Lemos +
Coincidindo coa inauguración da Feira do Libro da Coruña, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou o visto e prace do Goberno Galego ao informe «Lemos +», que recolle até cen medidas relacionadas co sector do libro e as bibliotecas. Anuncio presentado como un «Plan de dinamización da lectura de Galicia», organizado en 24 liñas estratéxicas arredor de cinco grandes bloques, que pretende conseguir que en 2030 o 70 % da poboación galega lea libros por ocio, polo menos unha vez ao trimestre, porcentaxe que se pretende acadar tamén para a lectura en galego habitual ou ocasional. Informe, cuxo contido polo momento non parece posible localizar na rede, encadrado na «Estratexia da Cultura Galega 2021», cuxa redacción (segundo a nota de prensa) foi iniciada xa en 2018, que pola súa relevancia debería ser presentado no Consello Asesor do Libro de Galicia e consultado cos diferentes axentes profesionais e empresariais do sector do libro, entidades administrativamente interesadas, que dende hai case dúas décadas reclaman a posta en marcha dun «Plan de lectura de Galicia», que desenvolva o establecido na Lei 17/2006 do libro e da lectura, a que sabemos fixeron caso omiso os gobernos de Feijoo e Rueda. Como estraña que no anuncio de «Lemos +» non se faga explícito que o plan contará cun desenvolvemento transversal, que afectaría moi especialmente á Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional con atención preferente aos programas de bibliotecas escolares, de educación dixital e da chamada «Hora da lectura». Como tamén botamos en falta na nota que non se faga mención ningunha a un compromiso orzamentario e a un calendario de desenvolvemento das medidas contempladas, sen esquecer que é imprescindible sexan presentadas no Parlamento de Galicia. Demasiados fíos soltos para un anuncio precipitado e confuso que tememos, non queremos ser aves de mal agoiro, indique que o Plan de lectura de Galicia quede unha lexislatura máis en auga de castañas.
Publicado en Nós diario: 07/08/2024
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir