O nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos constitúe para eles como poetas e narradores vigueses unha merecida honra da corporación do seu concello, que moito orgulla a Vigo na celebración da Reconquista 2018. Galardoados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o maior recoñecemento que pode recibir unha obra publicada, Ledicia Costas en 2015 por «Escarlatina, a cociñeira defunta» (Xerais 2014), e Antonio García Teijeiro en 2017 por «Poemar o mar» (Xerais 2016), este primeiro agarimo da cidade onde naceron e na que escriben e publican a súa obra literaria supón, probablemente, para eles un emocionante exercicio de xustiza poética. Xaora, esta distinción constitúe ademais a constatación do éxito colectivo de todas as participantes nos proxectos da literatura infantil e xuvenil e do fomento da lectura en lingua galega, tantas veces agochados ou inxustamente minusvalorados, a pesar de constituír un exemplo da achega formidable da diversidade acuñada polas minorías, en todo caso fantasías realizables das que Ledicia e Antonio son activistas e destacados promotores.
Con esta honra Vigo recoñece popularmente a unha autora e a un autor en lingua galega de xeracións distintas. Ledicia Costas pertence á Xeración da Esperanza, a das autoras que comezaron a publicar coa mudanza de século, no seu caso en 2000, ano no que apareceron no catálogo de Xerais tanto a súa primeira novela xuvenil «Unha estrela no vento», escrita en plena adolescencia, como o seu relato «Negrita» no volume colectivo «Narradoras», publicado na serie Abismos xunto a outras 24 narradoras. Pola súa banda, Antonio García Teijeiro forma parte da Xeración dos fundadores e fundadoras da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, a dos autores e autoras que comezaron a súa actividade nos oitenta e noventa do século pasado. Décadas desde as que García Teijeiro é incansable e teimoso promotor da causa da poesía infantil, tanto como autor («Aloumiños» foi en 1988 o seu primeiro poemario), editor (codirixiu a colección «Árbore» da editorial Galaxia, tamén desde 1988, xunto a María Victoria Moreno e David Otero), crítico (desde 1980 colabora nas páxinas de «Faro de Vigo») e docente durante tres décadas no Colexio Possumus. Un labor extraordinario de divulgación e fomento da poesía para a infancia que Antonio foi capaz de estender fóra de Galicia e da propia península, especialmente en Colombia e México, converténdose nun dos referentes internacionais desta angueira literaria.
Mais non esquezamos que Vigo recoñece tamén esta Reconquista a dous dos seus poetas primeiros, pertencentes a unha nómina iniciada hai oito séculos por Martín Codax e Meendiño, fundadores de Vigo como cidade literaria. Non hai dúbida que García Teijeiro é un dos nosos poetas maiores, xa con medio cento de libros de poemas publicados, boa parte deles traducidos, desde que hai xa tres décadas apareceran «Parolando coa vixencia» e «Retorno ós lamentos» (Xerais) até a súa recente e extraordinaria «Triloxía do Mar» da que forma parte «Poemar o mar», a obra pola que obtivo o Nacional, ademais de «En la cuna del mar» (Creotz 2015) e «Palabras do mar» (Embora 2015). Como tamén é poeta Ledicia Costas, fundadora do colectivo de renovación Poetas da Hostia, xunto a outros poetas vigueses da súa xeración, como Daniel Landesa, María Lado ou Xabier Xil Xardón, creadores dos recitais combate, ademais de autora de «Xardín de inverno» (2012), o conmovedor poemario escrito desde a desolación provocada pola morte da avoa.
Vigo agarima e agradece o traballo de dous dos seus escritores cabezaleiros en lingua galega, desa (para a nosa ventura) longa relación de contemporáneos que teñen localizado en Vigo a súa obra literaria, iniciada por María Xosé Queizán e Xosé Luís Méndez Ferrín, e continuada por Pedro Feijoo, Fran P. Lorenzo, Manuel Esteban, Fran Alonso, Cid Cabido, Domingo Villar, entre outros. Como poeta vigués do mar, Teijeiro dialoga ao longo de toda a súa obra coa tradición milenaria de Martín Codax, mais tamén con outra voces viguesas como as de Xohana Torres de «Estacións ao mar» e «Tempo de ría», María do Carme Krukenberg ou a da inesquecible Xela Arias de «Denuncia do equilibrio». Outrosí acontécelle a Costas como narradora, que reconstrúe nas páxinas de «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta» (Xerais 2016) aquel Vigo cosmopolita que visitou Verne en 1884, xermolo da cidade en estrépito, a abella da ribeira e a cidade revolcada ao longo do século XX.
O nomeamento de Ledicia e Antonio como Vigueses Distinguidos honra a quen outorga a distinción e á xenerosidade da cidade que os recoñece de forma unánime. Parabéns para eles e para as outras persoas e institucións distinguidas.