Agustín, o noso mestre

A pesar dos meus escasos azos para escribir, conseguín enviar a Faro de Vigo este artigo de urxencia sobre Agustín Fernández Paz:

Fernández-Paz-Agustín-Vilabarros-2008-61-656x403

Non é doado superar a desolación provocada polo pasamento de Agustín Fernández Paz o pasado 12 de xullo. A ondada de solidariedade recibida na súa despedida no Tanatorio de Pereiró e nas redes sociais será tan inesquecible como sempre emocionante. Unha resposta unánime de recoñecemento de milleiros de persoas de idades diferentes e posicións diversas que choramos a perda non só dun escritor fulcral da literatura galega actual, senón, e sobre todo, dunha figura humana excepcional, dun auténtico diamante moral no que espellarnos, dun militante infatigable dese inexistente partido galeguista pola unión, xa que cando e onde estivo Agustín procurou espazo para os acordos que permitisen enxergar horizontes de esperanza para o proxecto de construción da nación.

Vilalbés de orixe, chantou as súas raíces nas bidueiras do barrio das Fontiñas. Despois de traballar en Barcelona, A Coruña, Gernika, Mugardos e Pontedeume decidiu asumir a cidadanía viguesa no barrio do Areal, onde vivía dende comezos da década dos noventa. Doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, era moi querido na nosa abella da ribeira, onde teceu unha ampla rede de amizades, exerceu como profesor de Lingua e literatura no Instituto Rosais, escribiu a maior parte da súa obra literaria e dedicou moitas horas a desenvolver un completo proxecto de edición educativa como colaborador principal de Edicións Xerais de Galicia. Unha pegada viguesa, que impregnou a ambientación dalgunhas das súas narracións con inequívoca fragrancia de marusía, mais que se transformaba en afervoado celtismo cando se trataba de valorar o xogo de salón de Nolito e do seus compañeiros da canteira da Madroa.

Porén, non se pode entender a figura deste auténtico coloso das letras galegas de entre séculos, o autor máis lido na nosa lingua e con máis títulos traducidos, sen reparar nos seus sete cursos de formación na Laboral de Xixón, onde acadou a titulación de Peritaxe Industrial, mais sobre todo onde forxou o seu carácter de traballador ordenado, rigoroso, paciente e entregado que mantivo, a pesar da súa longa doenza, até os seus días derradeiros. Dende aqueles anos, prolongados en Barcelona, onde acentuou a súa ansia literaria, coincidindo co entusiasmo do 68, cando a súa xeración quixo pór o mundo do revés, alumeando o facho da liberdade e da democracia, Agustín foi un enxeñeiro das letras, un humanista tecnolóxico, fascinado pola lectura e polo cinema, as súas dúas grandes afeccións ao longo da vida.

Como tampouco se pode comprender a súa obra literaria sen atender a súa decisión transcendental de regresar de Cataluña e comezar os estudos de Maxisterio na Normal da Coruña, o que lle permitiría acceder de forma directa ao Corpo de Profesores de EXB. Dende entón, dende o primeiro curso na Escola Fogar de Santa Margarita, onde amigará con Xabier DoCampo e Xavier Senín, máis tarde escritores e cómplices do que será a “Xeración Lamote”, Agustín formou parte desa xeración de mestres, que se incorporou á escola nos anos do tardofranquismo e da implantación da lei Villar Palasí, que bebeu nas fontes da pedagoxía de aires renovadores chegados de fóra e levou ás nosas aulas o modelo de traballo individualizado do Plan Dalton ou as técnicas da imprenta na escola de Celestin Freinet.

No seu discurso de agradecemento do Nobel, Camus utilizou unha frase que hoxe ven ao caso: “Cada xeración, sen dúbida, síntese condenada a reformar o mundo”. A xeración de Agustín foi fiel a esta condena. Como os seus compañeiros e compañeiras teimou en reformar o ensino por dentro e por fóra, iniciando o camiño da escola en galego e conseguindo a proeza de recuperar as luces da escola das bolboretas da República, reinventadas, co período autonómico, como os valores da escola pública galega e os da incorporación da nosa lingua como vehicular no ensino obrigatorio. E de aí agromou, xaora, a pulsión literaria do autor de “Contos por palabras”.

Sendo mestre no Colexio Público Unión Mugardesa escribiu os seus primeiros contos en galego para o seu alumnado, utilizando procedementos semellantes aos empregados por Rodari, Dahl ou Ende. Por ventura, algúns daqueles textos de aula, logo incluídos sen asinatura nos primeiros libros de texto de Xerais das series “O Noso Galego” e “Canles”, deron o salto e foron publicados, cando Agustín tiña 42 anos, no libro “A cidade dos desexos” (1989), un dos títulos da recén nacida colección Merlín de literatura infantil de Xerais, que coordinaba xunto con Lastra e Vázquez Freire. Nacía así o xenial narrador, que publicou máis de medio cento de títulos para todos os públicos, sempre escritos en galego, traducidos a todas as linguas da península, o premio nacional e premio iberoamericano de literatura infantil e xuvenil, e sobre todo, o escritor ao que dende unha estrela distante choramos milleiros de lectores e lectoras. Beizón, Agustín, o noso mestre.

Poema de hoxe 187: “A partida” de Xavier Rodríguez Baixeras

Parto, canso,
na borra do solpor, beira dun mar
que está calmo de máis e desangrado
por espiñas de peixes abafados

Xavier Rodríguez Baixeras, A gándara da noite (Xerais, 1987)

Onte 1719: “Horizonte de sucesos” de Anxo Fariña na Feira de Vigo

Completamos no serán de onte as presentacións de Xerais desta exitosa edición da Feira do Libro na Porta do Sol coa de Horizonte de sucesos, a novela de Anxo Fariña. Unha novela de fronteira na que o contador de histoiras vigués, narrador e ilustrador, explora os límites da ficción, do onírico e do real. Unha novela de fronteira, tamén, no que atinxe aos públicos, xa que se dirixe tanto ao xuvenil como o das persoas adultas. Un libro de fronteira entre a narración e a ilustración, na medida que a imaxe de cuberta, unha homenaxe de Fariña ao xardín das delicias do Bosco (coincidindo cos cincocentos anos do pasamento do xenio holandés), constitúe en si mesma unha ollada perturbadora global da obra e dalgúns dos seus episodios principais.

XG00257701Na súa intervención Fariña explicou a importancia desta ilustración, “xa que é a que o narrador está debuxando como un traballo universitario, quixen que fose un xogo dentro da novela, case como o diario debuxado do propio protgonista”. O título da novela fai referencia a un concepto acuñado por Stephen Hawking, que diferenciaba entre o universo, o burato negro e o horizonte de sucesos, apenas unha raia, unha rexión limítrofe entre as outras dúas, da que só é posible fuxir se viaxamos á velocidade da luz. “O horizonte de sucesos é unha fronteira entre o espazo-tempo, un punto de case non retorno, unha terra de ninguén, un espazo limítrofe, un lugar e un non lugar como ese centro de acollida de menores onde sitúo a novela, ou como os campos de refuxiados onde as persoas pertencen e non pertencen ao mesmo tempo”. “O libro está dedicado a todas as persoas que conseguiron fuxir dese horizonte de sucesos, procurando o territorio da luz”.

Continuou Anxo Fariña explicando que “na novela hai unha intención explícita de non agochar a dor, presente na migraña, a doenza crónica que padece o protagonista, que determina a súa forma de encarar a vida no centro e a súa relación cos menores”. “Como migrañeiro crónico sei que queremos fuxir da dor, mais que ao mesmo tempo falar dela reconforta e fainos sentir mellor”. Definiu a novela como de intriga, onde a historia vai avanzando sobre un incidente determinante, ao tempo que o protagonista, o educador bolseiro, é apenas un observador da vida do centro e dalgúns acontecementos que non comprende”. “O experimento do Gato de Schrödinger serviume para explicar que unha mesma cousa pode ser e non ser ao mesmo tempo, o que supón un desafío para o lector que debe dirimir que parte da historia é real é cal non”.

Onte 1717: “Galería de saldos” de Diego Giráldez, presentación en Vigo

Galeria_de_saldos_Porta_do_Sol_05-07-2016

Outro serán excelente o de onte na Feira do Libro de Vigo instalada na Porta do Sol. A escritora Ledicia Costas asinou durante máis dunha hora nunha sesión de alicientes extraordinaria. O editor Fran Alonso e a actriz Deborah Vukusic presentaron Galería de saldos, magnífico libro de relatos co que debuta Diego Giráldez. Antes de ler o relato titulado “Luís Seoane”, Vukusic deu cinco razóns para ler Galería de saldos: primeira, “por tratarse dun libro de relatos, o xénero hipster da novela”; segunda, “para facerlle a competencia á prensa deportiva como Marca e outras publicacións semellantes”; terceira, “por tratarse dun libro para o verán con retrogusto pensante”; cuarta, “por deitar pingas de arte para facer un perfume silencioso”; e quinta, “para facelo un auténtico best-seller galego”.

XG00255001Fran Alonso comezou a súa intervención lembrando a magnífica acollida de público e crítica de Galería de saldos, á que non foi allea o magnífico booktrailer do libro, o primeiro en realidade virtual da edición galega. “A propia portada de Antonio Seijas, simbólica e irónica, minimalista, reflicte o espírito destes vinte e sete relatos guiados pola arte e pola interpretación da arte da man de Iago Losada, cuxas ilustracións deron personalidade ao libro”. “Brevidade, aire fresco, duro, ás veces xélido, que pode mancar. Personaxes en saldo, esmagados, perdedores, á beira do fracaso, cuxa subsistencia está marcada polas circunstancias. Historias duras, como a vida, sutís, feitas a través das palabras e dos silencios, do que se pode intuír, o que non se di”. “Todo o libro de Diego configura unha banda sonora global e cada un dos relatos posúe a súa propia. Con todo, hai en todo o libro un sabor de tango, por que ten sabor a melancolía rabuda, sensual e emocional”.

Seguiu Alonso salientando que no libro “a arte está en relación coa cotidianidade, co consumo, despoxada de calquera tipo de mitomanía. A arte incorporada ao consumo, á vida,desposuída do seu carácter artístico, o que lle permite ao autor ironizar e deitar unha ollada bastante comprensiva.” “Unha arte interdisciplinar, onde están presentes as artes plásticas, a música, o cine e a literatura, mesturadas coa publicidade e coa crónica das nosas vidas. Este é un texto onde todas as artes fúndense e as referencias culturais tecen unha malla sobre a que flotan os personaxes”.

Rematou Fran Alonso relacionando Galería de saldos con Vidas post-it, o libro de relatos de Iolanda Zúñiga: “decateime que o libro de Iolanda aparece citado no propio libro de Diego, hai conexións temáticas e formais entre ambas as dúas obras”. “Galería de saldos é unha biopsia social, unha análise crítica e irónica do entorno que nos rodea.”. “Diego Giráldez posúe un estilo rotundo que fai o libro moi compacto, sendo todos os textos moi homoxéneos”. “Un libro, pois, moi recomendable co que nace un narrador para a nosa ficción que demostra nesta primeira entrega todo o poderío”.

Pola súa banda, o autor salientou que esta era “un libro moi vigués, xa que había moita xente de Vigo relacionada coa súa produción e comunicación”. Relatou como hai uns anos chegara a Vidas post-it de Iolanda Zúñiga, “un libro que me marcou, co que entendín que se pode facer unha narrativa galega distinta”. Citou despois a importancia na obra das ilustracións de Iago Sánchez Losada e do booktrailer do que van “dez mil visualizacións en Facebook, o que arrima a literatura galega a outro público”. Confesou o autor a súa satisfacción polas sensacións que os lectores e lectoras crean co libro, semellantes as que pretendera: “ningún personaxe deste libro é unha fantasía, todos son froito dunha realidade actual que manca”; “este era un dos obxectivos que pretendín, que o lector se sentise completamente identificado”.

Onte 1716: “A dúbida” de María Reimóndez, presentación na Porta do Sol

Porta_do_Sol_04-07-2016

Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de VigoA dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.

XG00250501María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”

 

Poema de hoxe 182: «Isto é a poesía» de Berta Dávila

Isto é a poesía:
suxeitar a beleza talvez para exhibila
prendida de alfinetes sobre papel de inventario.

Berta Dávila, Raíz da fenda (Xerais, 2013)

Onte 1714: Días de feiras

Feira_do_Libro_de_Ribadeo_2016

Coincidindo co inicio do mes de xullo participamos nas Feiras do Libro de Vigo e de Ribadeo, dúas iniciativas para reconquistar o espazo público para os libros e a lectura. O venres acompañei a Ledicia Costas e a Pedro Feijoo nas súas presentacións en Ribadeo, onde Antonio Reigosa fixo un pregón memorable e onde María Lado e Lucía Aldao pecharon a xornada co seu recital «Sempre en Ibiza». As máis de tres horas de viaxe de Cíes á illa Pancha serviron para comprobar que «en Galicia todo é bonito», ademais de actualizar análises e compartir proxectos en marcha, o que un editor sempre moito agradece na conversa cos autores e autoras.

Feira_do_Libro_de_Vigo_Porta_do_Sol_01-07-2016

Unha xornada literaria moi intensa, coma a que sei se desenvolveu na Feira do Porta do Sol de Vigo, que abriu ao mediodía Antonio García Teijeiro co seu pregón e na que nun serán con moito publico participaron María Solar cunha longa sesión de alicientes e Ramón Nicolás coa presentación moi exitosa d’ O espello de mundo, a súa estrea como novelista. Unha feira viguesa que visitamos onte acompañando á asinatura de Pedro Feijoo e na que puidemos parolar devagariño cos libreiros vigueses esperanzados por esta mudanza de ubicación que devolve visibilidade á feira que hai máis de catro décadas creou na Alameda O vello Patiño.

Pedro_Feijoo_Vigo_02-07-2016

Tanto no caso da feira viguesa coma na mariñá, a primeira organizada cos criterios e coa dirección da Federación de Librarías e a segunda pola concellaría de Cultura de Ribadeo, comprobamos a importancia a implicación das iniciativas locais para deseñar, compartir e visibilizar o programa de actividades e procurar a implicación dos públicos. Un compromiso entre librarías, editoras e poderes locais imprescindible para refundar estas convocatorias que levan os libros as nosas rúas e prazas.

Poema de hoxe 180: “As estatuas” de Mario Regueira

Ese orgullo é outra insignia gardada por rutina.

Mario Regueira, O silencio (Xerais, 2012)

Onte 1713: A importancia dos detalles

As_horas_roubadas_Libraria_paz_30-06-2016

Manel Loureiro presentou onte As horas roubadas de María Solar na Libraría Paz de Pontevedra. O escritor pontevedrés, cuxas novelas están publicadas en trinta países, confesou que moito gozara lendo nunha “novela que coida moito os detalles, esas cuestións que dan cor ás narracións e son capaces de atrapar ao lector”. O autor de Fulgor salientou, despois, que “María Solar consigue trasladar a súa historia a un momento moi recoñecible, o de finais dos anos setenta, aquel dos sofás de escai e das televisións de cornos, o que constitúe un risco importante, xa que un pasado recoñecible e cercano convida ao lector a xogar coa súa memoria”. Rematou convidando de forma entusiasta á lectura d´As horas roubadas e abeizoando a autora pola súa capacidade por crear personaxes tan recoñecibles e, sobre todo, por ofrecer unha boa historia, o máis importante en calquera novela”.

Poema de hoxe 179: “Relato” de Ramiro Fonte

Unha casa de infancia morre ao chegar a primavera.

Ramiro Fonte, Pasa un segredo (Xerais, 1989)