necesarios para a escena e para convertela tamén na sede das orquestras viguesas. Sen esquecer, que nunca debería de perder o seu carácter como sala cinematográfica permanente, o que sería factible creando a sede viguesa da Filmoteca de Galicia, entidade que forma parte do Centro Galego das Artes da Imaxe, instalada dende hai décadas na Coruña. Como nesta dimensión do Fraga como centro das artes audiovisuais, pagaría a pena recuperar o proxecto do Centro Galego de Fotografía, canto menos para crear unha moderna Fototeca, desde a que acceder e poñer en valor os fondos dos arquivos fotográficos e cinematográficos vigueses.
Con todo, a creación do Teatro cine Fraga, obriga a acordar entre as catro administracións públicas (Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Goberno de España) un modelo corresponsable de financiamento e xestión, no que tamén se podería contar con recursos de patrocinios privados. Un modelo para o que se podería botar man da experiencia do Marco que, a pesar das súas dificultades, amosou a viabilidade dunha xestión cultural profesional, rigorosa, independente e avalada polos poderes públicos. Sen arriscarse a forxar ese gran acordo polo primeiro teatro público de Vigo do século XXI, un proxecto apoiado polo tecido cultural e asociativo vigués, todo o anterior pode quedar en auga de castañas. Xaora, a recuperación do Fraga é unha obriga cidadá, debendo renacer con aquel espírito modernizador e coas miras no futuro co que foi concibido hai setenta e cinco anos polo seu fundador Isaac Fraga.