Lix primeiro piar da edición galega

Coincidindo co aniversario do nacemento do escritor dinamarqués Hans Christian Andersen o 2 de abril celébrase o día internacional do libro infantil e xuvenil. Promovido polo IBBY, do que Galix é a sección galega, neste 2026 correspondeu a oficina chipriota convocar o día co lema «Sementar historias e o mundo floreceu» que recoñece o valor dos libros e da lectura e a súa potencia para mellorar o mundo nun momento tan fráxil e complexo da historia do propio planeta.

Data que constitúe unha oportunidade magnífica para pulsar o estado da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) que tras a pandemia consolidouse como piar da edición galega, tanto polas cifras do volume de edición e facturación como pola calidade e diversidade da oferta das vinte editoras que publican libros infantís en galego, dende as especializadas dende hai case tres décadas (Kalandraka e OQO), pasando polas aparecidas nesta terceira década do século XXI (Aira, Algar, Antela, Boadicea, Bolanda, Cuarto de Inverno, Fosfamina, Patas de peixe, Pepa a Loba, Retranca, Triqueta Verde, Verdemar, entre outras), nun subsector onde continúan tendo un peso moi elevado as coleccións de lecturas graduadas das editoras xeralistas e educativas, como Baía, Cumio, Galaxia, Hércules, Galaxia, Rodeira, Tambre e Xerais.

Abonda con analizar os datos dos cadros, referidos a edición das editoras da AGE en 2024, para entender que a LIX, na que incluímos a edición de cómic, é o primeiro piar do sector xa que supón o 37,60 % dos títulos publicados (321), o 39,80 % dos exemplares impresos (máis de catrocentos mil) e o 39,40 % da facturación (10,84 millóns de euros), conformando ademais o 27,70 % do catálogo (con 6.489 títulos).

Liderado actual que se foi consolidando dende hai unha década, cando as editoras educativas da AGE aproveitaron a súa rede de promoción escolar e aumentaron a súa oferta de LIX coa intención de compensar a diminución do libro de texto e os recortes das axudas para compra de novidades e para a publicación de materiais didácticos.

Unha estratexia que levou a que en 2015 o que chamamos «edición educativa» (texto + lix) supuxo o 75,00 % e a «edición xeral» (literatura + non ficción) o 25,00 %. Porcentaxes de edición que se equilibraron un pouco en 2024 cando a educativa baixou un 70,60 % e a xeral 29,40 %, o que amosa que na última década se consolidou o peso decisivo da edición dirixida aos centros escolares.

Cifras da LIX que poden ser entendidas mellor se comparamos as de 2007, 2025 e 2024, nas que se aprecia que se ben diminúe o volume de edición, tanto de títulos (-31,26 %) como de exemplares  (-62,63 %), como da tirada media (-45,90 %), se duplican tanto os títulos de catálogo como a facturación, o que podemos entender como unha mellora da xestión editorial da LIX. Cifras todas elas que no marco da crise do conxunto do sector, que reduciu tanto vendas como volume de edición, expresan a resiliencia do mercado interior do libro infantil galego, que mesmo comeza a ser atractivo para editoras radicadas fóra de Galicia.

Non dispoñemos de datos do mercado de exportación, liderado de forma indiscutible por Kalandraka, premio nacional ao mellor labor editorial cultural 2012, que publica en sete linguas e posúe selos propios en Portugal e Italia, considerada unha das mellores editoras europeas de LIX. A ampliación deste mercado exterior é un dos retos do subsector, para o que é imprescindible contar cunha estratexia de proxección internacional da que carece a edición e a lingua galega.

Xaora, particular importancia ten na situación da lix actual o éxito do modelo de bibliotecas escolares, tanto no referido ao Plambe (Plan de Mellora) como a proxectos como Biblioteca Creativa ou Clubs de Lectura. Os fondos destinados a estes programas, sobre todo para adquisición de novidades e renovación de coleccións contribúen a incrementar a facturación do sector da LIX, como se reflicte nos cadros. Pola contra, a oferta de libro infantil e xuvenil en galego e en formato epub aínda está moi por baixo da oferta do libro de narrativa, como se pode comprobar consultando o catálogo de GaliciaLe. Outro tanto sucede no catálogo reducido dos programas de lectura inclusiva, sexa de audiolibros e de lectura fácil, para os que a Consellaría de Cultura destinou en 2025 unha partida específica de axudas para promover esta oferta.

Por último, afecta tamén ao desenvolvemento (e visibilidade) da LIX os festivais arredor do xénero e da lectura como O Salón do Libro de Pontevedra, Viñetas desde o Atlántico da Coruña, Hematofesti de Vigo e Culturgal de Pontevedra, xa consolidados e dirixidos a un público familiar. Outro tanto sucede coa proliferación de premios de lix, algúns de moi baixa dotación e edición pouco coidada, entre os que botamos en falta, porén, un premio ao mellor libro infantil e xuvenil do ano, como no seu día foi o Rañolas, que podería ser patrocinado polas catro deputacións e organizado por Galix, para presentalo entre os seus candidatos bienais da Lista de Honra do IBBY.

Publicado en Nós diario: 31/03/2026

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *