Listado de la etiqueta: a_ira_dos_mansos

«A vinganza dos homes bos»

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación da terceira novela de Manuel Esteban, A vinganza dos homes bos:

A vinganza dos homes bos (Xerais 2020), a novela de Manuel Esteban (Vigo 1971), mantense durante todo o verán como o libro galego máis vendido tanto na táboa publicada cada sábado en Faro de Vigo como nas dos diversos medios literarios dixitais. Un recoñecemento do lectorado, compartido pola excelente e unánime acollida da crítica literaria, para esta nova entrega dunha serie policial de marcado enfoque social, localizada en Vigo e protagonizada polo inspector Carlos Manso, iniciada con A ira dos mansos (Premio Xerais de novela 2016), homenaxe a José Saramago na que se reivindicaba o valor das persoas que traballan con colectivos coa síndrome de Down, e continuada con O meu nome é Ninguén (Xerais 2018), que o autor definía como «un manual de filosofía para perdedores».

Precedida dunha cita de Miguel de Unamuno, «o perdón é a vinganza dos homes bos», a terceira novela de Manuel Esteban desenvólvese en dous espazos e dous tempos, Vigo e a illa de Fuerteventura, convidando á lectora a reflexionar como o pasado axuda a entender o presente e como a vinganza soterrada baixo a culpa destrúe a quen a exerce. Manso desdóbrase desta volta en dous momentos decisivos da súa vida. O vivido en Puerto del Rosario en 1998, no seu primeiro destino como axente de policía, cando perseguindo a unha banda de narcotraficantes é protagonista dun acontecemento traumático. O segundo, xa en Vigo, vinte anos despois, tras ser obrigado a abandonar o corpo, como investigador privado que intenta desvelar unha complexa trama de corrupción. Dúas historias enfiadas que ofrecen o retrato dun Manso na madurez da súa condición de antiheroe, anoxado e autodestrutivo, engulido polas dúbidas e polos remorsos, mais tamén pola súa lucidez para entenderse e comprender o valor dunha vida. A vinganza dos homes bos é unha novela policial e de intriga construída coa precisión do reloxeiro e a harmonía e beleza que un ourive imprime a unha prosa punzante, sempre clara e elegante.

Estoutra marabilla de Manuel Esteban é unha das pezas máis logradas dese subxénero da narrativa galega conformado como «novela viguesa». Unha indicación de calidade que ben lle acae a unha novela que nas súas principais localizacións escolle para abraio do lectorado dous túneles esquecidos, húmidos e escuros, dos aínda existentes en Vigo. O primeiro, a rúa soterrada para peóns que hai máis dun século comunicaba as inmediacións da rúa do Príncipe coa Alameda, unha galería que na novela vai dende o calello dos Caños, onde noutrora houbo un lavadoiro, hoxe unha zona de servizos detrás do edificio do antigo Hotel Moderno, até a bóveda aberta e tapiada no canellón da rúa Joaquín Nogueira Alonso, unha traveseira sen saída da rúa Vitoria, preto da Alameda. O segundo, o chamado «túnel do peixe», ao que se pode acceder dende Afonso XIII, debaixo da derradeira saída da AP-9, unha vella vía de tren subterránea de douscentos metros de lonxitude, inaugurada en 1898 e abandonada en 1963, que unía a Estación de Urzaiz e o barrio do Roupeiro (hoxe desaparecido) co peirao do Comercio, do que aínda se conserva un treito que finaliza nun garaxe da rúa Rosalía de Castro.

Dous túneles que forman parte do trazado do Vigo oculto, cuxas minas, galerías e conducións de auga foran inventariadas na década de 1990 para o concello por membros da Federación de Espeleoloxía e máis recentemente (2017) explorada por un grupo do club Montañeiros Celtas que publicaron na rede algunhas das súas entradas nestas covas urbanas. Velaí a galería do castelo de San Sebastián, que en 2009 xa aparecera nas obras de humanización da rúa de Santiago e nun túnel anexo máis estreito, que podería datar de época romana, formando parte da rede de abastecemento de augas ao Vigo Vello. Velaí o túnel de cen metros existente baixo o monte da Guía ou os polvoríns da ETEA, unha obra militar de hai case un século, que parece inacabada. Velaí esoutra galería que corre baixo a rúa Pracer e o Paseo de Granada que conecta co túnel que baixaba desde o castelo do Castro, descuberto a máis de quince metros de profundidade ao realizar as obras da subestación eléctrica do Castro, na rúa Venezuela, e que probablemente continuaría por Abeleira Menéndez en dirección á batería de Laxe. Un patrimonio do Vigo soterrado reivindicado do seu esquezo de forma incansable e teimosa polo escritor Pedro Feijoo ao que lle dedica o capítulo, «As catacumbas da cidade», no seu libro Camiñar o Vigo Vello (Xerais 2018), un dos títulos imprescindibles da bibliografía viguesa.

Recomendo vivamente a lectura de novelas como as da serie do inspector Manso de Manuel Esteban ou a media ducia que Pedro Feijoo localiza no Vigo da memoria, textos literarios todos que axudan a coñecer, entender e defender o patrimonio dunha cidade bimilenaria tan desmemoriada coma a nosa.

Foto do autor: Óscar Vázquez, LVG. Grazas.

Onte 1789: Manuel Esteban no Ateneo Eumés

Gustei moito do modelo de presentación que o Ateneo Eumés de Pontedeume preparou no serán de onte d’ A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do premio Xerais 2016. Ao xeito dunha sesión aberta dun club de lectura, o autor debullou as intencións dunha obra que confesou “naceu dunha ferida interior” e que definiu como “unha viaxe emocional na que se describen moitos prexuízos sobre a discapacidade intelectual”. “Aprendín a reinventarme máis alá da medicina, o que quizais está presente no personaxe do inspector Carlos Manso, un pesimista construtivo. A miña escrita é unha ferramenta para reclamar inclusión, dignidade e respecto, visibilizando a nación Down, ese pobo invisible capaz de apagar conciencias a prezo de saldo”. “Na novela hai unha intención de superar os prexuízos sobre discapacidade intelectural. A meirande parte das barreiras para estas persoas están no exilio interior amable ao que son sometidas, a viaxe que emprende Manso é dalgunha forma tamén a viaxe do autor”. Rematou Esteban cualificando a novela como “espello, mais tamén como unha panca”, antes de citar un diálogo do Merlín de Cunqueiro: “Que é unha mentira?, Talvez o que non se soña, príncipe”.

Onte 1761: “Crónica Córnica”, a novela finalista do Xerais 2016

XG00267501Xunto á novela gañadora do Xerais 2016, chega estes días ás librarías tamén a finalista, Crónica Córnica, escrita por Francisco Coimbra, un galego de adopción, nacido en Madrid, hoxe profesor de Lingüística na Universidade de Paraná no Brasil. Unha novela sorprendente arredor da extinción dunha lingua, o córnico, no condado de Cornuallle, na illa de Gran Bretaña. Unha novela de personaxe colectivo encarnado en persoas de profesións moi diversass, como secretarias, profesoras,carteiras, pallasos e libreiros que adopta as formas dun relatorio polifónico e da crónica onde, por veces, é máis importante o non dito, o diálogo imaxinario, do que a voz directamente expresada. Unha obra que en cada páxina destila amor polas palabras e polas linguas, ao tempo que supón unha reflexión obrigada sobre a identidade e a represión lingüística. Crónica Córnica supón unha das máis orixinais achegas á narrativa galega actual, tanto pola incoporación dun novo narrador galego como pola novidosa temática abordada. Un texto moi valioso sobre o que volveremos.

Onte 1759: Presentación en Librouro d´«A ira dos mansos» de Manuel Esteban

Vai ser moi difícil esquecer o sucedido no serán de onte en Librouro onde presentamos A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do Premio Xerais deste ano. Máis dun cento de persoas desbordaron a libraría viguesa seguindo as intervencións da xornalista viguesa Marta Gómez González, membro do xurado que outorgou o premio, e do autor na súa primeira presentación. Un serán moi emocionante que aventura unha recepción entusiasta desta novela negra viguesa de profundo carácter social e ético.

Comezou o seu discurso Marta Gómez confesando que »empatizou decontado co personaxe de Carlos Manso» e que «a estrutura tan sólida de novela negra parecía ser dun autor consagrado». «Cando escoitei as primeiras declaracións do autor comprendín que esta non era unha novela, era –como el sinalaba– un tumor que tiña que ser extirpado». «A ira dos mansos non é só un exercicio literario, é un berro de impotencia, a literatura concibida como ferramenta. Mais iso non impide que a novela sexa trepidante, que ofreza unha atmosfera de Vigo como cidade portuaria moi ben reflectida». «Ademais, o protagonista é un policía vello co que imos empatizando grazas ao seu humor negro que che vai corroendo».

Marta Gómez continuou sinalando que a novela «era unha homenaxe aos traballadores das asociacións como Down-Vigo, representados no personaxe de Lorena». A presentadora detívose en salientar a importancia da filosofía na novela que propón un debate entre as doutrinas de Confucio e o imperativo categórico de Kant e o seu sentido da xustiza universal. Rematou Marta gabando o momento de lucidez do narrador para poñerse na cabeza de Pedro, un dos personaxes con síndrome de down, que «representa o presente absoluto, a vivencia plena, constituíndo unha forma moi lúcida de achegarse a estas persoas».

Comezou Manuel Esteban confesando que non era amigo de referencias persoais, aínda que eran inevitables para falar d’ A ira dos mansos. Relatou as circunstancias do nacemento hai trece anos do seu fillo Antón con síndrome de down e como a partir de entón nunca deixou por sentado o que sucedería no futuro, «desa ferida interior naceron os meus primeiros textos narrativos». A seguir leu un deles (que se recolle no vídeo desta anotación, gravado por Librouro) e explicou que a orixe do título da novela estaba nunha frase emblemática de Jose Saramago «deféndenos señor da ira dos mansos».

Manuel Esteban xustificou a súa elección da novela negra para expresar a súa intencionalidade tanto por ser lector do xénero dende a súa mocidade como pola ambigüidade moral que permiten as súas convencións. «Quixen ofrecer un policía filósofo, misántropo, visceral, que levase ao lombo un fato de prexuízos, mais que fose capaz de mudalos. Esta historia vai de cambiar. Tiven presente unha frase de Eduardo Galeano: “Somos o que facemos para cambiar o que somos”». Rematou Esteban expresando que o personaxe de Pedro é a razón deste libro, «a voz de todos os mansos do mundo».