Roteiro polo Vigo de Xela Arias
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao roteiro polos espazos vitais e literarios de Xela Arias en Vigo:
Corenta e seis profesoras e profesores chegadas de toda Galicia percorreron o sábado un itinerario polos espazos vitais e literarios vigueses de Xela Arias. Unha actividade formativa organizada polo departamento de linguas do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coa que se pretende que os docentes vivan unha experiencia transversal activa e colectiva fóra do espazo académico de achegamento entre literatura e territorio. Unha xornada, inserida nun programa máis amplo de xeografías literarias, coordinado por Xosé Carlos Rodríguez Pérez, que pretende que os docentes interactúen cos territorios principais dun autor ou autora, co contexto literario do seu tempo, mais tamén coas pezas do seu patrimonio cultural e coas mudanzas sociais e pegadas da memoria, coa intención de contribuír a espertar o interese e construír coñecemento compartido sobre os textos literarios e os espazos nos que cada un desenvolveu a súa obra.
A pesar de que a palabra “Vigo” aparece unha soa vez na obra poética de Xela Arias, en concreto no segundo verso do poema «Érgome» publicado no número 3 do fanzine Katarsis (1984) dos irmáns Tizón: «Érgome / e Vigo vai aínda durmido…», foi Vigo a súa cidade amada, na que escribiu e tinguiu toda a súa obra. A cidade de fronteira á que chegou aos sete anos (1969). A cidade revolcada, que percorreu de forma incansable durante a súa adolescencia e mocidade no comezo dos difíciles oitenta vigueses, «paseo arriba», «praza abaixo», como escribiu en Denuncia do equilibrio (Xerais 1986), nun botarse a andar errático, coma o deambular de Carlos Oroza, o poeta peripatético, o primeiro que recibiu a súa poesía naquela páxina memorable de Faro de Vigo (04-06-1983) de forma tan fermosa como entusiasta: «Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos (…) Te. Saludo –soy feliz– celebro estar en el acontecimiento de tu poesía». Vigo, a cidade que a Xela Arias lle suxería «bastante dor» e que para ela «pode ser mesmo [cidade] pasional», como lle confesou á xornalista María Alonso (Atlántico, 1989), «porque tiña moita vida e iso significa dor e pracer ao mesmo tempo».
Na procura das pegadas daquel Vigo amado e vivido por Xela Arias saímos a mañá dende as portas do IES do Calvario onde fixo BUP e ensaiou os primeiros versos, para continuar no monte do Castro, onde xogou no parque de bicicletas e no miradoiro dos galeóns de Rande onde se fotografou coa nai e coa avoa chegada de Sarria. Un itinerario que continuou no Verbum visitando a exposición «A poesía na palabra» e despois no parque de Castrelos, preto da Avenida Portanet onde naceu o seu fillo, falando de Darío a diario (Xerais 1996) e lendo varios dos poemas. Longa camiñada que retomamos á tarde no Café de catro a catro de onde saímos cara ás portas de Xerais, a editora onde comezou a traballar aos vinte anos e na que se formou como editora e tradutora. Baixamos e subimos as escaleiras da rúa Ourense camiño da vivenda familiar da rúa Zamora, onde lemos un fragmento de Non te amola! (Galaxia 2021) sobre as pelexas coa rapazada do camiño de Riobó. De alí fomos até a rúa Venezuela, onde salientamos o papel dinamizador da cultura galeguista do Círculo Ourensán Vigués, editor da revista Neboeira (1983), onde publicou «A mañán é nova e neboada». Pateada que seguiu até as portas da Fundición Nautilus na rúa Manuel Núñez, onde lembramos o seu carácter de artenauta interesada no diálogo con outras artes e a súa amizade decisiva co pintor Xosé Guillermo.
Nas escaleiras do Marco contamos o que sucedeu coa estatua de Castro obra do escultor Jandro e a súa relación co poema «Burla negra», lamentando que a peza aínda non fose reinstalada. Diante da tenda Discos Elepé da rúa Doutor Cadaval limos unha das cancións de Desertores e nas galerías próximas o primeiro poema que publicou n’ A Nosa Terra. Na sombriña do edificio do COAG recordamos a exposición de Tigres coma cabalos (1990) e limos «Monólogo adicto» e outros poemas deste libro intermedial que preparara co fotógrafo Xulio Gil. Continuamos en Policarpo Sanz diante da sede de Faro de Vigo, onde lembramos a súa presenza frecuente nas páxinas do decano, do Teatro Afundación, onde participou na homenaxe a Francisco Fernández del Riego, na «súa retina dende nena». Paramos na rúa Carral, onde estivo a Sala Nasvhille e lembramos o recital de Noites Solidarias organizado por Implicadas no Desenvolvemento. Rematamos na praza da Princesa diante da Casa Galega da Cultura, onde Xela presentara Intempériome (Espiral Maior 2003) lendo algúns dos seus poemas. Mágoa que faltase tempo para visitar o pub Alma na rúa Poboadores ou Café Uff da rúa Pracer. En todo caso, Xela Arias conta con roteiro de seu que forma parte da cartografía do Vigo literario.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir